publicidade hoxe
Francisco Pillado Maior - Cabecera

Francisco Pillado Maior

na estrada  da Vida

 

Ábrese o pano da estrada da Vida e zoa, todo toleirón, o irisado vento de Elsinor. Trae malas novas ao corazón do país dos mil ríos. Francisco Pillado Maior, un dos intelectuais máis sobranceiros (léase, fundamentais) da cultura galega contemporánea, abandoa –tras vintedous anos de loita, re(existencia), esperanza, liberdade, de maxia tamén,- Edicións Laiovento.

O neno que ficou ferido para sempre pola beleza lorquiana, “por el cielo va la luna con un niño de la mano”. O home que gusta de recuncar, unha e outra vez, nos clásicos. Que non acredita nas emocións “prefabricadas”, nin nas bombas intelixentes, nin nos bombardeos humanitarios. O melómano que gusta do “divino” Beethoven. O intelectual que sempre optou por “Popularizar o Elitismo” e por combater a vulgaridade. O humanista que lembra que “debemos ser realistas e pedir o imposible”. O home que sempre subliña que o seu principal patrimonio é a súa paisaxe sentimental e afectiva.

En definitiva, unha das mentes máis lúcidas do país. Toda unha sinfonía vital, ética e estética en perfecta harmonía. Sensible e brillante, erudito e sinxelo, exquisitamente educado e valente(mente) crítico, deixa a dirección de Laiovento. E Galicia, como no poema de Díaz Castro, dá un (infindo) paso atrás.

De Pancho Pillado aprendemos –logo de moitas horas de conversas No Pazo de Laiovento-, que non podemos, nin debemos renunciar á utopía, aínda que esta sexa (por definición) inalcanzable. Que o segredo da existencia non está no horizonte (léase meta) senón no sentido e norte do noso camiñar na estrada da Vida.

Por todo isto (como teño dito en repetidas ocasións), os versos de Roberto Blanco Torres, “Loitador, non te deteñas!/levas a verdade no peito!/ e a Estrela que te guía/ ten resplandores eternos!/ foron ensoñados pensando en homes coma el.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 14 de Marzo do 2014 | 7:23 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"