publicidade hoxe
Fátima: “Cando unha parella nos contrata non busca desentenderse da voda, nin llo permitimos” - Cabecera

Fátima: “Cando unha parella nos contrata non busca desentenderse da voda, nin llo permitimos”

Fátima González

Se son vostedes unha desas persoas que acaba de decidir casar e que non sabe nin por onde empezar tomen nota porque esta podería ser a súa salvación. Saben o que é un Wedding Planner? Imaxinan o que sería contar cun asesoramento profesional dende que comeza esta carreira de fondo que é a voda e ata o mesmo momento no que empeza o baile nupcial? E é que se se plantean os preparativos como un precioso camiño para percorrer en parella ó máis puro estilo de peli americana igual un pouquiño de axuda non viña mal. Por aquilo de que a comedia romántica non acabe en peli de terror…

Fátima González

Nome: Fátima González (Vigo)

Un lugar: Canadá

Un hobby: a fotografía

Unha comida: mexicana

Unha virtude: empatía

Un defecto: medrosa

Un soño: ser feliz sempre

Para empezar, cóntanos, que é un Wedding Planner, Fátima? Cal é a vosa función?

Fátima González Wedding Planner nace coa ilusión de asesorar e apoiar ás parellas que desexan que a súa voda sexa un día único. A idea é estar con aqueles que precisan a alguén que os acompañe na negociación e asesoramento de provedores, na coordinación do gran día e que ademais lles axude na xestión de todo o evento, xa sexa por falta de tempo ou porque non viven en Galicia.

Pero isto como vai? Ti organizas a voda por completo ou é un asesoramento?

Nós ofrecemos dous tipos de servizos, un de asesoramento, no que despois de entrevistarnos coa parella poñemos á súa disposición toda a información necesaria para a organización da súa voda (provedores, tempos, ideas…) para que sexan eles os que despois continúen a súa viaxe en solitario. E despois outro que é o servizo de organización integral, no que empezamos a traballar con eles na súa voda dende o mesmo momento no que deciden casar e ata unha vez que comeza o baile nupcial. Aquí que facemos e apoialos e xestionar toda a posta en escena do evento, as ideas para adaptar os espazos e ademais, estamos presentes o día da voda para coordinalo e controlalo todo e que eles poidan disfrutar do día sen ningunha preocupación.

Que tipo de persoas buscan un wedding planner? Cal é o perfil dos que buscan os teus servizos?

As parellas que buscan un wedding planner son fundamentalmente aquelas que por tempo, normalmente debido ó traballo, non poden involucrarse ó 100% na súa voda, e precisan contar cun profesional que lles dea a seguridade de que todo vai saír ben.

Fátima GonzálezPero trátase de xente que quere desentenderse por completo dos preparativos, ou hai de todo?

Cando unha parella contrata o noso servizo nunca busca desentenderse da organización da voda, e nós tampouco llo permitimos. O que facemos é acompañalos no camiño cara ese gran día, e axilizar os pasos que hai que dar. Pero a última palabra sempre a teñen eles.

E que servizos ofrecedes? Ou sexa, ata onde se estenden as vosas posibilidades?

Todo! Vestido da noiva, traxe do noivo, dos nenos, alianzas, restaurante, música, foto e vídeo, estancia dos invitados, autobuses, papelería… E sempre respectamos as súas ideas, necesidades, orzamentos e preferencias.

Pódense aforrar cartos botando man dun wedding planner?

Si, pódese aforrar porque a nosa posición no sector permítenos loitar polas necesidades específicas de cada parella. Priorizamos os gastos e axudamos a reorganizar as partidas que poden ser rebaixadas dalgunha maneira. Traballar coas empresas do sector tamén nos da unha proximidade e posición co provedor que sempre da certa vantaxe.

Dirías que se está a demandar cada vez máis este servizo? Por que cres que é así?

Así é, cada vez demándase máis porque tamén se está a coñecer máis. Hai parellas que de entrada non lle atopan o sentido pero que unha vez lles explicas que estaremos 9 ou 10 meses velando por cada detalle da súa voda, falando de tendencias, facilitándolles cada paso, e o mellor, deixando que ese día se dediquen só a disfrutar, entenden que a aposta é moi positiva.

Fátima González

A pesares da crise a xente continúa casándose, non? Ou tamén se nota o baixón?

Nós pensamos que as vodas seguen existindo, o que cambiou é a cantidade de invitados. Agora son máis comúns as vodas pequenas, coa familia e os amigos íntimos.

Agora estamos na época das vodas por excelencia, cóntanos, que tipo de vodas están a triunfar nestes momentos? Cales é a tendencia?

Hai varias denominacións para definir o que está de moda nas vodas; vintage, rústicas, románticas… Eu máis que de tendencias falaría do que lles importa agora ás parellas. Se fai uns anos a prioridade era o menú da voda e que todo o mundo saíse encantado coa comida, sobre todo aquí en Galicia, agora hai outras cousas… A decoración do evento, a personalización da voda en cada detalle; a papelería, as flores, os regalos ós invitados… En canto á fotografía por exemplo, as parellas escapan dos posados, buscan fotos naturais e que o protocolo non sexa tan ríxido, que a xente se poida mover con liberdade e que todo transcorra con naturalidade.

En Galicia o que temos é uns lugares para casar, incribles! Cada vez son máis os pazos e fincas que se preparan para acoller estes eventos…

Galicia ten espazos únicos para a celebración das vodas ou de calquera outro evento. Existen empresas de restauración que están elevando a cociña galega a un nivel moi alto, e provedores ó redor destes eventos que cada vez son máis profesionais.

Fátima GonzálezE cal é a decisión máis difícil? Cal é ese punto da organización que adoita dar máis problemas?

Difícil non hai nada, todo se decide e se prepara con ilusión. Quizais o que máis tempo leva sempre é a decoración, adecuar o que queremos ás necesidades do espazo e ó presuposto da parella.

Algunha das que levas preparadas que recordes especialmente? Algunha da que te sintas especialmente orgullosa?

Estamos moi orgullosos de todas as nosas vodas e de todas as nosas parellas. Non podemos decantarnos por ningunha en particular porque todas teñen o seu estilo e personalidade, por iso son únicas .

E algunha peculiar? Algunha temática por exemplo, ou diferente?

Recordamos por exemplo unha o ano pasado na que tras a cerimonia relixiosa, tiñamos preparada unha goleta para subir a todos os invitados por sorpresa e dar unha volta pola Ría con todos. Foi impresionante ver as súas caras e ver como ninguén quedou en terra.

Está claro que é formar parte dun momento moi especial da vida dos noivos, acábase creando un vínculo con eles?

O vínculo que se crea é importante porque ó final es a persoa que os acompaña na preparación do día máis bonito das súas vidas. A conexión e a complicidade é necesaria para que eles se sintan cómodos e nós nos sintamos máis involucrados se cabe en que todo sexa tal e como soñan.

E ti como acabas dedicándote a isto? Supoño que non é algo que se estuda, como se prepara un para dedicarse a planificar vodas?

A miña formación é a Diplomatura en Turismo e dende que acabei a carreira traballei en hoteis e empresas de hostalería no departamento de eventos dende fai 18 anos. No existe ningunha titulación de Wedding Planner pero para levar a cabo este servizo creo que son necesarios uns estudos ou experiencia no sector dos eventos.

Como é Fátima González? Como é unha persoa que se dedica a isto? Romántica?

Considérome unha persoa ilusionada co seu traballo e co desexo de cumprir coas expectativas de cada parella. Implícome e agardo que ó final do día da súa voda cando nos despidamos deles, nos sintan como alguén con quen mereceu a pena pasar ese tempo e nos sorrían contentos de que esteamos aí con eles.

E xa para rematar Fátima, falemos de tempos, canto tempo antes hai que contactar contigo para poñer a maquinaria en marcha?

Poden contactar con nós en calquera momento! O ideal é que sexa cando aínda estea todo por decidir, pero xa tivemos parellas coas que organizamos a voda en tres meses… E outras coas que estivemos dende un ano antes. O que va variar é que hai que decidir más rápido!

Pois moita sorte e moitas grazas por conversar connosco!

Fátima González

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 2 de Xullo do 2014 | 11:30 a.m.

Outros temas de Entre Nós