publicidade hoxe
Eu son… o pico - Cabecera

Eu son… o pico

Alborexar primixenio, sobre un enredo espectacular e inmemorial de astros danzantes. 

Balcón sorprendente, dende onde a ousadía consegue relación entrañable co cénit místico. 

Cantor de murmurios, sons afastados e illados que transportan ata o dédalo da historia. 

Dama venturosa, soñadora de inocencia e imaxinación precoz ata acadar o enxoval feliz. 

Espírito diabólico, raptor de testemuñas na ultratumba para enxergar un profundo frescor. 

Fascinación latente, unha coroación onírica e misteriosa que brinca coa gnose humana. 

Gozo dos sentidos, variedade e diversidade de sensacións para unha heteroxénea ollada. 

Habilidade mutante, extraviado nun universo irreal emerxe dende as tebras a icona única. 

Impoñente sobriedade, dunha liñaxe de efluvios cascarolo que consegue un karaoke eólico. 

Kharxa derradeira, asubío rimado e bambeado que transcribe unha  loa encantada.

Labirinto sen par, senda nunha profunda escala que acada un chafariz de medos ancestrais. 

Murmurio constante, dunha flora e fauna de grande interese para unha natura idílica. 

Novelesco romance, intrigas e paixóns desenfreadas para o senlleiro ñu sedentario. 

Ñáñaras no horizonte, vagalumes acaparadoras dunha excepcional e pulcra ollada nocturna.

Obstinación salubre, vates e patriarcas coa súa inspiración acadaron o profético cumio.

Podio poético, a visión desa natureza sen par acada a éxtase dunha querenza exemplar.

Quimérico lendario, sempre na procura dos pousos da acordanza ata o relucente altivo.

Resoador profundo, continxente de abraiante caos sonoro ata lograr o silente no acougo.

Sagrado na xolda, esmorga na que troulean mouras e mouros na procura tenaz de xustiza.

Tanxencial no trivial, aínda que pola súa transcendencia é considerado emblema universal. 

Unitivo acaparador, a súa atracción no ten parangón mentres retella o verso disperso. 

Valedor do pobo, o gran referente dunha cultura que ten por ara o xenio da natura. 

Xasmín da contorna, dende o máis afastado atrae intenso arrecendo nun zunido harmónico.

Zalema agarimosa, dúas ducias para un monte encantado e idílico sen par.  

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 10 de Xuño do 2015 | 7:54 p.m.