publicidade hoxe
En Gres - Cabecera

En Gres

Comezo moi de mañanciña unha ansiada visita por unha acolledora paraxe, o meu destino o lugar de Gres no concello de Vila de Cruces. Coas primeiras luces da alba cruzo esta ponte histórica, ponte medieval onde os franceses foron rexeitados en 1809 na batalla de Ponte Ledesma.

Sobre tan histórico e fermoso monumento pétreo camiño devagar; admirar, cavilar e reflexionar, estou nun deses lugares axeitados para desenvolver tan necesario exercicio.

O río Ulla acada con rapidez esta Ponte de oito arcos, mais en canto as súas augas superan estes impresionantes ocos, semellan tan extenuadas e embelecadas que quedan a repousar formando un gran remanso, digno de contemplar e admirar.

Sorprendido por un alborexar madrugador e brincador, axiña procuro a ribeira do río, as súas caprichosas sendas nas insuas de Gres son un labirinto de intensas sensacións. Fantásticas estampas emerxen da combinación do escudriñador halo luminoso e as efémeras esmeraldas de orballo.

Reparo na miña privilexiada situación, estou nun escenario impresionante, formado polo río Ulla e a súa Ponte, os seus decorados de variada flora de ribeira son absolutamente sensacionais, mentres que os protagonistas forman parte dunha fauna residente de gran diversidade.

Sen decatarme, mergullado e absorto na contemplación desta contorna escoito soar as campás da igrexa de Gres, son as doce do mediodía, hora de visitar a fundación Neira Vilas e o seu morador, o amigo Pepe.

Coma sempre, son acollido pola humildade e xenerosidade dunha persoa agarimosa e de profundo respecto polos seus semellantes, un home que da man de Balbino chegou a todos os currunchos da terra.

Balbino e Neira, dende o seu galego de barrelo falaron a millóns de persoas, que posuían e posúen falas do máis diverso. No entanto, ambos os dous, aquí seguen coa súa fidelidade e agradecemento para coa súa terra.

No fardel da privilexiada memoria do Neira, escritor e persoa, un universo saturado de experiencias únicas que permanecen gravadas na súa acordanza, episodios que son relatados coa paixón e ilusión dos anos adolescentes de Balbino.

Mantemos unha conversa desigual que percorre Galicia, e a gran maioría dos seus principais actores durante o pasado século XX, o mantel dun restaurante próximo non foi impedimento para compartir ata ben avanzada a tardiña tan grata lección.

Experiencias e coñecemento de Neira con persoeiros tan relevantes coma; Isaac Díaz Pardo, Manuel María, Manuel Reimóndez, Rafael Dieste, Otero Pedrayo, Luís Seoane,..   tamén o tema da emigración e a gran débeda histórica de Galicia cos seus emigrantes.

Un pracer en forma de fortuna, para un veciño da outra ourela do río Ulla, poder gozar das experiencias e sapiencia do creador da obra galega máis coñecida, lida e traducida. Grazas amigo.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 2 de Abril do 2015 | 9:43 a.m.

Outros temas de Portelo do Retorno -