publicidade hoxe
Dublín, no meu corazón - Cabecera

Dublín, no meu corazón

Agosto. Chove e vai viruxe, pero non nos importa. Poñemos o chuvasqueiro e pateamos Dublín. Unha marabilla, semella Galicia. De súpeto, entre as nubes do ceo, sae o Lourenzo. Ficamos pampos, mudos (léase iluminados), polo ar, pola música, pola cor urbana da paisaxe e da paisanaxe.

É coma mergullarse nun infindo uni(verso) literario. Todos os recunchos da cidade arrecenden a literatura. As rúas, os pubs, os museos, os parques, a auga que descende das montañas de Wicklow, o escote da pescadeira Molly Malone na rúa Grafton, o coello que percorre o monte que temos a carón do noso hotel, preto de Phoenix Park; mesmo dous dos seus símbolos, como son a Guinness Storehouse e o Kilmainham Gaol, cárcere-museo, memoria viva irlandesa (onde se rodou In the name of the father), que visitamos co noso simpático guía Kevin.

Todo, insisto, está impregnado dun halo máxico – literario. Ata cando tomamos un taxi ao porto, ou nos perdemos nunha estación do tren para rexurdir (novamente) en Conelly Station; ou ceamos nun restaurante brasileiro.

Teño para min que Dublín é o que é mercede aos seus escritores, aos seus libros, á súa literatura. A cidade de St. Patrick sábeo perfectamente e, por iso, séntese orgullosa de todos eles.

Unha ponte sobre o río Liffey leva o nome do autor de Esperando a Godot, Samuel Beckett. Na esquina de Merrion Square fica feliz, estomballado, Oscar Wilde, que semella sorrir, cando lle agasallamos cun orixinal asinado de O Libro dos bicos. O creador do Ulises, James Joyce, pulula tamén omnipresente por toda a cidade; ao igual que o poeta William Butler Yeats (irmán do afamado pintor); o escritor Bernard Shaw, autor da peza teatral Pigmalión; Jonatham Swift, autor da obra mestra, As viaxes de Gulliver; ou Bram Stoker, co vampiro máis famoso da literatura, Drácula.

Unha das bibliotecas máis bellas do mundo, que alberga unha xoia única, o libro de Kells, está no Trinity College. E en calquera das paredes dos pubs de Temple Bar, nun ambiente de pintas e música en vivo, agroman os versos, os pensamentos, e os retratos dos grandes creadores irlandeses.

Ata, dende a National Gallery of Ireland, o xenial Picasso semella rendirlle unha (pictórica-musical) homenaxe á máis grande cidade literaria, co seu colorista, “Still life wih a mandolin”. Entrementres, Dublín, orgullosa dos seus libros, da súa literatura e dos seus escritores, deixa fuxir un sorriso de felicidade. E que como deixou escrito o xenial Joyce, “When I die Dublin will be written in my heart”.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 14 de Agosto do 2014 | 11:32 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"