publicidade hoxe
Quintela: “Os nosos obxectivos son os Play Offs, a Copa de España e a Copa Xunta” - Cabecera

Quintela: “Os nosos obxectivos son os Play Offs, a Copa de España e a Copa Xunta”

Diego Quintela

Con medio corazón na súa Arzúa natal, Diego Quintela xa case lle entregou o outro medio a cidade do apóstolo. Despois de seis tempadas no Santiago Futsal, o pichichi do equipo só pensa en continuar mellorando para seguir acadando éxitos para a súa afección. Aínda que o equipo atravesou rachas difíciles, Diego amósase optimista e ten os ollos postos nos Play Offs, na Copa de España e na copa da Xunta. Cal prefire gañar? E por que escoller?

 

Diego Quintela

Nome e apelidos: Diego Quintela Carril

Un lugar: Arzúa

Un hobby: escoitar música

Unha comida: lagostinos

Unha virtude: son moi extrovertido

Un defecto: a cabezonería

Un soño: gañar un mundial

En primeiro lugar Diego, que tal? Cóntanos como está o equipo? Como valorades a tempada que estades a facer?

Un ano máis estamos loitando para seguir estando arriba. Por momentos temos pasado algunha mala racha pero esperemos cambiala en nada.

Estades nestes momentos na zona media da táboa, como valorades os resultados? 

Aínda que é certo que ultimamente non estamos gañando, creo que estamos facendo unha boa tempada. En marzo temos a Copa en Logroño e a verdade é que a esperamos con moitas ganas. 

Cales son os obxectivos que vos marcastes para esta tempada?

Os nosos obxectivos fundamentais son meternos en Play Offs, e gañar a Copa de España e a Copa Xunta.

Retomastes a Liga fai nada, despois dun mes de parón, non é perigoso un descanso tan longo?

Eu creo que no noso caso o parón viunos ben para coller forzas e cambiar esta racha negativa pola que estabamos a pasar.

A título persoal, como te atopas? Supoño que satisfeito co teu traballo porque as cousas estanche a ir moi ben…

Si, de momento non me queixo e espero seguir sendo regular. Ogallá me vaian saíndo ben as cousas.

Chegaches a Santiago como xuvenil, esta é xa a túa sexta tempada no club, que se di pronto. Como valoras este tempo? Como cambiou Diego Quintela dende aquel rapaz de 17 anos que soñaba con triunfar ata o pichichi do equipo no que se converteu hoxe?

Todo chegou moi rápido. O primeiro ano xoguei cos xuvenís, o segundo co filial e o terceiro xa co primeiro equipo. Agora, na miña cuarta tempada no primeiro equipo e sendo o máximo goleador, o máis importante é que o equipo segue demostrando o que vale en tódalas competicións nas que está. É o que todo xogador pode desexar.

“Din meus pais que na casa o meu xoguete só era o balón, era ó único ó que lle facía caso”

Fálanos dos teus comezos? Cando e cómo empezaches no fútbol sala? Eras deses rapaces que levaba o balón pegado todo o día?

Si, din meus pais que na casa o meu xoguete só era o balón, era ó único ó que lle facía caso. Logo apuntáronme nas escolas deportivas de Arzúa e pouco a pouco fun xogando ó fútbol sala.

Tamén xogaches ó fútbol de campo, non si? Como foi que finalmente te decidiches polo fútbol sala?

Principalmente porque me gustaba moito e ademais porque creo que se me da mellor que o fútbol de campo.

E cando o descubriron? Cando te das conta de que pode ser algo máis que un hobby?

Diego QuintelaCon 14 anos xoguei no Riazor de Coruña, e foi con 17 cando me chamou o Lobelle. No momento no que entrei a formar parte do primeiro equipo neste club xa foi, e segue sendo, o meu traballo.

Houbo un ano que mesmo gañaches o trofeo ó xogador de maior proxección, así que as maneiras si que se che vían vir…

Bueno, iso é o de menos! Eu tiña claro que o que me gustaba era o fútbol sala e iso foi o importante.

“Cando me dixeron que me convocaba a selección pensei que me estaban tomando o pelo…”

Como foi o teu debut en División de Honra, como o recordas?

Recórdoo perfectamente, como se fora onte. Foi en Guadalaxara, non xoguei moitos minutos pero é algo que quedará sempre comigo…

E non falemos da selección… Xa foras internacional coa Sub21 pero agora, fai unhas semanas que debutaches coa absoluta, creo que cando cho dixeron case nin o crías…

A verdade é que non, pensei que me estaban tomando o pelo… Unha vez que o asimilei intentei facelo o mellor posible e disfrutar.

Diego QuintelaE como foi a experiencia? Que tal co equipo? 

Moi ben en tódolos aspectos. A experiencia foi incrible e o equipo e os compañeiros axudáronme moito. Sentinme moi a gusto no campo. A experiencia foi inmellorable.

Cal dirías que foi o teu partido máis importante? E o gol? Ese gol que vos deu a Supercopa?

O máis importante foi o partido da Supercopa, e o gol foi tamén ese si, o que nos deu o título no último momento, cando case pensabamos que se nos escapaba. Foi un gran momento e un honor poder marcar ese gol.

Digamos que todo isto é o premio ó teu esforzo? Custouche moito chegar ata aquí? E a familia que di?

É precisamente grazas a eles que estou aquí a día de hoxe. Meus pais foron os que fixeron miles de quilómetros para levarme a adestrar, sobre todo cando ía a Coruña… Pola miña parte houbo moito esforzo pero pola deles tamén, e finalmente chegou o resultado.

“O maior defecto que teño diría que é en defensa, quizais debería ser máis sacrificado neste senso”

Non fuches o único galego na selección, quere dicir iso que en Galicia hai boa canteira no fútbol sala? Temos bos xogadores a nivel nacional?

Temos moi bo nivel nestes momentos e tamén temos unha boa canteira preparada para darnos moitas alegrías. Estou seguro de que irá a máis.

Cal cres que é a túa mellor cualidade na pista? E o teu maior defecto?

A miña mellor cualidade na pista son as gañas que lle poño, que son as que me fan non deixar de pelexar nunca. Isto materialízase na verticalidade en ataque, que creo que é unha das miñas mellores aptitudes. Pola contra, o maior defecto que teño diría que é en defensa, quizais debería ser máis sacrificado neste senso.

En que situación se atopa o fútbol sala? Sigue sendo un deporte minoritario ou Diego Quintelacada vez vaise superando máis ese estigma? Pódese vivir desto, coma do fútbol, ou hai que pensar nun plan B?

Polo de agora pódese vivir moi ben os anos que xogas, pero unha vez o deixas tes que pensar nun plan B. Ter algo preparado para cando te retires porque senón… Non é coma o caso do fútbol.

Cal é o teu Plan B? A que che gustaría dedicarte ademais de ó fútbol?

O meu plan B estará sempre relacionado co deporte, non me gustaría deixalo.

E xa para rematar Diego, como ves o futuro? Gustaríache xogar noutros clubs ou quedarás en Santiago polo de agora?

A verdade é que non penso no futuro, son de ir pouco a pouco para ir mentalizándome. O que quero é facelo o mellor posible no presente e despois xa veremos.

Moitas grazas por ter conversado connosco, e moita sorte Diego. Sobre todo nese novo reto que che toca agora, o de pregoeiro da Festa do Queixo de Arzúa, seguro que che será máis complicado (Risas)

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 25 de Febreiro do 2014 | 1:40 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada