publicidade hoxe

Dende o Abril Portugués

Onte fixemos unha escapada ao país veciño. Un paseo, un pingo, unha conversa, un bo xantar e unhas pequenas compras converteron esta xornada nun día especial.

Na portada do xornal o “Público”, edición de Porto, chegaba cumprida conta da noticia, “morreu o contador de historias que inventou o realismo máxico”. O “Gabo”, como era coñecido popularmente, foi o escritor colombiano máis importante do século XX. Un dos iconos da literatura universal. E Cien años de soledad, editado en Buenos Aires polo editor coruñés, oriúndo de Corcubión, Paco Porrúa, o romance máis popular da literatura de lingua española dende o Quijote.

No “Público” tamén se dá conta, no eido cultural, de novidades editoriais do abril portugués. Cantores de Abril de Eduardo M. Raposo, un libro de afectos e unha pedagoxía da memoria contra o esquecemento. Ou Homenagem a Zeca Afonso, que rinde un tributo ao autor máis importante da música popular portuguesa, José Afonso. O creador da mítica Grândola, Vila Morena, utilizada polas Forzas Armadas, comandadas polos Capitáns de Abril que instauraron a democracia o 25 de abril de 1974.

E é que a vida –como ben escribiu o autor de El amor en los tiempos de cólera, na súa autobiografía Vivir para contarla non é a que un viviu, senón a que un recorda e como a recorda para contala. 

E contounos a vida (léase o abril portugués) en tres reportaxes sobre a Revoluçao dos Cravos (escritos en xuño de 1975 na revista Alternativa) nos que confiaba en que os militares do Movimento das Forças Armadas (MFA) conseguirían ese socialismo á portuguesa. 

E é que os portugueses, como deixou escrito Gabriel García Márquez, “estaban tan contentos con a liberdade que deixaran de respetar os semáforos”.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 19 de Abril do 2014 | 2:21 a.m.