publicidade hoxe
Deica logo, Miguel - Cabecera

Deica logo, Miguel

Correr é algo así como ler. Como mergullarse nun libro. É voar. É fuxir. A gran evasión do Steve McQueen. Lembras? 250 persoas querendo escapar dun campo de concentración nazi.  Principiamos a carreira. Poñemos música e a dárlle caña. Imos paseniño pasando as follas (do libro) pola rúa da Cultura, e voilá, prodúcese o milagre, adentrámonos no descoñecido, na ficción. Ou é ao revés. Que o máis máxico que existe é a realidade. Que máis dá. En todo caso (lendo ou correndo), o mundo por descubrir. Respiro polo nariz, boto o ar pola boca. Palabras de alento, de esperanza, de re-existencia (corro-leo logo existo). O vento cunqueirano da Congostra dáme na faciana e a choiva (que é Vida, pero xa podía ir parando, ou…?) cae (vale, póusase) a cachóns sobre min. Estou empapado (coma un “pito”). De súpeto, un mozo pasa a toda “mariasantísima” ao meu carón, deixando tras del unha estela de lembranzas. Ergue o brazo e saúda, “ola, profesor”. Quero devolver o saúdo pero cando vou abrir a boca (tarde piaches), o atleta estradense do Celta de Vigo xa non está ao meu carón, sácame dous centos metros. É Miguel Otero. O Miguel non corre. Voa. É un don natural e innato que posúe. Dende sempre. Cando representaba O Rap da formiguiña. Cando bailaba na Agrupación Folklórica Abrente. Cando xogaba ao fútbol no recreo. Sempre voando. Lembro a primeira vez que gañou unha carreira. Foi nun campionato escolar. Correu e correu ata que ficou só. Chegou de primeiro á meta, dun xeito natural, como se nada. Ninguén se imaxinou, nin por un intre, que correra enfermo. En fin, seica agora clasificouse, outra vez máis (tras unha brillante carreira de 1500 na Coruña), para o campionato nacional de atletismo. E dende aquí quero dárlle os parabéns, desexarlle sorte na carreira (da Vida) e, por suposto, devolverlle o saúdo, deica logo, Miguel.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 25 de Xaneiro do 2014 | 11:48 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"