publicidade hoxe
De viaxe - Cabecera

De viaxe

Nestes momentos, á hora de escribir este artigo, estou sentado ao ar libre, no porche da miña casa. Dentro de apenas unhas horas viaxarei a Gran Canarias, o lugar da eterna primavera que diría o poeta. Véxome atravesando a grande duna de Maspalomas e metendo os pés no atlántico. 

Bensabido é que esta illa, declarada pola Unesco reserva da biosfera, é un destino turístico importantísimo, pola diversidade da súa paisaxe, polas súas praias de area dourada e polo seu clima benigno.

Pero tamén é bensabido que a illa figura como paisaxe de fondo dun par de novelas de Agatha Christie, que alá andou polos felices anos vinte do século pasado. A escritora inglesa –cuxas obras por número de lectores seica só son superadas pola Biblia e polo mesmiño Shakespeare– hospedábase no Hotel Metropol. Foi alí onde deu renda solta á súa imaxinación e puxo a traballar á Srta Marple na súa novela Trece problemas e ao inspector Poirot, El tren azul.

E sabemos, dende a escola, que o autor de Doña perfecta, Fortunata y Jacinta ou dos Espisodios Nacionales, don Benito Pérez Galdos, era oriundo de Las Palmas. O que non souben, ata hai uns meses, era dos amores secretos entre o escritor canario e unha muller da Coruña, toda unha adiantada ao seu tempo, libre (léase, libérrima), feminista, culta, apaixoada das ciencias… Nada máis e nada menos que a creadora de Los Pazos de Ulloa, Emilia Pardo Bazán. Unha relación íntima, intelectual e sentimental, que podemos ler a través das noventa cartas que durante trinta anos a condesa lle manda ao seu amor, Miquiño mío. Cartas a Galdos (Ed.Turner).

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 10 de Xullo do 2014 | 11:29 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"