publicidade hoxe
David Noya: “Encántanme este tipo de programas nos que tes contacto directo coa xente” - Cabecera

David Noya: “Encántanme este tipo de programas nos que tes contacto directo coa xente”

David Noya

“Máis Galego” é a aposta da TVG para as tardes deste verán, e David Noya, xunto con Marta Doviro, será o encargado de conseguir esta fazaña; atopar ao galego máis galego percorrendo todos os pobos e vilas de Galicia. É a volta á televisión deste humorista que malia todo non abandonará os escenarios e continuará cos seus monólogos e espectáculos. O que fora o campión do Rei da Comedia repasa connosco a súa traxectoria e seus inicios, da man de Pocholo, Dinio ou Pozí, recordan?

David Noya

Nome: David Noya Carballeira (Coirós, 1979)

Un lugar: Coirós Paradise

Un hobby: ver pelis de Pajares, Esteso e Ozores

Unha comida: Todas as de Casa Maribel´s (miña nai)

Unha virtude: Considérome moi honesto

Un defecto: Digo sempre o que penso, para mal e para ben. Non teño moito filtro.

Un soño: Pode ser morrear con Rhianna???

Imitador onde os haxa, humorista, colaborador de radio, de televisión, non sei case nin como presentarte David… Faino ti!

Showman autónomo e vendedor de fume a prezo módico

(Risas) Agora proxecto novo! Cóntanos! Estréase xa Máis Galego, non?

Pois si, xa levamos unhas semaniñas gravando os programas e agora en xullo xa empeza a emitirse. Será un programa diario que se emitirá polas tardes, de luns a venres de 18 a 18:30. Agardamos que todo vaia ben!

E de que vai este programa David? Xa é a segunda tempada, non? Explícanos un pouco de que vai para o que falte aínda por engancharse…

Si, é a segunda tempada. “Máis Galego” é un concurso que se estrutura en tres grandes probas que os concursantes teñen que superar. Imos polas vilas de Galicia na procura do Máis Galego de cada unha desas tres probas.

Que medo! Que tipo de probas?

(Risas) Pois unha proba cultural, onde o concursante debe demostrar os seus coñecementos sobre a cultura, as tradicións, a historia e as costumes da vila onde se desenvolve ese programa en concreto. Unha proba sobre xogos tradicionais e populares de Galicia. E “O reto galego”, que ten que ver cos oficios, a gastronomía e o folclore da localidade.

E que novidades imos atopar? Vai haber cambios?

Si, hai algúns cambios. O primeiro son os presentadores! (Risas). O ano pasado estiveron os amigos Rafa Durán e Javi Varela, facendo un estupendo traballo. Este ano imos ser Marta Doviro e máis eu os que estaremos dándolle “caña” ós concursantes. Nesta edición queremos que sexan os verdadeiros protagonistas do concurso

Tiñas ganas dun proxecto así David? Como o afrontas?

Pois a verdade estou encantado, xa levaba uns anos (demasiados) sen facer tele, tíñanme abandonado ós produtores! (Risas) Botaba de menos un formato así. Encántanme este tipo de programas, estes nos que tes contacto directo coa xente e interactúas con ela. É bastante parecido ó “Arrampla con Todo” que fixera con María Solar, e síntome moi a gusto. Agora que dure moooooooito tempo! (Risas)

E que tal coa compañeira de batallas, con Marta Doviro?

Pois xenial con ela. Non nos coñeciamos de antes, e dende o primeiro momento encaixamos moi ben. Levámonos moi ben e penso que imos a ser os novos Emilio Aragón e Belén Rueda, ou algo así! (Risas de novo!)

David Noya con David Amor nun espectáculo conxunto A ti coñecémoste xa na televisión, cando gañaches o Rei da Comedia na TVG e despois quedaches finalista en TVE, como foi aquela experiencia?

O Rei da Comedia foi o trampolín que todo actor e humorista soña ter. De alí saíu unha canteira boísima de actores e humoristas. Foi unha etapa marabillosa onde aprendín moitísimo, e da que teño os mellores recordos da miña vida. Foi unha etapa persoal e laboral moi, moi boa. O Rei da Comedia, e despois “Arrampla con todo”, foron dúas grandes escolas que nunca esquecerei. O da TVE foi máis unha anécdota… Quedei finalista do casting de entre máis de 2000 persoas en toda España para formar parte do programa “El Rey de la Comedia” pero na ultima criba quedei fora e pasou o amigo Rober Bodegas que finalmente foi o gañador. Galicia canteira de “reises” da comedia!

E ademais do humor na televisión, moito humor tamén en directo, e na radio! Esta ten que ser bastante máis complicada, non?

A radio é outro mundo. A temporada pasada varios humoristas coruñeses faciamos unha colaboración humorística semanal no programa “Hoy por Hoy”. Eramos os “Cocos”, cómicos coruñeses. Podíamos facer humor libre sobre o que quixeramos, sen pasarnos, claro! Foi moi divertido pero sigo preferindo o contacto co público…

E que me dis do directo? Moitos son os espectáculos que levas postos en marcha… Adóitase dicir que este é o medio natural do humor, non sei se o pensas así.

Dende logo é o medio onde máis cómodo me sinto, disfruto moitísimo “monologueando” polos locais e teatros e tendo ese contacto directo coa xente. Por iso tamén neste formato de “Máis Galego”, porque é contacto directo e iso é o meu!

David Noya e Marta Doviro durante a gravación de Máis Galego

Pero si hai algo que caracterice a David Noya, inevitablemente, son as imitacións… (Risas) Ven dende sempre ou xa é de maior cando empezas a sacar personaxes?

Agora a verdade é que é algo que teño parado… Eu recórdome dende neno imitando aos famosos da época, era algo natural e saíanme sen pensar. Agora como che digo está parado, porque a verdade é que me cansei un pouco. Na época do Mississipi e de Carlos Latre en “Crónicas” foi o boom das imitacións e botaba todo o día imitando a Dinio, Pocholo, Boris, a Bruja Lola… Penso que me saturei. Imitaba na tele, na radio, de copas, cos colegas (Risas). Non paraba! Por iso agora o teño un pouco parado, aínda que de vez en cando segue saíndo Boris ou Pozí…

Cal foi a túa primeira imitación? Cal foi o primeiro personaxe que fixeches? (Aposto a que dos non coñecidos foi un profesor…)

Os profesores do colexio evidentemente! (Risas) Dos famosos, o primeiro non o lembro ben pero teño unhas fotos disfrazado de señor Barragán, con 13 anos máis ou menos, e por aí podía vir o conto!

David Noya e Pepo Suevos durante a presentación de Mr. Smith e Mrs. WelsonE a cal lle tes máis cariño? Cal é o máis querido para ti…

Boris, Pozí, Pocholo… Quizais con estes foi cos que mais disfrutei.

Como acabaches dedicándote a isto David? Como se toma esta decisión?

Pois non foi unha decisión, foi Deus que me chamou para isto! (Risas) A verdade é que dende que teño uso de razón quixen dedicarme a isto e algúns dos culpables foron Pajares, Esteso e cía. Mexaba de risa cas súas pelis, repetía as escenas unha e outra vez. Non sei cantas veces puiden ver esas pelis pero asegúroche que miles!

E como o levaron na casa? Agora que a cousa foi ben é fácil, pero túa nai non che dicía aquilo de… “Fai algo de proveito!” (Risas)

Ó principio víano como un hobby, cando xa fun medrando e comecei a dicir que quería ser actor dicíanme “adiante daviciño, cumpre o teu soño.”. (Risas nivel máximo!) Que va! Dicíanme o que todos os pais “déixate de parvadas e estuda”. E bueno, fíxenlles algún caso e ademais de formarme como actor e humorista e facer estas cousas, pois dediqueime, e aínda me dedico, a outras cousas que non teñen que ver con nada de este mundo. Máis ou menos sempre puiden compaxinalo e estou encantado.

E se non estiveras aquí, onde estarías? Que querías ser de maior?

Se non estivera aquí, estaría con Rhianna seguro! (Risas) Isto é o que me gusta

Como están as cousas David? Todo está en crise, iso xa o sabemos, pero ben certo é que se algo fai falta é humor, non?

Xa che digo! Rirnos de nós mesmos e intentar sorrirlle á vida é o que fai falta. Penso que rir e unha moi boa medicina para os tempos que corren.

Bueno, pois xa para rematar, para que non se diga, canto de galego é David Noya? Exemplos da túa galeguidade veña!

(Risas) Son moi galego e sendo dunha vila tan fermosa como Coirós máis aínda. Exemplos de galego? Mira que che digo: Luar, Gayoso, grazas, nembargantes… (Risas)

Pois moita sorte nesta nova andaina David e… GRAZAS!

 David Noya e Marta Doviro na imaxe promocional de Máis Galego

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 30 de Xuño do 2014 | 1:14 p.m.

Outros temas de Plató Aberto