publicidade hoxe
Coro Chorima (Moaña) - Cabecera

Coro Chorima (Moaña)

Coral Chorima

Como unha actividade máis dentro do programa cultural da Asociación de Mulleres de Moaña nace, en outubro de 1992, o grupo vocal Coro Chorima. Un Coro que nace vinculado ós proxectos e colectivos culturais da bisbarra.

O obxectivo fundamental deste Coro foi, dende os seus comezos, a promoción, difusión e investigación da cultura e lingua galega a través da canción popular. Para elo, traballan diversos estilos musicais e tratan de compilar e divulgar as cancións do patrimonio cultural galego.

Actuacións

Nun comezo as súas actuacións centráronse na bisbarra, converténdose en toda unha tradición para esta formación a participación anual no Festival das Letras Galegas ou no Festival de Santa Cecilia. Citas estas nas que participan ininterrompidamente dende a súa creación.

Outras actuación ofrecidas polo Coro Chorima son, por exemplo, os Festivais Corais de Moaña, o Festival de Panxoliñas de Caixanova, o Festival de Corais da Deputación de Pontevedra, o Festival de Habaneras tamén da Deputación de Pontevedra ou Festival de Panxoliñas en San Miguel de Oia, entre outros.

Vinculación social

Non obstante, o Coro Chorima tamén participou en diferentes eventos sociais de difusión cultural. Iso, en gran medida, ven motivado pola vinculación desta formación con proxectos culturais de todo tipo e tamén con diversos colectivos, froito do ter nacido nacemento no seo unha asociación, neste caso, de mulleres.

Dentro destes proxectos e eventos sociais e de difusión cultural atópanse; a VI Festa do Leñador en Moaña, o Día da Muller Traballadora en Cangas, a actuación dentro do programa “Tempos de Mulleres” en Panxón ou as Feiras Gastronómicas de Galicia e Norte de Portugal en Vigo.

Cabe destacar o galardón acadado pola formación en 1996, no Festival de Canción Inédita Galega da Estrada, no que se fixo co segundo premio.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 19 de Maio do 2014 | 10:45 a.m.

Outros temas de Galicia Canta