publicidade hoxe
Coral Polifónica Voces e Cordas de Sobrado do Bispo - Cabecera

Coral Polifónica Voces e Cordas de Sobrado do Bispo

coral_sobrado_do_obispo_1

As inquedanzas musicais dun grupo de veciños de Sobrado do Bispo (Barbadás) aos que lle apaixoaba cantar a capela e a gran vocación coral de José Soto Losada, párroco do pobo, foi o xerme que deu orixe en 1986 á Coral Voces e Cordas. Unha agrupación vocal que adquiriu o seu nome ao medrar a carón dun grupo infantil de rondalla.

Interpretan temas folclóricos de lugares como Dalmacia ou Xapón

Durante os inicios, a principal tarefa de Arsenio Alonso Araújo, primeiro director, foi adecuar as diferentes voces para convertelas nunha única entidade, para o que se serviu da súa formación musical compaxinando esta tarefa coa dirección de varias bandas de música. Seguidamente, e tan só durante tres meses, a batuta pasou a mans do párroco, José Antonio Bueno, quen contaba con experiencia previa tras haber dirixido a coral do Carballiño. Sen embargo, é a partires de 1989 cando a formación sufre un auténtico cambio, pasando a ser dirixida por un mestre de profesión, Epifanio Novoa Valencia, o seu actual director quen centrou a súa tarefa en dotar de personalidade propia ás interpretacións. Labor que consegue grazas ao seu compromiso, bondade e, por suposto, á experiencia de traballar durante tantos anos cos seus coralistas, coñecendo os seus defectos e virtudes e converténdose na actualidade no piar sobre o que se asenta o colectivo.

Conxeniar virtudes e defectos

coral_sobrado_do_obispo_4Unha tarefa, a de dirixir, que debe conxeniar á perfección as cualidades de cada membro para manter o ritmo das cancións e lograr unha afinación perfecta, xa que un grupo vocal de 24 membros -12 voces masculinas e 12 femininas- con idades que abranguen dende os 40 ata os 70 anos resulta complicado de capitanear. Aínda así, con ensaios de dúas horas semanais e a disposición e vontade dos coralistas, aos que os une a afección polo canto coral e a amizade e fraternidade xurdida dos anos de compañeirismo, esta labor resulta máis doada.

Repertorio orixinal

coral_sobrado_do_obispo_5Proba deste compromiso mutuo entre integrantes e director atópase no seu variado repertorio, que abarca as grandes épocas musicais; dende a Idade Media co Cancionero de Upsala ata temas folclóricos de lugares tan lonxanos como Dalmacia ou mesmo Xapón. Non obstante, as pezas máis tradicionais, como as panxoliñas, tamén teñen cabida compartindo protagonismo con composicións orixinais con letra dun dos membros da coral, Modesto Blanco.

Un variado repertorio no que destaca un tema popular do folclore galego “O Galo”, a peza máis interpretada no colofón de xuntanzas corais, e “Al lado de mi cabaña”, de A. Barja. Aínda que o tema que máis se lle resiste á Coral Voces e Cordas pola súa dificultade é “A tu lado”, de Busto.

A harmonía e a afinación son as claves para os certames

Encontros que traspasan fronteiras

Cun volume de traballo que se dispersa ao longo do ano, as actuacións desta coral increméntanse durante Nadal, Semana Santa e, moi especialmente na primavera, cos numerosos encontros que se suceden nas localidades galegas e que permiten fomentar o compañerismo que caracteriza ás corais, pois a todos os une a súa vocación, un hobbie que lles permite relacionarse e expresarse musicalmente. Actuacións que percorren a xeografía chegando a actuar no Encontro Galaico-Portugués de Corais en Viana do Castelo no ano 1990, participación na xuntanza coral de Medina del Campo (Valladolid) no 2001 ou en Piedras Blancas (Asturias) no 2009 e mesmo na TVG.

Harmonía, afinación e estética

coral_sobrado_do_obispo_2Sen embargo, a irmandade destes encontros muda en nerviosismo cando se trata de certames corais que, pese á experiencia, sempre conlevan certa preocupación ante os condicionantes. Para a Coral Voces e Cordas o aspecto determinante para ser galardoado é acadar unha boa harmonía e afinación, pero condicionantes externos poden afectar á interpretación, pois, por exemplo, as actuacións ao aire libre resultan moito máis complicadas que as igrexas ou salóns. Outro aspecto a ter en conta neste tipo de participacións céntrase nunha coidada estética que favoreza a imaxe da agrupación; pois independentemente da calidade vocal, un vestiario axeitado e uniformado adquire maior atención do público.

Entre as distincións coas que conta a Coral Voces e Cordas destaca o segundo premio á mellor interpretación de voces mixtas no Festival de Panxoliñas en Caixanova (Vigo) no 2004 e finalistas no certame organizado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia “En clave coral” nos anos 2007 e 2008.

Relevo e futuro

coral_sobrado_do_obispo_3Éxitos e recoñecementos que non só se xestionan con traballo duro, senón que precisan de financiamento para manter viva á agrupación. Nesta tarefa, as colaboracións e axudas resultan primordiais e que, no caso da Coral Voces e Cordas son soportadas coas aportacións dos socios e subvencións do Concello de Barbadás, quen tamén lle cede o local social no que se realizan os ensaios.

Ao problema do financiamento únese a falta de relevo xeracional, sendo estes dous aspectos os que determinarán o futuro da coral. Non obstante, dende a agrupación tratan constantemente de crear iniciativas socias que fomenten o interese e colaboración do público como magostos, sardiñadas, excursións… Pois dende a desintegración da rondalla infantil, hai xa 10 anos, a disposición dos máis xóvenes a participar resulta complicado.

Son estes condicionantes polos que a Coral Voces e Cordas só pide nun futuro continuar como ata agora, gardando no seu recordo anécdotas das actuacións, como cando durante a interpretación dun tema de folclore da Amazonia no que debían imitar sons de animais da selva, un dos membros non foi quen de reprimir un ataque de risa contaxiando a todos os compoñentes.

Profesionalidade e compromiso que se recolle nos dous CD´s que xa ten gravados a Coral Voces e Cordas e que lle permiten seguir soñando para que nun futuro, esta formación integrada na Federación Coral Galega (Fecoga) poida achegarse un pouco máis ao seu soño de converterse nunha agrupación da categoría do Orfeón Donostiarra, polo que profesan grande admiración.

 

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 1 de Xullo do 2013 | 6:41 p.m.

Outros temas de Galicia Canta