publicidade hoxe
Coral Polifónica de Santiso - Cabecera

Coral Polifónica de Santiso

coral-polifonica-santiso-f0Para reproducir nunhas liñas a ardua labor de manter viva unha coral, divulgar o seu traballo e dar a coñecer como é o seu día a día é preciso contar cun gran coñecemento da agrupación e, quen mellor que a súa presidenta para achegar as súas vivencias.

Eu chámome Teresa e son a presidenta da CORAL POLIFÓNICA DE SANTISO, dende fai un ano e medio, ademais de ser integrante da Coral dende fai 4 anos máis ou menos. Sen embargo vivín todos os acontecementos que arrodearon á Coral dende a súa creación xa que estou casada co seu director,  Juan Carlos Mazás Sanmartín.

 Xerminando unha coral

Todo comeza a principios do ano 2004, e o causante de todo foi Ramón Villar Edreira, o ex-alcalde do Concello de Santiso, gran amante da música e que xa anteriormente pertencera a outra agrupación vocal que houbera no municipìo pero que logo desapareceu. Comezou dándolle voltas na súa cabeza á idea de fundar unha nova coral, tarefa nada fácil, por certo, e empezou falando coa xente do lugar, movéndose diariamente, cocendo a súa idea, el é moi “testán” e cando se lle mete algo na cabeza…. Chegou onda Juan Carlos, o director -porque o coñecía, xa que eu son veciña deste concello, e aínda que dende que nos casamos residimos no concello veciño de Melide, seguimos estando moi vinculados á vila-. Juan Carlos, músico de profesión, non tiña ningunha experiencia nesto das Corais, pero…. quén lle di que non a Ramón!. Veu visitalo ao noso piso, quedaron nalgunha ocasión para tomar algo….. e logo de semanas de persuasión …. aceptou.

coral-polifonica-santiso-fEu non podía formar parte da Coral  porque entonces tiñamos dous nenos pequenos, pero gustábame moito o proxecto xa que ademais de coñecer a case todos os membros, vía como o director era o meu marido e miña nai e miña tía formaban parte das súas voces. Non había nin un peso pero o que sobraba era ilusión. E da noite para a mañá vinme convertida na secretaria do director, sen querelo, porque ás noites logo de traballar todo o día, era cando nos poñiamos entre os dous a preparar as letras das cancións para que logo empezaran os ensaios.

Había que buscar un local de ensaio e tampouco había moito onde elixir. Dende o principio, a Coral ensaia nun pequeno local social que pertence ao Concello de Santiso e que está situado en Agro do Chao (Ponte Arcediago), no que os invernos fanse longos, xa que non hai calefacción e hai días en que ensaiamos amantados coma se estiveramos no Polo.

Formalismos

Juan Carlos tivo que armarse de paciencia. O grupo inicial estaba composto por unhas 30 persoas que o que máis e o que menos, ninguén tiña nin idea do que era unha nota musical. Así a maioría das partituras había que “desfacelas” sacando só a letra para poder aprendelas de oído, a base de repetir, repetir, repetir….

E entón había que empezar cas formalidades, había que constituírse como asociación. A primeira directiva saíu dunha votación que se fixo un día no que se argallou unha cea. Primeiro ceamos e conversamos e logo, votouse, por escrito e secretamente. Así o primeiro presidente que tivo esta Coral foi Abel Vilariño quen aínda na actualidade é membro da Coral. Había que inscribir a asociación cun nome e orixinariamente denominouse “Asociación Coral Polifónica San Xoán de Arcediago”, dado que San Xoán é o patrón da parroquia de Ponte Arcediago que é o lugar onde ensaiamos. Pero logo, co paso do tempo acordouse modificar esta denominación e tramitouse o nome actual de “CORAL POLIFÓNICA DE SANTISO”.

coral-polifonica-santiso-f1p

Dirixir a todas as idades

Juan Carlos tiña por diante unha labor moi difícil, dado que alí o que tiña era un grupo de persoas que o único que querían era participar na Coral porque lles gustaba cantar e porque, dalgún xeito, nestas pequenas aldeas do rural tamén é moi importante para moita xente ter algunhas actividades nas que poder participar. Pero o que é idea de música…. nada de nada. A Coral iniciouse cuns 30 membros aproximadamente, pero tivo momentos nos que chegou a 38 membros,  aínda que na actualidade somos uns 27. Con idades que oscilan entre 60 e 80 anos, nos últimos anos houbo novas incorporacións entre as que me inclúo, e nas que cabe destacar membros xóvenes, dende unha rapaza de 12 anos, un rapaz de 18 ou eu mesma que aínda non chego aos 40!

Destacar que a cativa de 12 anos, estuda música no conservatorio, polo que acompaña á Coral tocando o piano para interpretar temas oportunos para celebracións como vodas ou comuñóns, así que a Coral está aberta a todo aquel que queira formar parte do grupo, aínda que non teña coñecementos musicais como nos pasa a case todos.

Falando con compañeiros que lle puideran axudar, o director ideou un pequeno repertorio, sen andarse metendo en obras de moito nivel, senón que fosen temas que soaran coñecidos e que non tiveran gran dificultade á hora da súa interpretación. Empezouse con música tradicional galega, como por exemplo: “ O Rodaballo”, “Catro vellos mariñeiros”…

Unha gran familia

Os ensaios empezaron a ser un día á semana, durante 2 horas aproximadamente, todo hai que dicilo, nesas horas tamén hai tempo para contar algún chiste, ou falar doutras cousas. O ensaio non é algo super-formal, senón máis ben é unha reunión de xente na que sempre xurde algún conto… Máis dunha vez o director ten que poñerse serio e increpar ao persoal para que non se vaia polas ramas….

Un traxe para a coral

coral-polifonica-santiso-f2Entón había que prepararse para facer un traxe. Por unanimidade de todos os membros acordouse que o tema da vestimenta era fundamental. Ala…. ideas…. O grupo non o tivo difícil, algo clásico, traxe con paxariña para os homes e saia negra, larga con blusa branca para as mulleres. Buscouse un xastre e unha modista, e cada un correu cos seus gastos. Esta vestimenta usouse durante os primeiros anos aínda que máis adiante engadíuselle algún complemento. Logo tamén por unanimidade acordouse que había que preparar outro traxe, máis bonito, que o outro xa estaba moi visto, así foi como fai uns 5 anos máis ou menos, nun taller de confección de Lalin encargouse unha chaqueta para as mulleres cunhas garabatas a xogo para os homes. Na actualidade úsanse os dous, cando temos actuación en certames ou festas lévase o traxe de “bonito”, e se hai unha celebración seria e relixiosa entón lévase a saia negra ca blusa branca.

comillas_openA gran estrea

O debut produciuse en maio do ano 2005, na “Festa da terceira idade o Concello de Santiso”. Nervios, intranquilidades, sesión de perruquería, cámaras preparadas na man por parte dos familiares de todos…. Foi todo un éxito, daba igual se saía mellor ou peor, o importante era que a primeira actuación estaba superada e todos os alí presentes aplaudían a rabiar que era o que todos querían escoitar.

A partir de aí empezaron outras actuacións. Cando por primeira vez dende o Concello de Melide chegou unha invitación para participar na Semana da música que eles organizan todos os anos… todo era entusiasmo e ledicia.

Ao longo destes anos a Coral de Santiso actuou en concellos veciños convidados polas agrupacións do lugar, así chegamos a ir a Teo, Sobrado dos Monxes, Agolada, Antas de Ulla, Melide, Boimorto, Toques, Arzúa, Vila de Cruces… Non saímos de Galicia, pero cada vez que se prepara unha actuación faise coa mesma ilusión que na primeira vez. Nos últimos anos fíxose asiduo que nos conviden a participar nas misas que se celebran nas festas populares dos pobos veciños, ou que amenicemos cerimonias como vodas, comuñóns, cabodanos e incluso funerais.

Compañeirismo

Dende a Coral de Santiso queremos subliñar que temos moi boa relación coas outras Corais coas que temos o pracer de compartir concertos, e que non hai ningún inconveniente se nalgún momento nos temos que botar unha man uns a outros. Gústanos ademais atoparnos con xente doutras corais e compartir coñecementos e anécdotas das nosas actuacións.

A Coral Polifónica de Santiso acude a certames cando somos requiridos polos compañeiros que os organizan, e logo nós organizamos dúas citas ano tras ano, nas que tamén convidamos a outras Corais ou grupos musicais dos concellos próximos. En concreto todos os anos no mes de setembro organizamos unha xuntanza de Corais na que actuamos tres agrupacións, e  polo Nadal un concerto de panxoliñas. Neste Concerto convidamos a que os nenos e nenas que queiran poidan achegarse e interpretar coa Coral unhas panxoliñas coñecidas por todos. Así un nutrido grupo de nenos e nenas acompáñannos incluso tocando algún instrumento musical de percusión.

 coral-polifonica-santiso-f3

Como no concello de Santiso non hai ningún tipo de auditorio nin casa da cultura, vémonos na obriga de celebrar as nosas actuacións na Igrexa Parroquial de Ponte Arcediago, aquí en Santiso. A época de máis traballo é no verán. Durante todo o inverno ensaiamos diariamente preparando novos temas para poder estrear na tempada estival, na que sempre xorden celebracións relixiosas ás que nos convidan, ou misas de festas populares.

Perpetuar o repertorio

Unha das citas que a Coral de Santiso organizou con máis entusiasmo foi a gravación no noso primeiro e único, ata o de agora, CD.  Hai que resaltar que quen máis tirou pola idea foi novamente Ramón Villar, e logo de moito madurar a idea o director procurou todo o necesario e grazas á axuda da Radio Galega, da Televisión de Galicia e do Concello de Santiso, logramos gravalo no ano 2011.

Tivemos que buscar un lugar axeitado para facer a gravación, pois o local de ensaio non valía xa que está ao lado da estrada, despois de darlle moitas voltas, a gravación tivo lugar na Igrexa de Santa María de Novela (Santiso). O director escolleu os temas, dentro do noso repertorio, incluíndo temas que abarcaran todos os rexistros: zarzuelas, música tradicional, música relixiosa… Todos agardamos con moita ledicia a chegada do CD, que cada membro da Coral fixo chegar aos seus familiares e amigos, tendo moi boa acollida, e aínda hoxe, que xa pasaron 2 anos, seguimos dispoñendo de exemplares para quen queira facerse con eles.

Nestes momentos é moi difícil manter viva a Coral, tanto economicamente como en número de voces. As axudas por parte das institucións son cada vez menos, a Coral recibe aportacións económicas do Concello de Santiso, da Deputación, de FECOGA…. pero estas non son fixas polo que nunca sabes se vas contar con elas ou non, e por outra parte Santiso é unha localidade rural e moi pequena na que a xente cada vez vai mermando e a maioría dos membros da Coral teñen unha idade avanzada, polo que hai moitas baixas por enfermidades sobre todo no inverno. Todos os membros fan un gran esforzo por acudir aos ensaios, cousa moi importante, porque sen ensaios non se fai nada.

Juan Carlos Mazás Sanmartín

Director da Coral Polifónica de Santiso

director-Juan-Carlos-Mazas-SanmartinNace en Brántega (Agolada – Pontevedra), en 1970. Recibe de seu pai os primeiros coñecementos de música, e da man do mestre José Oro Val comenza a súa carreira aos 12 anos.

Continúa cos seus estudos musicais no Conservatorio de Música de Lalín, sendo os seus mestres Orentino Sueiro e Marcel Van Bree. É neste Conservatorio onde obtén o título de Mestre de Saxofón, sempre ca máxima calificación, conseguindo Premio de Honor no ano académico  1994/1995. Asistiu a clases con Narciso Pillo, Andrés Gomis Mora, Jean-Marie Londeix  e  tamén asistiu a cursiños con saxofonistas de prestixio  coma a francesa Marie-Bernardette Charrier, José Silgueiro Gorriti e Manuel Miján.

Actuou como saxofonista contratado na Banda de Música Municipal de Santiago, onde obtivo o primeiro posto nas probas e tamén na Banda de Música Municipal da Coruña, onde actuou baixo a batuta de directores da talla de Jean Cober, Rafael Sanz-Espert ou Pierre Kuijpers. Nos anos 2000 e 2008, realiza cursos de dirección de Bandas de Música; e no ano 2005 obtén mediante concurso-oposición a praza de saxofón barítono para a Banda de Música Municipal de A Coruña.

É membro destacado da Banda de Lalín, na que actuou como solista invitado en diversas ocasións. Funda o cuarteto de saxofóns “LORIGA SAX”, e tamén é membro do cuarteto de saxofóns “SOALTEBA”, da Banda Sinfónica de Galicia, da Banda do Deza e da Banda  “HARMONIA”. Dende xaneiro de 1996, é mestre de saxofón no Conservatorio de Grado Medio de Lalín (Pontevedra). Dirixe a Coral Polifónica de Santiso (A Coruña), dende a súa creación a principios do 2004.

coral-polifonica-santiso-f

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 17 de Outubro do 2013 | 11:46 a.m.

Outros temas de Galicia Canta