publicidade hoxe
Coral Polifónica Beato Sebastián Aparicio da Gudiña - Cabecera

Coral Polifónica Beato Sebastián Aparicio da Gudiña

 

Concerto_guidinha_2006

 

Da man de Juan Antonio Pinza, fundador do conservatorio de Viana do Bolo, nace en febreiro de 2002 a Coral Polifónica Beato Sebastián Aparicio da Gudiña. Con estudos de música e sendo mestre de profesión, este primeiro director da agrupación reuniu a un pequeno grupo de amigos que compartían a súa paixón pola música coral para que, xuntos, e sen máis pretensión que dedicar o seu tempo de lecer a aprender a cantar en grupo, integrasen unha formación musical. E que mellor xeito de identificar as raíces desta coral que homenaxear a un dos seus ilustres no propio nome, un beato nado nesas terras, patrón dos viaxeiros e persoeiro polo que todo o pobo profesa a súa devoción, Beato Sebastián Aparicio.

Dende os inicios, a liña a seguir nos repertorios estaba marcada polas cancións populares galegas, habaneras, cancións relixiosas e misa en latín; sempre respectando o evento no que se realizara a actuación. Unha serie de xéneros que se manteñen dende que Miguel Ángel Guerra dos Santos tomara o relevo na dirección no 2011 e no que predomina claramente unha das pezas máis solicitadas polo público, “Velaí vai”.

Amantes da música

Coral Polifónica Beato Sebastián Aparicio da Gudiña

Aínda que as actuacións da coral se dilatan durante todo o ano, é nos períodos vacacionais cando se rexistra un maior volume de contratación, por unha banda en Nadal, e, especialmente no verán cando se suceden por toda a xeografía numerosas festas patronais e vodas. Unha intensa actividade que precisa de constantes ensaios, polo que os 25 compoñentes da coral, 10 mulleres e 15 homes, reúnense cada sábado na Casa da Viúva para ensaiar durante dúas horas. Un grupo tan heteroxéneo, con integrantes de idades que abranguen dos 35 aos 90 anos, podería resultar difícil de compaxinar; non obstante, o sentido de responsabilidade e interese que manifestan pola formación demostran o seu compromiso.

Trátase dunha vocación que, en ocasións mesmo se converte en traballo ao ter que sacrificar o seu tempo en familia por este hobbie. Pois como aseguran dende a propia coral, a mellor definición dos seus integrantes sería “amantes da música e do canto” que ceden o seu tempo de lecer para tratar de manter viva a cultura musical e achegala ao medio rural no que se atopan.

Sentido do ritmo

Integrada en Fecoga (Federación de Corais Galegas) dende o ano 2004, é a través deste organismo dende o que se xestionan a maioría das actuacións, aínda que noutras ocasións os concertos suceden dos diversos encontros con outras corais; o que da boa conta do compañeirismo que existe entre estas agrupacións vocais. Pese a que para o público en xeral as corais se vinculan máis co canto eclesiástico, en certo modo pola acústica das igrexas que favorece as actuacións, a súa presenza cada vez é máis recorrente en vodas e festexos, que descobren o amplo repertorio co que contan.

Coral Polifónica Beato Sebastián Aparicio da Gudiña

No que concirne aos certames, a Coral Polifónica Beato Sebastián Aparicio da Gudiña é consciente da dificultade que supoñen estes galardóns, xa que a afinación e o sentido do ritmo é o primordial, contando na comunidade cunha gran competencia. No caso desta agrupación, ningún membro conta con formación musical, non obstante cada un dos integrantes conta con dotes específicas como sentido do ritmo sobre as que traballan para lograr a profesionalidade e calidade vocal esperada. Proba disto atópase no amplo curriculum desta coral, que pese a súa xuventude, xa participou nos Encontros Corais de Vilamartín e Viana do Bolo en 2005, no I Encontro de Corais Polifónicas da Gudiña en 2006 ou no programa “Son de Outono – I Mostra de Corais” no 2007. Neste mesmo ano tamén actuaron no Concerto de Panxoliñas de Moraña e nos Encontros de Corais en Viana do Bolo e O Barco de Valdeorras.

comillas_openEn 2008 únese ás corais de Ponferrada, O Barco de Valdeorras e Viana do Bolo para crear unha “macrocoral”

Macrocoral

A partir deste momento, os seus concertos incrementáronse pois no 2008 participou no Encontro de Corais de Baños de Molgas, no Encontro de Corais de Bueu, no Encontro da Coral Polifónica Santa Eulalia de Donas (Pontevedra) e mesmo organiza o III Encontro de Corais Polifónicas. Ademais desta serie de actuacións, cabe destacar que, entre 2008 e 2009 únese ás corais de Ponferrada, O Barco de Valdeorras e Viana do Bolo para crear unha “macrocoral” que ofreceu concertos en todas estas localidades. En 2012 organiza un concerto de corais coa participación da Coral Candea de Viana do Bolo, Coral de San Lorenzo de Belesar de Baiona e a Coral da Gudiña.

Anécdotas

Unha dilatada experiencia que, aínda así, sempre mantén no recordo as primeiras actuacións, a inseguridade e a intranquilidade coa que se enfrontaban ante o público. Momentos de nerviosismo que, en ocasións, se converten en simpáticas anécdotas, como a ocasión na que un dos coralistas, na metade dunha actuación, lle caeron todas as partituras da carpeta e continuou cantando como se nada pasara.

comillas_openGrava xunto a outras 10 corais, un CD promovido pola Asociación do Alzheimer

 Solidariedade e supervivencia

A Coral Polifónica Beato Sebastián Aparicio da Gudiña conta coa gravación dun único CD pero, posiblemente, sexa a iniciativa da que todos os integrantes se atopan máis satisfeitos pois, no 2011 colaboraron, xunto a outras 10 corais, na gravación dun CD promovido pola Asociación do Alzheimer.

Unha iniciativa que se une a outras actividades como os concertos didácticos que tratan de fomentar o interese do público, especialmente da xente máis nova, para que se manteña a continuidade da agrupación. Unha tarefa complicada, na que o financiamento e o relevo xeracional, ao igual que nas distintas corais galegas, supón un gran reto para o seu futuro. Aportacións dos socios, colaboracións do Concello da Gudiña, entre a que se atopa a cesión do local de ensaio e cubrindo os custos salariais do director, e as subvencións de Fecoga compoñen o presuposto para manter viva a coral.

Concerto panxoliñas 2006Unhas dificultades que levan a esta agrupación a valorar e admirar a todas as corais, pois o sacrificio que supón participar nelas non é tarefa doada polo que o mellor futuro, a traxectoria envidiable, simplemente sería conseguir manter viva esta cultura musical ao longo do tempo. Mentres o que máis valoran os integrantes da Coral Polifónica Beato Sebastián Aparicio da Gudiña seguirá sendo gozar cantando.

Miguel Ángel Guerra dos Santos

Director da Coral

Miguel Ángel Guerra dos SantosNado en Verín, en 1985, Miguel Ángel Guerra dos Santos inicia a súa formación musical en 1992 cos estudos de Gaita Galega na Asociación Cultural “As Frieiras” da Mezquita. Tras continuar esta modalidade da man de Alberto Fernández Básalo, inicia, en 1998, os estudos de acordeón na academia “Sons do Mestremiro” baixo as instrucións de Edelmiro Luis Mateo García. No ano 2001 ingresa no Conservatorio Elemental de Múscia de Verín onde comeza coa especialidade de clarinete baixo a batuta de Nicanor Domínguez Cid. Durante esta etapa, compaxina, de xeito autodidacta, o estudo do saxofón. No 2003 accede ao Conservatorio Profesional de Música de Ourense para continuar coa especialidade de clarinete con Nicanor Domínguez. Finaliza en 2009, ano no que comeza, en Santiago, con Saúl Canosa Insua o perfeccionamento da técnica clarinetística ata o seu ingreso no Conservatorio Superior de Música de Vigo onde, ademais de estudar a especialidade de clarinete da man de Roberto Noche García se inicia en interpretación. Cabe destacar a súa participación como solista no Certame Nacional de Acordeón celebrado en San Clodio en 2002 con Piccolo Prigioniero de L. Ravasio para acordeón e a súa actuación como solista de clarinete no Ciclo de Concertos de Novos Intérpretes Verineses, celebrado en Verín en 2008.

A súa dilatada experiencia profesional abrangue a participación en diversas agrupacións populares como músico (gaita, acordeón, saxofón e clarinete), profesor e director da Asociación Cultural “Brétema” de Gomesende, integrante da Banda de Música de Celanova, profesor de música na Asociación Cultural “Os tres reinos” da Mezquita, ensaios e arranxos para as agrupacións “Monterrey” e “C.B.D.” e, tamén, profesor na Escola de Música e Cultura de Galicia de Barbadás. Dende 2011 dirixe á Coral Polifónica Beato Sebastián Aparicio da Gudiña.

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 20 de Xuño do 2013 | 9:35 a.m.

Outros temas de Galicia Canta