publicidade hoxe
Coral Polifónica A Cañiza (Pontevedra) - Cabecera

Coral Polifónica A Cañiza (Pontevedra)

Coral A Cañiza nun concerto en Ribadavia (2014)

A Coral Polifónica de A Cañiza foi fundada polo propio Concello da Cañiza, hai agora vinte anos. Concretamente foi no mes de novembro de 1994 cando comezou a dar os seus primeiros pasos. Por aquel entonces había unha forte inquedanza musical entre os veciños, e en vista da implicación e participación da xente do pobo, dende o Consistorio considerouse que o proxecto podería chegar a bo porto.

María do Pilar Antonio Gómez, máis coñecida na Cañiza como Maripi, púxose mans á obra e comezou a reunir a todos aqueles que estaban interesados no canto. Maripi era a Concelleira de Cultura da vila e non dubidou en ser a primeira en apuntarse a Coral.

Naqueles primeiros momentos a Coral da Cañiza estivo dirixida por Don Mario Grimaldos Jiménez, director que se encargou da súa presentación oficial. Nesta posta de largo a Coral da Cañiza foi apadriñada pola Coral das Neves.

Dende entón ata hoxe, foron varios os directores que pasaron por ela, e que a acompañaron na súa ruta polos distintos lugares de Galicia, Lisboa, Madrid e Valladolid onde tiveron ocasión de actuar. Por orde, despois de Don Mario Grimaldos, tomaron a batuta Dona Valentina Dolisnea, Don Enrque García Vall, e finalmente Don Jorge Fernández González.

Motivacións

Ten por norma non participar en concursos con premios, xa que non están interesados nos galardóns nin en presentarse a certames concretos. O seu obxectivo é ilusionar a quen os escoita e facer disfrutar ó seu público coas súas cancións. Cando logran isto, cando son que de transmitir a súa paixón pola música ao seu público, aseguran sentirse moi orgullosos e saisfeitos.

O motivo principal que impulsa ós seus membroCoral A Cañiza en As Neves (1997)s a continuar con este proxecto é a súa gran afección polo canto.

Integrantes

Nestes intres son 37 os integrantes desta coral, mais o seu número adoita oscilar entre 30 e os 44 coralistas. Nestes momentos, o número de mulleres é bastante máis numeroso que o dos homes, son 24 fronte a 13 voces masculinas.

A idade dos compoñentes está entre 30 e os 70 anos e aseguran que o máis complicado é atopar xente máis nova, xa que raro é que algún dos membros se integre na Coral antes dos 30 anos.

Presentación en sociedade

O momento máis curioso que recorda esta coral, foi o que se produciu durante a súa presentación oficial. Naquel momento, ademais dos nervios e a emoción polo debut e por presentar o traballo que estiveran levando a cabo, viviron unha das anécdotas que recordan con máis agarimo.

Só tiñan catro obras preparadas, xa que non levaban demasiado tempo ensaiado, e cando remataron o seu concerto o público, encantado co que escoitara, quería unha canción máis. Aseguran que nese momento non sabían como salvar a situación, ata que un espectador os sacou do apuro. “Se non sabedes outra repetide unha”, escoitouse dende a bancada, e así o fixeron. Os aplauso non tardaron en chegar e a sensación da primeira actuación non puido ser mellor.

Tamén recordan outra anécdota, esta máis graciosa que outra cousa. Foi a que aconteceu durante outro concerto, pasado xa algún tempo do seu debut. Unha das coralistas sufriu unha caída (sen consecuencias) no propio escenario e durante unha actuación. A pesares das risas, que non puideron evitar, continuaron cantando con profesionalidade, tratando de que se notara o menos posible. A día de hoxe continúan esbozando un sorriso ó recordar aquel momento.

Coral A Cañiza en Valladolid (2011)Repertorio

A peza que máis interpretan, a súa peza máis destacada, é Nocturnio de T. Olds. Por outra parte, a máis complicada á que se enfrontaron é Miña Galicia, de Manuel Cambeiro, que malia todo sacan sempre sen maiores problemas.

Aseguran que no aspecto económico non é sinxelo manter a coral, pero esfórzanse por que así sexa. Tanto é así que a Coral da Cañiza sobrevive grazas á achega dos seus propios compoñentes fundamentalmente. Estes aportan unha unha cota mensual e tamén unha extra cando hai que facer algunha viaxe máis lonxe ou cando precisan cubrir gastos de hotel ou similar.

Ademais, tamén contan con socios colaboradores, aproximadamente uns 300, que lles axudan cos gastos. En terceiro lugar o Concello da Cañiza, axúdaos cunha cantidade anual e ademais encárgase das copias das partituras, os programas, os carteis, etc.

Por último a lotería de Nadal, que acostuman a vender, axúdalles tamén a manter as súas arcas, e contan ás veces con axudas da Xunta de Galicia, a Deputación ou a Federación de Corais, pero nese caso trátase de axudas esporádicas

A outra dificultade coa que se atopan, ademais da económica e como xa comentamos ó principio, é a falta de compoñentes mozos que dean continuidade ó proxecto de aquí en diante.

Para tratar de solucionar este problema, están tratando de cambiar o estilo das obras que interpretan, introducindo pezas que gusten máis á xuventude e os animen a integrarse no grupo.

Polo de agora contan cun CD e teñen en mente gravar un DVD nun futuro.

Jorge Fernández González (Director)

Naceu en Tomiño no ano 1975, aínda que residiu en O Rosal durante moitos anos e actualmente vive en A Guarda.

Iniciouse na música con 7 anos, na xa desaparecida Escola de Música Municipal de Tomiño, e o seu primeiro mestre foi o clarinetista e director Don Manuel Martínez Tejido, quen lle inculcou os seus primeiros coñecementos musicais ademais de darlle clases de clarinete.

Ós 10 anos comezou oficialmente os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Vigo, finalizándoos no Conservatorio Superior da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela. Titulouse en Solfexo, Teoría da Música, Transposición, Acompañamento e Piano.

Realizou estudos complementarios de clarinete a raíz dos cales dende 1990 pasou a formar parte activa da Banda de Música Unión Musical de Mougás (Oia), na que ocupa o posto de clarinete principal e solista.

Cursou estudos de violín coa prestixiosa violinista Natalia Zoltan de Letonia, e recibiu clases maxistrais de piano e interpretación coa virtuosa pianista Rosa Jakutyte-Biveiniené de Rusia.

Foi un dos mestres fundadores da Escola de Música da Banda Unión Musical de Mougás, onde impartía solfexo. Tamén foi mestre de música noutras escolas de e colexios do entorno.

No mundo coral entrou da man de Don Enrique García Vall; compositor, cantor, director e fundador de renomeadas agrupacións corais. Realizou tamén diversos cursos de Dirección Coral, destacando os impartidos pola mestra estadounidense Tamara Brooks.

Acompañou ós teclados a diversas formacións corais como a Coral Polifónica de Tomiño e a de Baredo en Baiona. Na actualidade colabora con outras agrupacións cando lle solicitan a súa axuda.

Dende abril do 2009 compaxina a dirección da Coral Polifónica da Cañiza coa batuta do Coro “Ecos do Folón” de Fornelos en O Rosal, do que é o seu director e fundador.

Jorge Fernández González, director

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 1 de Xullo do 2014 | 10:30 a.m.

Outros temas de Galicia Canta