publicidade hoxe
Coral do Hospital Xeral – Calde (Lugo) - Cabecera

Coral do Hospital Xeral – Calde (Lugo)

Coral Hospital Xeral Calde

A coral do Hospital Xeral Calde nace no seo da Pastoral Sanitaria, un grupo de xente ligada ao Hospital. Nos seus comezos é impulsada polo sacerdote Edelmiro Ulloa, que actualmente é o presidente da asociación. Toma o seu nome da institución que a patrocina dende o seu inicio, o que no seu momento foi o Hospital Xeral – Calde de Lugo e que actualmente é coñecido como o Hospital Universitario “Lucus Augusti”.

Partindo de que é útil e necesario manter un corpus de obras relixiosas e profanas de diversas épocas e estilos, o coro vai formando o seu repertorio para poder así participar nos diferentes lugares nos que foi requirido.

Hai ocasións especiais que esixen un repertorio especial, como as cerimonias relixiosas, as festas de Nadal ou as conmemoracións de carácter galego. Para estes momentos contan con repertorios de música sacra, panxoliñas e música varia en galego, respectivamente.

Noutras ocasións prepáranse obras para determinados momentos e concertos concretos. Por exemplo, un concerto de música de zarzuela ou un concerto de coros de ópera; un repertorio sinfónico coral que se representan con axuda de un pianista ou unha orquestra, e se fan en casos excepcionais.

Certames ou premiosCoral Hospital Xeral Calde1

Non adoitan presentarse a certames ou concursos, aínda que nos seus inicios,  fai uns vinte anos, participaron no certame “Vila de Marín” quedando no terceiro lugar. Posto que tamén acadaron no programa da RTVG “Con música propia”, polo que as súas experiencias neste senso, malia que escasas, son moi positivas.

Os seus membros

O elemento definitorio deste grupo é o seu amor pola música e o gusto polo canto coral.

Nesta liña, dentro desta unión que hai entre eles, xogan tamén un papel fundamental outros dous elementos, ambos imprescindibles para continuar sacando adiante esta coral. Son  a constancia e o afán de superación.

Na actualidade, conforman o grupo, uns cincuenta coralistas. Aínda que ao longo do tempo se van producindo altas e baixas, mantense un núcleo principal bastante numeroso. Núcleo que ten unha media de idade duns 50 anos. Os máis novos roldan os 35 anos e os maiores están preto dos 70.

Se nos fixamos no xénero, trátase dun coro bastante equilibrado, sendo aproximadamente a metade de homes e de mulleres.

A maior complicación que se lle presenta a este Coro do Hospital de Calde son as diferenzas existentes entre os membros que o conforman. Diferenzas en canto a características, capacidades e actitudes dos seus membros. Isto supón que nalgúns momentos pode haber persoas traballando por debaixo do seu nivel mentres que a outros se lles poden presentar dificultades para seguir o ritmo de traballo. Malia todo, é unha cuestión que teñen en conta e como tal actúan en consecuencia. Tanto é así, que para evitar a exclusión traballan cun “listón” moi flexible.

Coral Hospital Xeral CaldeE é que calquera persoa pode cantar nun coro cuns requirimentos mínimos, xa que ao ser unha tarefa de traballo en equipo alí onde o esforzo do cantor non chegue haberá un compañeiro que o faga chegar.

Non é preciso ter formación nin experiencia previa para entrar a formar parte desta coral. Basta con ter un oído que non sexa malo, unha voz san e boa disposición. A formación recíbese unha vez dentro.

A técnica, a fidelidade na execución da obra e a capacidade de expresión artística son tres piares fundamentais sobre os que se asenta a Coral do Hospital de Calde. Os tres elementos clave que tratan de acadar e poñer en valor.

Escenarios

Por norma xeral, os coros desenvólvense moi ben nas igrexa, sobre todo naquelas que contan cunha boa reverberación, sen ser excesiva e sen producir confusión no oído.

O peor para eles é a sequidade sonora dalgúns auditorios, xa que nestes casos é o público quen percibe moi ben o son procedente do escenario, pero non así o coro, que non ten ese retorno do que precisa para auto-oírse.

Vestiario

En opinión desta coral, o vestiario non debería ser en modo algún determinante nun certame, outra cousa é a boa ou mala impresión que produza no público.

En palabras do seu director “un coro esfarrapado que canta moi ben é agradábel, mais un coro vestido de smóking e gala cantando mal non deixa de ser dobremente malo”.

Pezas imprescindibles

En cerimonias relixiosas é unha constante no repertorio desta coral, o “Laudate nomen Domini” de Christopher Tye. E no caso dos concertos cantan moito “Terra meiga” de Rey Rivero. A máis complicada coa que se atreven, pola dificultade de afinación, é “Beglückt darf nun dich” (Pilgerchor) de Tanhauser de Richard Wagner.

Contan con dous CDs gravados. O primeiro con motivo do décimo aniversario da fundación da Coral e o segundo fai dous anos. Polo de agora non están preparando sacar ningún máis.

Financiamento

O financiamento depende case totalmente, das cotas dos membros da agrupación e das actuacións en vodas e outros actos sociais privados.

Tamén contan con axudas de organismos públicos para celebrar determinados concertos, principalmente en Nadal e en festas locais de diversos lugares da provincia.

Cos gastos que se lles xeran resúltalles cada vez máis difícil seguir adiante.

AnécdotasCoral Hospital Xeral Calde

Nunha ocasión, a Coral do Hospital de Calde viaxou ata Bos Aires, nin máis nin menos, para realizar un concerto. Pero non imaxinaron o problema co que se atoparían durante a viaxe.

O aire acondicionado do avión estaba moi alto e mesmo pasaron frío durante o traxecto. Non lles quedou outro remedio que abrigar as gargantas como puideron para tratar de evitar o que xa vían vir… Ó final chegaron todos a Arxentina medio afónicos e por pouquiño, non nos da tempo a recuperarse para a primeira actuación. Imaxinen o nerviosismo xeral que se produciu despois de ter feito unha viaxe tan grande para aquel dar aquel concerto. Por sorte finalmente puideron cumprir e deixar o nome da Coral en bo lugar.  

Se lles preguntamos pola súa primeira actuación, temos que remontarnos ao certame “Con música propia” da TVG, certame ao que se presentaron coa humildade de quen nada agarda máis que participar.

Levaban a lección ben aprendida así que a súa participación foi relaxada, xa que ademais era un certame gravado, que se emitiría con posterioridade. A experiencia foi moi bonita e recórdano con moito cariño, porque ademais tiveron que estar suxeitos durante aqueles momentos, ao xeito de facer as cousas en televisión, con ensaios, esperas, etc…

E por se isto fora pouco, despois veu a grande sorpresa e alegría (máis grande aínda) da noticia do seu pase á final.

Na final houbo máis nervios e máis tensión que na primeira actuación, xa que ademais tiveron que verse co rival cara a cara. Pero en termos xerais, a experiencia foi moi positiva.

Non foi, con todo, a única saída ó estranxeiro desta agrupación. En bastantes ocasións, ao longo de todos estes anos, actuaron fóra; Portugal, París, Roma, o Vaticano, Viena, Budapest. Concertos que foron promovidos por eles mesmos, poñéndose en contacto con persoas e asociacións (Centro Galego, comunidades españolas, etc).

Coral Hospital Xeral Calde4Futuro

En canto ó futuro resulta demasiado aventurado falar sobre a  continuidade ou non desta agrupación. Aseguran que en principio, tal e como están agora as cousas, non hai razóns para angustiarse pensando no que virá, xa que non hai indicios de que vaia a haber problemas para manterse. Malia todo, é certo que non contan con xente nova, a pesares de que si a houbo no seu momento.

Trátase dun coro que se nutre co persoal do hospital, e os fillos dos coralistas xa non son rapaces pequenos. Son mozos en idade de traballar, casar, etc… A rapazada que tiñan hai anos eran eses nenos e nenas que agora están empezando a vivir a súa vida e o problema fundamental é o feito de non ter ningunha ligazón con escolas de música ou co ambiente estudantil da cidade.

Obxectivos

Neste momento atópanse nun momento de descanso, xa que levaban uns anos de moito estres, con proxectos que lles ocuparon moito esforzo e moito tempo.Están renovando o repertorio, e recuperando obras que cantaron hai anos, para darlles un aire novo e formar un corpus de música sudamericana para presentar en concertos.

A longo prazo queren volver montar un concerto con obras para cor e orquestra, ben de zarzuela, ben algunha cantata, misa, etc…

Fernando Gómez Jácome (Director)

Naceu en Lugo, no ano 1967. En 1981 introdúcese no mundo da música coral de man do Profesor Xosé Castiñeira. Licenciase en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago no ano 1991 e a súa formación no eido da dirección coral acadouna con mestres nacionais e estranxeiros, como Javier Busto, Julio Domínguez, Manuel Cabero, Carl Høgset, Fernando Eldoro, Dante Andreo, e outros. Recibiu clases de canto de Montserrat Pueyo, Fátima Miranda, Esperanza Abad, Antón de Santiago, etc. 

Impartiu cursos de interpretación coral e canto para a Universidade de Santiago, Universidade de A Coruña, e diversas institucións.

En 1991 faise cargo da dirección da Escola de Canto “Xosé Castiñeira”, na que permanecerá tres anos.

En 1992 participa na representación da zarzuela galega “Non chores, Sabeliña” dos lucenses Gustavo Freire e Trapero Pardo, desenvolvendo o papel de Xastrico, un dos personaxes principais.

Nese mesmo ano faise cargo da dirección musical da Coral do Hospital Xeral – Calde, e funda o Grupo Vocal “Sólo Voces”. Con este coro implícase na divulgación da música lucense, colaborando en diversas ocasións con Xan Carballal.

Dende 1999 dirixe o Conxunto vocal LUGH, co que no ano 2006, volvería representar “Non chores, Sabeliña” -esta vez no rol protagonista de “José”- nunha montaxe en colaboración de novo con Xan Carballal, 

Como director destas formacións vocais sempre busca a difusión da música de autores galegos, especialmente lucenses.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 21 de Marzo do 2014 | 4:34 p.m.

Outros temas de Galicia Canta