publicidade hoxe
Coral Brisas do Mar (Corme) - Cabecera

Coral Brisas do Mar (Corme)

Brisas do Mar

Orixe

A Coral Brisas do Mar nace no seo da Asociación de Amas de Casa e Usuarios de Corme, como unha actividade máis da mesma desta Asociación.

Nun principio está composta exclusivamente, de voces brancas e pouco a pouco, co paso dos anos, vánselle engadindo as voces graves ata converterse nunha coral polifónica. Chega entón o momento de segregarse da Asociación de Amas de casa e converterse nunha entidade completamente independente.

Nome

Durante a 2ª República e nos primeiros anos da posguerra xa existira unha rondalla-coral que se chamaba “Airiños de Corme”. Para non levar o mesmo nome, pero tratando de vincularse dalgún xeito con aquela primeira iniciativa, unha das integrantes do coro propuxo como nome “Brisas do Mar” de Corme. E así quedou establecido.

Brisas do MarPremios

Durante toda a súa existencia só se presentou a un certame, o de Caixa Nova no Teatro Rosalía de A Coruña. Decidiron facelo simplemente para poder cantar ante un público como o de A Coruña, xa que a súa intención non é competir senón pasalo ben cantándolle a un público que comprenda a súa esencia e a súa paixón.

Membros

Está formada por 32 membros:18 mulleres e 14 homes, se ben é verdade que non adoitan coincidir todos, dado que cada un ten os seus compromisos. É un grupo bastante homoxéneo no que respecta ás idades, porque practicamente todos son xubilados e xubiladas, con apenas un par de excepcións.

Desgraciadamente non hai xente nova nin posibilidades de rexeneración, debido á falta de relevo xeracional. A medida que van morrendo os membros, vai morrendo con eles a coral.

Motivacións

O nexo común dos integrantes é a melomanía, herdada posiblemente da necesidade de pasar o tempo nas moitas horas de ruta dos barcos nos que navegaban. Naquelas longas viaxes non había outra diversión e o que facían era practicar para, ao chegaren á terra, rondarlle polas noites ás súas mozas.

Brisas é unha coral con ganas de interpretar ben e atoparlle o gusto a unha canción. Non buscan os premios nin os agasallos, por iso non se presentan a competicións. Buscan divertirse, pasalo ben eles e facer que quen os escoita o pase ben tamén con eles.

Cando interpretan unha canción procuran entendela para poder vivila de verdade. Por este motivo, nunca interpretan en idiomas que non coñecen.

Brisas do MarAnécdotas

Como xa comentamos, só participaron unha vez nunha competición; foi no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Era o concurso de panxoliñas organizado por Caixa Nova e, a pesares de levar tantos anos actuando, os nervio non se poden prever e fixeron nesta ocasión a súa aparición.

Mentres interpretaban a canción, “O neno durmía”, unha peza que tiñan moi dominada, tiveron un pequeno erro de ton. Aínda que gran parte do público de seguro que non se decatou, eles non atopaban buraco no que esconderse. Sinal de que a profesionalidade, aínda que falemos dunha afección, vai por dentro.

Recordan tamén a primeira vez que actuaron en público, foi nas festas da Barquiña de Ponteceso, nunha enorme carpa erixida na explanada do Recheo. Estaban presentes a radio e a televisión locais, gravándoo todo. Tales eran os nervios nesta ocasión, que ata seis veces tiveron que comezar unha canción na parte primeira da boca cerrada, porque non daban collido o ton. A canción era “Eu de Marín ausenteime” e ó final, o director cansouse, cambiou de canción e comezaron unha nova. Cando remataron a actuación, todo eran boas palabras e parabéns, os que se tiñan por mais entendidos dicíannos: “Moi ben, moi ben, así se fai, hai que quentar as voces antes de empezar a cantar, como fan os bos futbolistas”. Aínda hoxe se lles escapa o sorriso de pensalo.

Repertorio

Probablemente a peza que máis interpretemos sexa “A branca gaivota” ou “A vella chalana” de Suso Méndez. Neste momento, a versión de Díez Resina de “Amor de Hombre” e “La leyenda del beso” de Soutullo e Vert pode que sexa a máis complicada.

Cando actuamos en público sempre procuran levar algunha peza moderna para que os mozos e as mozas vexan que tamén eles se poden divertir no coro.

Teñen dous CDs gravados. Un en Pontevedra, de música sacra, e outro en Coruña de música profana, co nome “A vella chalana”. Están preparando cancións para gravar outro máis pero o problema fundamental, coma na maioría dos casos, é o económico.

Financiamento

Sostéñense grazas ás cotas que pagan os socios e ós donativos desinteresados dalgunhas empresas, a parte das actuacións por intercambios que pode subvencionar a Deputación da Coruña ou FECOGA .

Malia tratarse dun financiamento axustado, e malia non ser fácil manterse, a maior complicación para garantir o futuro é a xeracional. Nun pobo de mil habitantes escasos, sen conservatorio e sen música na escola, é moi difícil que os membros que van desaparecendo, se vexan relevados por outras xeiras.

Brisas do MarActuacións destacadas

O sábado 13 de setembro de 2008 deron un concerto de dúas horas diante de máis de tres mil cincocentas persoas, baixo unha xigantesca carpa en Getxo (Bilbao). Foron invitados polo concelleiro de cultura, que os escoitara anteriormente nun dos festivais de habaneras na praza do Pan de Corme. Recordan este concerto con gran agarimo. Igual que recordan tamén o que ofreceron o 11 de setembro de 2009, unha actuación no “Salón Nobre” da Junta de Fregresia de Avintes (Vilanova de Gaia – Portugal), neste caso foron invitados polo alcalde desta localidade portuguesa.

Directores

Xesús Méndez Torrado é profesional da música. Foi o creador da orquestra Novas Ideas, de Corme e tamén foi director da banda municipal de Ponteceso. Ademais é compositor de música coral. Conduciu a coral dende a súa fundación en 1993, ata o 2008.

Sucedeuno no cargo, Ramón Saleta Neira, quen non é profesional da música pero que xa contaba con experiencia como mestre, ensinando a cantar a un pequeno grupo de nenos e nenas de Corme entre os anos 1995 e 2000, ano no que pasa a formar parte da coral compartindo a dirección con Xesús Méndez. No ano 2008 pasa a facerse cargo da dirección da agrupación en solitario, cargo que desempeña ata a actualidade.

Brisas do Mar

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 5 de Maio do 2014 | 3:46 p.m.

Outros temas de Galicia Canta