publicidade hoxe
Coral Alameda de Pontevedra - Cabecera

Coral Alameda de Pontevedra

coral-alameda-f1A Coral Alameda de Pontevedra comeza a súa andaina no 1976, da man do seu impulsor e inicial director, Eduardo Mola. O xerme da formación naceu como unha actividade lúdica máis dentro da residencia de anciáns da rúa Alameda, da que provén o nome da agrupación. Dende entón contabilizáronse varios directores ata que, en 2004 toma a batuta María José Diz Fernández que ocupa este cargo ata a actualidade.

A formación, integrada na Federación Coral Galega (Fecoga), está composta por un total de 30 voces, 20 femininas e 10 masculinas, cunha media de idade que abrangue dos 60 aos 85 anos. Con amplos tempos de ensaio de catro horas semanais na Residencia de Maiores de Campolongo a Coral Alameda identifícase a si mesa como un grupo de persoas xubiladas que o único que buscan é aprender cousas novas ao tempo que pasan un bo rato en compañía; unha vocación que se transforma nun agradable traballo.

A beleza da harmonía

Convertidos nunha gran familia, como tal as súas discrepancias resultan anecdóticas proporcionando un halo de humor e complicidade como é o caso da elección do vestiario pois a boa presenza no escenario sempre é un punto a favor; un debate que non sempre atopa o consenso aínda que, como indican dende a coral o gran atractivo da formación chega á hora da actuación, a beleza de todas as voces unidas a un son.

É por iso que a máxima da Coral Alameda basease en aprender todo o posible e ir mellorando con cada actuación, só deste xeito se entende o doce recordo que gardan da primeira actuación, xa que a experiencia proporciona esa serenidade para avaliar e mellorar cada concerto. Así se coñecen as vicisitudes e potencialidades do contexto pois para esta agrupación resulta máis doado actuar en teatros ou pavillóns antes que nunha igrexa; e mesmo determinar o grado de complexidade dalgunhas pezas como “Zamba”.

coral-alameda-f2

Mantemento dunha coral

coral-alameda-f4Como sucede con outras formacións vocais, as grandes dificultades ás que se enfrontan para garantir o futuro son a falta de relevo xeracional e, por suposto, o financiamento. É este aspecto económico o que repercute de xeito máis directo pois, aínda que marcan unhas cotas mensuais son precisas as axudas da administración para sufragar gastos derivados dos desprazamentos ou vestiario, entre outros.

Non obstante, o compañeirismo entre os integrantes e mesmo con outras corais, as anécdotas e recordos son merecedores do esforzo, así como a experiencia de subirse a escenarios de toda Galicia, contando con actuacións en Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Vilagarcía, Ferrol… e mesmo na veciña Portugal, en Viana do Bolo. A estas colaboracións, nas que se inclúen participacións en concertos de carácter benéfico, engádense os encontros organizados en Pontevedra como son o Nadal, o Día das Letras Galegas ou as festas da Peregrina.

 

 

coral-alameda-f3

 
Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 16 de Setembro do 2013 | 11:51 a.m.

Outros temas de Galicia Canta