publicidade hoxe
Como dicirche… - Cabecera

Como dicirche…

Como dicirche que cando a choiva cae, sobre o chán gris da Congostra, un verso de cores ilumina a comisura dos teus beizos. Que a liña dos teus ollos é o meu horizonte. Que miles de lúas pasarán e que seguirás vivindo no meu recordo, coma o sol deste inverno deitándose na tarde. Como dicirche que é posible (mesmo necesario) voar sen ás. Que hoxe o vento ventea máis do normal. Que as ondas ondean loucas e intentan saír do mar. Que non hai dous sen tres. Que a vida vai e vén. Que xamais se detén. Como dicirche que a saúde é o noso ben máis prezado. Que a sanidade non se pode recortar (é indigno). Que a escola pública é o maior faro para impedir que os pobos tropecen. Que non se poden separar os nenos das nenas. Que os nosos maiores teñen dereito a danzar unha vez á semana. Que unha banda de pardais interpreta en primicia (só para ti) temas de Maná e Chopin e de Supertramp e de Mozart e de Tchaikovsky e de Golpes Bajos. Como dicirche que podes conseguir ese traballo que arelas, que precisas, que necesitas para dárlle de comer aos teus e non ter que emigrar do teu país. Como dicirche que non fiques desesperado no esquecemento. Que non afogues tristeiro nun bar. Que sempre hai alguén que te quere. Que sempre hai unha ventá aberta. Que todos os días amañece, que non é pouco. Que o máis difícil da vida é vivila. Que hai que re-existir, reinventar, redescubrir outros mundos. Que a perfección non existe. Que a arruga é bela. Que aínda que as “cousiñas” non saian coma nos soños, es a mellor nai e o mellor pai. Como dicirche que chorar é bo (e necesario, tamén). Que a vida só se vive unha vez e hai que aproveitala. Que contra tanta (e tanta) mediocridade, belenes esteban e paquirríns, existe un antídoto infalible, ler a Saramago ou a Neira Vilas ou a Casares ou a quen a ti libre(mente) che pete. Como dicirche que chegará unha vez máis a primavera, pintada por Lareo, inzada coas cereixas de Benedetti, as sabedeiras mazás de Cunqueiro, os limóns de Pintor e os carballos de don Avelino Pousa Antelo. Como dicirche que vivimos nun mundo que se tiras unha cabicha pola fiestra do coche, quítanche dous puntos e tes que pagar 200 euros de multas. E que se botas na costa 77.000 toneladas de chapapote (perdón, “hilillos de plastilina”) non pasa ren de ren. Que non somos todos iguais. Que hai xente boa e xenerosa, que loita todos os días (os imprescindibles dos que falaba Bertold Brecht) por construír un mundo máis humano. Como dicirche que a ilusión e a emoción e os sentimentos e a dignidade e a felicidade, non se mercan con cartos. Como dicirche que cando a choiva cae, sobre o chán gris da Congostra, un verso de cores ilumina a comisura dos teus beizos.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 18 de Xaneiro do 2014 | 12:22 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"