publicidade hoxe

Chove en novembro

“Entrou a mañá no meu pobo// tan limpa, tan redonda e pura// como unha mazá// sobre un espello//.” Así principia ese poemario portentoso, todo un deleite para os sentindos, ao que de cando en vez teño que recuncar, Sombra do aire na herba; entrementres, no calor do fogar resoa con forza o November Rain de Guns N´Roses.

Teño para min que a poesía é unha desas “cousiñas” imprescindible para vivir; tal vez, como a choiva de novembro, tal vez sexa porque –como gustaba de dicir o mesmo Luís Pimentel, a poesía é o grande milagre do mundo!

“Faremos música do teu voceiro// Eiquí estamos coa túa lingoaxe vulgar.// Nomearás, calquera cousa// –árbore, cabalo, pedra–//e veralos nacer coas súa vida máis íntima// cos seus contornos máis puros//

Coa palabra poética soñamos, reinventámonos, reivindicamos o idioma de noso, redescubrímonos… Voltamos a ese espazo idílico e marabilloso que son os pendellos da memoria, o camiño de volta do que tantas veces teño falado nestes artigos. Velaí ese poema extraordinario que leva por título “Volver”, ensoñado polo poeta Rafael Lobelle, Andar ás apoútegas (Ed. Fervenza, 2014).

“Hai certas cousas que só entendes logo dun despois// como cando volves//o sol caendo infinito detrás do horizonte// a friaxe do luscofusco dun día de Outono perseguíndoteche as costas// unha liña de corvos partindo o ceo camiño a algures// o macuto resentido tras a viaxe// as pernas rabuñadas polos toxos bravos// canso// como sempre é o regreso.// E entón sucede// mainiño, vai chegando o lene cheiro de castañas asadas ao lonxe// e apuras o paso.// Mentres todo vai cobrando sentido.

A poesía e xa que logo un arma de construción masiva. Constrúe soños, esperanzas, utopías… Re(constrúe) vida. Por iso nesta mañá de outono sinto a sombra do ar na herba. Por iso resoa en todos os recunchos do uni(verso) chove en novembro.