publicidade hoxe
Chéjov en Guimarei - Cabecera

Chéjov en Guimarei

Onte, logo de que a xente saíra da novena, contra as dez da noite, asistimos (na biblioteca que leva o nome do abaixo firmante) á representación do monólogo –interpretado por Gonzalo Valcárcel–, Os males que produce o tabaco, orixinal do dramaturgo ruso Antón Chéjov.

Deste xeito teatral (tan anovador) principian este ano as Festas das Dores, organizadas pola sempre exemplar Asociación Deportivo e Cultural de Guimarei.

Invitáronme a presentar o evento. De Chéjov –que naceu na pequena cidade de Taganrog, no Mar de Azov– dixen que era médico e un escritor xenial, aínda que el sostiña que a medicina era a súa esposa fiel, entrementres que a literatura, tan só, a súa amante.

Subliñei, tamén, que se movía moi ben nas distancias curtas (relatos e contos) e que foi un auténtico pioneiro no uso da técnica dos monólogos (da que logo beberían entre outros James Joyce).

Do amigo Gonzalo Valcárcel tan só apuntei que era un grande actor (o papel no que lle dá vida a Niujin é a proba); e unha grande persoa (cousiña bastante máis complicada que ser bo actor).

Nin que dicir ten que a representación resultou todo un éxito. Houbo risos e gargalladas, mesturados con facianas de reflexión, contrariedade, sorpresa… O sal e a pimenta do teatro (léase da vida). Tal e como o ensoñou Chéjov. Tal e como conseguiu un Gonzalo Valcárcel que estivo realmente maxistral.

Ao remate da función, entre aplausos e parabéns, o actor (con raigame en Guimarei), orgulloso e emocionado, relatou unha nova íntima e familiar, a súa dona Amalia, viña de aprobar a última materia que lle quedaba para rematar a carreira de Psicoloxía.

En fin, teño para min que o mesmo Chéjov, tan afeccionado a profundar na psicoloxía dos seus personaxes, ficou feliz por estar presente nestas Festas da Dores de Guimarei.

Gonzalo Valcarcel

Compoñentes da Asociación Deportivo e Cultural de Guimarei co actor Gonzalo Valcárcel e a súa dona, Amalia Maceira, tras a representación do monólogo de Chéjov.

 

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 19 de Setembro do 2014 | 6:06 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"