publicidade hoxe
Chantre Ulla - Cabecera

Chantre Ulla

Melodía de mouras preto dunha fontenla que emerxe con suprema enerxía en Antas, xurdir para explorar e admirar o territorio, adaptarse e mesmo integrarse, unha vocación inherente a estas augas mozas.

Dende tempos esquecidos na inmorredoira existencia das augas do Ulla perdura o vigor nos torrentes de Mácara, aloumiño tranquilo de Novefontes, o agarimar convulsivo nas insuas de Gres, a incredulidade do acubillo ao mosteiro de San Xoán da Cova, tamén a compresión e a acollida da manifesta rebeldía do Pambre, Arnego ou Deza. Por suposto, sempre asombra a súa luminosidade única e posesiva.

Oírmos o reverberar destes átomos acuosos do Ulla, un enigma de mística e permanente confabulación con entes prodixiosos.

As brincadeiras salvaxes das augas e os seres que as habitan en Mácara son un síntoma verosímil da inmensa carga emotiva daqueles trasgos que lograron manter en pé o castelo do Pambre. Diso foron fieis testemuñas os irmandiños.

Mais despois dos séculos queimados, aínda hoxe estes trangalleiros habitan no castelo e na súa contorna. A súa presenza é moi evidente cando se tenta en Mácara asumir o rol de afamado pescador.

Estas augas inquietas, mesmo cun ar de diaños diabólicos na súa nacenza, son quen de transformarse na súa madureza, malia acoller no seu leito outras escachapedras moi activas no seu percorrido.

O Ulla e o seu caudal son unha icona senlleira, un patrimonio superior a calquera herdanza, por iso debe ser prezado e custodiado, para non danar a súa saúde, sempre tan vulnerable a calquera intervención contra natura.

Ilusiona a despedida do Ulla, coa veneración do tridente formado polo pico Muralla, Xiabre e Curota, un trío que se eleva por máis de dous mil pés, para formar ese palio que amosa o seu cromático cénit no fastoso plenilunio que ilumina dende Cortegada a Sálvora, rendendo excelsa cortesía a unha diminuta fontenla de Antas.

O río Ulla, o mellor péndulo para demostrar que a cerna da Terra é vida, fermosura, diversidade e tamén rotar e rotar sen desmaiar, unha mensaxe acuosa de esperanza vital para que o Planeta non deixe de latexar.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 22 de Marzo do 2016 | 4:03 p.m.