publicidade hoxe
Carneiro ó Espeto - Cabecera

Carneiro ó Espeto

carneiro-espeto-1

A carballeira de Santa Lucía vestirase de gala este domingo, e todo apunta a que o tempo tamén acompañará para a celebración da que é unha das festas gastronómicas de máis sona en Galicia, a Festa do Carneiro ó Espeto de Moraña.

Esta festa comezou a celebrarse no ano 1969, e dende entón,non fixo senón incrementar o número de participantes ata converterse nunha cita obrigada para os amantes do bo comer e sobre todo para aqueles ós que lles guste o carneiro, xa que  é a única de Galicia que ten como protagonista fundamental este produto .

Para atopar a orixe desta festa, e sobre todo deste peculiar xeito de preparación do carneiro, non podemos esquecer ó que foi o seu precursor, un veciño de Moraña que foi o que prendeu a mecha para a celebración dunha festa que vai xa pola súa XLV edición.

Orixe arxentina

Esa mecha foron as comidas campestres realizadas por este veciño xubilado na Arxentina, coa axuda dun mozo tamén arxentino. Unhas comidas que se celebraban á beira do río Umia e nas que se asaban os carneiros ó estilo “pampero” .

O éxito foi tal, que o carneiro non tardou en converterse no prato principal das celebracións. Dende as festas patronais ata as vodas ou bautizos eran a escusa perfecta para reunirse ó redor dunha mesa e asar un carneiro ó xeito tradicional.

Así foi como pouco a pouco o carneiro se foi convertendo nunha referencia de Moraña, ata que os organizadores da Festa da Xuventude decidiron “institucionalizar” a Festa e situar o asado do carneiro no centro das súas celebracións anuais.

carneiro-espeto-2Oito horas de asado

A organización da festa é longa e laboriosa. Primeiro colócanse as mesas por toda a carballeira de Santa Lucía e habilítanse os lugares para asar os carneiros.

Para isto todo isto é preciso dispoñer de bastante espazo, posto que as rodas que se forman para asar os carneiros son bastante grandes. Os carneiros ábrense ó medio e colócanse sobre uns soportes de ferro que se cravan ó redor do lume.

O proceso de asado é longo e é preciso estar pendente e darlle voltas ós carneiros cada certo tempo. Falamos, nin máis nin menos, que de oito horas ó lume, polo que para poder degustalos ó mediodía, a preparación comeza de madrugada.

3000 persoas

A carballeira de Santa Lucía acolle a máis de 3000 persoas durante a celebración da Festa do Carneiro ó Espeto, nin veciños visitantes queren perderse a cita e para elo as reservas comezan a facerse dende varios meses antes.

O pack de degustación do Carneiro ó Espeto está pensado para grupos de 20 persoas, que terán reservada a súa mesa na carballeira. Ademais do correspondente carneiro ó espeto o lote inclúe, empanada de bacallau con pasas, empanada de zorza, pan, viño e café. Unha comida completa para todo un día de festa.

Para disfrutar deste pack é obrigatorio facer a reserva, pero que non se preocupen aqueles que non cheguen a formar un grupo de 20 persoas, ou que se lles bote o tempo enriba e queden sen praza, hai solución! Ninguén que se achegue a Moraña o domingo quedará sen probar o carneiro porque todos os restaurantes do municipio prepararán tamén o prato ó estilo tradicional para que poida ser degustado por racións.

A maiores disto, a música e a troula non faltarán. O ambiente festivo inundará a carballeira de Santa Lucía esta fin de semana e mesmo ó longo de toda esta semana se poderán disfrutar xa dos actos complementarios que se porán en marcha no municipio.

Así que xa saben, se aínda non  o probaron, tal e como é a previsión meteorolóxica, este pode ser o ano. Seguro que non se arrepinten.   

carneiro-espeto-3

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 22 de Xullo do 2014 | 12:29 p.m.