publicidade hoxe
Carlos do Viso: “A zanfona é un instrumento que ten algo que prende a calquera” - Cabecera

Carlos do Viso: “A zanfona é un instrumento que ten algo que prende a calquera”

Carlos do Viso nunha actuación

Forxou a súa paixón pola música de cativo, a forza de escoitar ós gaiteiros das festas, e cando foi el o que fixo soar unha gaita por primeira vez, quedou namorado do seu son para sempre. Despois, unha cousa levou á outra, un instrumento a outro, un retoque a outro… Ata converterse a día de hoxe nun dos máis recoñecidos artesáns da zanfona a nivel internacional. A marca Carlos do Viso é garante de calidade e de precisión, pero sobre todo, é reflexo de tradición e agarimo.

Carlos do Viso

Nome e apelidos: Juan Carlos Collazo Durán (O Viso, Redondela)

Un lugar: O Viso

Unha virtude: paciencia

Un defecto: perfeccionismo

Un soño: voar

Para empezar Carlos, como te presentamos? Un artesán dos instrumentos, por exemplo? Quen é Carlos do Viso?

Pois é un namorado da música e dos instrumentos, tanto tradicionais como todos os demais. Son un construtor de instrumentos que intenta disfrutar e difundir a nosa cultura a través da música.

Ti comezas tocando, non si? E despois é cando comezas a fabricar os instrumentos…

Si, comezo tocando a gaita e por mor diso, decídome a fabricar os meus propios instrumentos.

Que instrumentos fabricas?

Comecei facendo instrumentos de percusión, coma pandeiretas, tamboriles e bombos. Actualmente constrúo tamén instrumentos de corda coma zanfonas, bouzoukis, mandolas , guitarras…

Carlos do Viso co seu compañeiro, Luís Correa “O Caruncho”E tócalos todos? Tocas tódolos instrumentos que fabricas?

Toco a meirande parte deles, polo menos un pouquiño.

Entón empezaches pola gaita, non? Por que?

O primeiro foi a gaita, porque realmente gustábame o seu son. Foi aí, a través dela, que comezou todo o meu agarimo pola música e polos instrumentos.

Cantos anos tiñas? É algo que che ven de cativo ou unha vocación descuberta despois?

Pois cando comecei a interesarme de verdade por todo este mundo tiña ó redor de 20 anos máis ou menos, pero xa de cativo gustábame oír ós gaiteiros nas festas e supoño que algo faría.

Como foi ese día no que decides empezar a fabricar, e como saíron aqueles primeiros?

O primeiro instrumento que fabriquei foi unha pandeireta, e fíxena porque quería ter unha. Esa primeira… Bueno, soar… soaba, pero agora co tempo e a práctica loxicamente xa cambiaron moito e son outra cousa. Pouco a pouco vas mellorando e evolucionado nas costrución.

Zanfona de Carlos do VisoTiveches algún mestre que te iniciara dalgún xeito ou dirías que es autodidacta?

Tiven como mestre de percusión a Don Xosé Manuel Brañas que foi o meu mentor.

Cal é o instrumento que máis che gusta fabricar? E con cal te sentes máis identificado?

A zanfona, xa que é un instrumento precioso e ademais é o que máis toco de todos os que fabrico. O seu son, a súa liña… Non sei, a zanfona é un instrumento que ten algo, algo que prende a calquera.

Supoño que no caso da zanfona seredes poucos os artesáns que quedades…

Non! Todo o contrario! Actualmente estamos a vivir un momento de crecemento tanto de luthiers como de músicos que se decantan por tocar a zanfona.

Pandeireta de Carlos do VisoSi? E como é como instrumento?

Pois é o primeiro instrumento que fai un son continuo, é un sintetizador medieval que chegou ós nosos días.

Canto tempo pode levar a fabricación dunha zanfona?

A verdade é que son procesos moi longos e custosos, xa que para fabricar unha podo botar… Entre un e dous meses.

Que materiais empregas? De onde proceden?

Uso diversos materiais de moitas partes do mundo. Por exemplo, por dicirche algúns, madeiras como a de Cocobolo de Africa, de Ébano de Cuba ou de Arce Canadiense. Ademais de peles, metais, cordas, coiro…

Como son os teus instrumentos? Como os definirías?

Son instrumentos feitos dende a paciencia e a tradición, e con moito cariño, xa que a maioría son personalizados e únicos.

O nome de Carlos do Viso ten un gran recoñecemento a nivel internacional, son instrumentos propios da música galega pero parece que non só…

Teño a sorte de que non só se venden para Galicia, senón que cada vez son máis os que os piden para fora.

Zanfona de Carlos do VisoEn que países están os teus instrumentos?

Pois a verdade é que en moitos… México, Arxentina, Francia, Chile, Alemaña…

Se non me equivoco creo que tamén das clases, non?

Si, tamén dou clases de zanfona, para aqueles que queiran aprender a tocar.

E como ves o futuro desta parte da nosa cultura Carlos? Hai “canteira” para continuar coa actividade no futuro?

Algo hai, algo hai… A verdade é que estou moi contento cos meus alumnos e de seguro que continuarán espallando a nosa música e a nosa cultura.

Moitas grazas Carlos.

Carlos do Viso co seu compañeiro, Luís Correa “O Caruncho”

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 4 de Xuño do 2014 | 1:00 p.m.

Outros temas de Entre Nós