publicidade hoxe
Canta a lúa coas estrelas - Cabecera

Canta a lúa coas estrelas

Adiantouse a primavera. Emocionado. Fondamente emocionado fiquei o me deixar levar polos arrolos (que veñen e van) da poeta e do cantautor.

A poeta é Rosalía Morlán, “A Princesa do Ar”. A forza da súa palabra, a sensibilidade do seu verso, a autenticidade dos seus poemas, a sinxeleza creativa do seu corpus poético, son como mil estrelas danzando nun infindo mar azul.

O cantautor, o músico, o compositor é Manuel Vázquez, “Manoele de Felisa”. Sen dúbida, unha das voces máis profundas, sensibles, telúricas, reivindicativas e doces que temos no noso país.

Canta a lúa coas estrelas (Ed. Sons de Galicia). “Acerto dobre”–Neira Vilas, dixit. “Fantastique!” Todo un galano para os sentidos, engadiría eu.

Un libro-cd –ilustrado maxistralmente por Isa Albela– para uso e gozo de toda a familia. Un poemario musical que debe resoar en todos os colexios, en todas as bibliotecas, en todos os recunchos do uni(verso). Unha escolma poética –catorce cancións– para reler (léase, escoitar, sentir, acariñar, ollar…) mil veces mil.

Pecho os ollos. Canta a lúa coas estrelas. No camiñar pola estrada da vida recoñezo a voz, o cantar de Manoele de Felisa en perfecta comuñón coa maxia da palabra de Rosalía Morlán. O resultado é precioso. Adiantase a primavera no país dos mil ríos.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 28 de Febreiro do 2015 | 12:14 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"