publicidade hoxe
Camiño de volta - Cabecera

Camiño de volta

Teño filosofado en máis dunha ocasión con Paco Lareo sobre un camiño que percorremos todas as persoas nun momento determinado da vida. Paco chamáballe a ese camiño, o camiño de volta. Un camiño que principiamos no intre no que un se detén (na vida) para pór en orde as ideas, as vivencias, e seguir vivindo. Sería algo así como a gran decisión vital. E mesmo escribiu un peza teatral, no ano 2007, baixo o título de Camiño de Volta (Ed. Fervenza, 2007).

Temos comentado, nalgunha ocasión (tamén llo teño escoitado a Xosé Neira Vilas), coma nese pequeno espazo xeográfico ullán –que comprende Piloño, Gres e San Miguel de Castro-, converxeron tres sobranceiros persoeiros que fixeron un camiño de volta semellante. Refírome a Xosé Neira Vilas, Manuel Reimóndez Portela e o propio Paco Lareo.  

Xosé Neira Vilas, emigrante en Arxentina e en Cuba, regresa á terra non para ser un escritor acomodado, de boa posición económica (e podería facelo), senón que percorre o camiño de volta á súa “Casa do Romano”, en Gres, para construír ese faro cultural no rural, que hoxe en día é a Fundación Xosé Neira Vilas, con biblioteca, museo, premios estornela de teatro e arume de poesía, actividades de animación á lectura…

Manuel Reimóndez Portela, na súa infancia emigrante, en Cuba, convértese nun insigne doutor que podería instalarse perfectamente na capital, en Santiago, na procura dun maior recoñecemento profesional e, por suposto, económico. Pero o que fai é construír un hospital, con todos os adiantos técnicos da época, e faino na súa aldea, ónde se coñece como San Miguel, o médico dos pobres.

E Paco Lareo, tamén emigrante (emigrante involuntario como el se autoproclamaba). Logo de emigrar a Venezuela e percorrer América e Europa, párase, deténse a pór en orde as súas ideas, e principia o seu grande camiño de volta.

E non decide seguir a prometedora e brillante carreira de artista para procurar un maior desenvolvemento (e recoñecemento) da súa traxectoria individual, senón que crea a Asociación Cultural o Labrego e a Fundación Casa Museo “A Solaina de Piloño.

O seu obxectivo non é outro que pór en valor o rural. Facer da súa aldea, Piloño, un lugar universal. Na Solaina vai florear a comunicación, a liberdade e o respecto por outras culturas.

De toda a infinda fervenza humana, artística, natural, creadora, transgresora, libertaria que constituía a poliédrica figura senlleira (e irrepetible) de Paco Lareo (o noso Ferreiriño), a Solaina foi a súa magna creación.

A Solaina. O camiño de volta de Paco Lareo. O orgullo de sermos da aldea. O orgullo de sermos galegos.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 19 de Outubro do 2013 | 9:00 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"