publicidade hoxe
Burbullar inquedo - Cabecera

Burbullar inquedo

Dende unha atalaia cunha visión privilexiada, así como unhas ansias incontroladas por coñecer lugares afastados, provocan entropía e desacougada efervescencia no interior de monte Faro.

No seu desorganizado e aventureiro espírito interno, que latexa nun episodio continuo de caos, o auténtico sinal de identidade con forte raizame posúe a denominación intransferible da confusión. Unha anarquía que provoca intensas liortas por fuxir do lugar co obxectivo de procurar vivencias descoñecidas.

Tanta alteración acada máxima interacción e logra ebulición espontánea nas fontelas de Taca, Ourín ou Rión, onde o croar das ras adquire altitude estelar, mentres un sofisticado gurgullar de bágoas, despois de moito loitar saen decididas a explorar.

Milleiros de partículas convencidas dunha aventura sen par, nunha exposición de gran diversidade e vitalidade comezan unha andaina vital.

A súa unión forma un escorregadoiro brincador, dende o seu burbullar inicial vai acaparando irmáns e deseñando unha senda única e propia. No seu avance, en moitos casos tumultuoso, logra empatizar coas paraxes que percorre e mesmo, en moitos casos, pasa a formar parte da súa sociedade.      

Auga en avance constante con identidade de seu, o Arnego acolle vida e achega saúde e saudade a tanta veciñanza regada pola Aquam latam, agarimosa no sobreiral do Arnego e namorada do emblemático Pico Sacro, un amor de primavera visto dende o seu ollar de gurgullar primixenio.

Irmandado coas augas do Ulla, axiña poñen a proba a súa capacidade e intuición para percorrer sen atrancos o labirinto formado polas insuas de Gres. Un remansado setestrelo encantado, con nomes tan comúns coma San Ramón ou insua dos Namorados e outros coma Pachín ou Palleta.

A viaxe prosegue e, nunha inspiración de cadoiro, estas aventureiras augas xa poden venerar o encantamento do mítico Pico Sacro.

A partir da engroba do Gundián, as augas do Ulla trasladan as irmás do Arnego nunha sinfonía de acordes diversos, unha escala que combina remansos, pincheiras, cadoiros, rápidos,…

Tanta alteración e entretemento para acadar nunha expiración de pincheira o bico acuoso das pesqueiras de Herbón. Aquí comeza a preparación para recibir ás ilustradas augas do Sar, formadas e licenciadas no mesmo Campo da Estrela.

Masificada unión para visualizar a liberdade da ría de Arousa, mais antes de abandonar o seu leito fluvial acoden a formarse na aula da familia pétrea da zona. Alí comproban a gran riqueza e coñecemento que atesouran estes cons, agarimados polas augas vellas destas tres emblemáticas correntes acuosas.

Sen dúbida a familia pétrea conserva coma ninguén a memoria de tempos moi afastados. É a súa unha existencia dedicada a preservar fronte ao esquecemento. Os cons do Ulla e da ría de Arousa son senlleiros, eles atesouran un caudal de información sen parangón.

Impresiona que estes cons da ría posúan esa capacidade innata para comunicarse coas bágoas viaxeiras do Faro, unhas augas que entre outros descobren a experiencia e sabedoría do con de Novo, das Vieiras, das Catíans, da Auseniña, ou do Liñeiro.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 26 de Decembro do 2014 | 10:22 a.m.