publicidade hoxe
Bo ron e mellor viño - Cabecera

Bo ron e mellor viño

O pasado domingo pola tarde o meu benquerido e admirado amigo Xosé Neira Vilas, sabedor da miña devoción por un dos grandes poetas cubanos universais, regaloume un exemplar (que lle quedaba na reserva como el gusta de dicir) dos seus Trintenove poemas de Nicolás Guillén (Ed. do Castro), unha escolma, tradución, limiar e notas feitas polo escritor de Gres no ano 1977.

Sen dúbida un poemario magnífico –con debuxos do propio Guillén e cunha portada do ilustrador cubano, David–, que significou no seu tempo nada máis e nada menos que verquer a poesía dun clásico como é Guillén á nosa lingua. Un achegamento –en palabras de Neira Vilas– entre os pobos galego e cubano, vencellados en suores e angueiras a causa da emigración galega á illa.

Tenme relatado en moitas ocasións, o noso ilustre académico, agora faino no seu Días de Cuba que vén de saír do prelo da Editorial Galaxia, como coñeceu a Guillén no ano 1958, en Buenos Aires. E como nun domingo de novembro invitouno á súa casa, á sede da editorial Follas Novas. Guillén preguntoulle a Anisia se lle podía facer uns rixóns. Ela prepaurou unha boa cantidade. E o autor de Sóngoro Cosongo comeunos el só case todos. Padecía –apúntanos Neira Vilas– parafraseando a Blanco Amor, morriña gastronómica. Ao remate da xornada, tras da casa, debaixo duns bacelos de uvas moscatel, recitoulles coa súa espléndida voz os poemas de La paloma de vuelo popular.

O caso é que o domingo escoiteille a Neira Vilas recitar en alta voz, os poemas en galego do seu grande amigo, e fiquei realmente marabillado pola fervenza da súa marabillosa voz.

Non é de estrañar que cando o escoitou Guillén, no ano 1977, lle mandase unha carta na que lle escribía, “ Mi querido Neira: Todavía oigo el ritmo en gallego de mis poemas cubanos, dichos por V. una audición exclusiva para mi, la otra tarde. ¡Qué emoción! Me doy cuenta de que la empresa acometida por V. no es fácil, y ello aumenta mi gratitud. Estoy esperando el libro impreso: celebraremos su salida con buen ron y mejor vino. Un fuerte abrazo de Nicolás Guillén”.

Pois nada, hoxe ás 20.30 na biblioteca “Xosé Luna” da Asociación deportivo e cultural de Guimarei, presento o poemario, O libro dos bicos e para celebralo (aproveitando que van estar ao meu carón moitos amigos, entre eles, Xosé Neira Vilas, fareino, ao xeito de Guillén, cun bo ron e mellor viño (léase un pincho da panadería Cervela e un Galgueira). Boa semana.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 13 de Xuño do 2014 | 11:58 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"