publicidade hoxe
Bastos: “Non recordo unha etapa na historia de España na que non houbese corrupción” - Cabecera

Bastos: “Non recordo unha etapa na historia de España na que non houbese corrupción”

Miguel Anxo Bastos con Eduardo Fernández Luíña, Jorg-Guido Hulsmann e Lew Rockwell

Aínda así non pensen que Miguel Anxo Bastos defende ós nosos políticos, nin moito menos! Descontento coa xestión de Rajoy, da oposición e tamén do Presidente da Xunta, cuxas reformas considera insuficientes. Bastos, como o coñecen os seus alumnos, é Profesor de Ciencia Política na USC, un dos máis queridos e un dos máis polémicos, por que non dicilo. Asegura que coas súas ideas nunca sairía elixido nunhas eleccións, pero tampouco lle interesa. El disfruta coa docencia e invitando á reflexión. Por exemplo, que opinarían vostedes de privatizar a arte e as praias? Igual si, igual o ía ter difícil nas urnas…
Bastos

Nome: Miguel Anxo Bastos Boubeta (Lugo)

Un lugar: A parroquia de Santa Mariña de Cabral

Un hobby: A lectura de novelas sobre matemáticas e historia

Unha comida: chocos na súa tinta

Unha virtude: intento ser leal e cumprir coa palabra dada

Un defecto: Moitísimos. Dos confesables creo que a inconstancia

Un soño: Un mundo libre e próspero. Pero antes de conseguilo hai que mellorar o mundo que nos rodea. Antes temos que loitar por unha Galiza libre e próspera.

 

Di vistede que non podería facer carreira política porque ninguén o votaría. Cales son esas ideas “impopulares” que defende?

Defendo un liberalismo extremo no ámbito económico, para min non pode existir moderación na busca do que entendo como virtuoso, e a día de hoxe é extraordinariamente impopular. Tamén defendo dereitos como o de secesión, en coherencia co anterior, o que tampouco é ben recibido na nosa terra e no noso tempo.

Xa que están aí as Europeas, comecemos por elas. Que opinión ten da Unión Europea?

Eu defendo a idea cultural de europa, e gustábame a CEE nas suas orixes, pero non gusto de transformala nun megaestado intervencionista cheo de regulacions. Liberdade económica e de circulación si, estado europeo non. Non gusto en xeral dos procesos de centralización política.

Cal diría que é o principal problema que ten España nestes momentos?

España non existe, hai españois. Uns terán uns problemas e outros outros. Pero de acordo co que me pregunta, entendo que a día de hoxe o que parece preocupar á maioría dos españois é a crise económica e o seu potencial e paulatino empobrecemento. Problemas como o da posible secesión de Cataluña eu os vexo como unha excelente oportunidade e como un potencial revulsivo.

Cal sería a solución? Trátase dunha solución económica ou política?

Política, na medida en que foron causas en última instancia políticas as que as causaron. Habería que levar a cabo dende a política grandes reformas no ámbito das relacións económicas. Reformas que serían moi impopulares e que polo tanto non se farán.

Podería comezar esa solución por privatizar a arte e as praias? Como é esta reflexión súa?

O goberno municipal de Detroit anunciou que ía vender súas coleccións de arte para poder afrontar pagos urxentes. Non sei se a xente prefire que non se paguen as pensións e manter ao mesmo tempo boa parte dos cadros do Prado sen expor, gardados en almacéns. As praias son total ou parcialmente privadas en boa parte dos países do mundo. Son un anaco de terra como outro calquera, só que a moita xente parece gustarlle. Eu acredito que o noso litoral estaría bastante mellor coidado e sen tantos adefesios se se privatizase total ou parcialmente. O actual estado do litoral só pode ser achacado á súa actual socialización. Pero en calquera caso estas medidas só se levarán a cabo de forma extrema. Os gobernantes preferirán arruinar antes a empresas e familias que asumir o custe político de medidas deste estilo. Creo que agora entenderá porque non podería nunca ser votado.

Miguel Anxo Bastos cunha das alumnas predilectas de Mises, Bettina Bien-GreavesComo valora a actuación dos principais representantes políticos deste momento? A do Presidente do Goberno?

Moi mal no aspecto económico, a pesares das aparencias a economía segue estancada e con posibilidades serias de recaer, aínda que gustaría de equivocarme. En cambio na xestión dos problemas políticos é moito máis hábil. Está conseguindo zafarse das salpicaduras de corrupción que están a pasar a segundo plano e na cuestión catalá, todo hai que dicilo, amosou sensatez e nunca radicalizou a súa postura. A pesares de que eu non vexo mal a independencia de Cataluña recoñezo que Rajoy non tensou a situación e está ganando o xogo, tamén por torpezas dos outros.

Iso si, ten dito que non considera que se trate dunha clase política peor á doutros momentos históricos, a pesares de que esteamos fartos de escoitar que si…

O noso país vive máis ou menos en paz e seguro, e non recordo unha etapa na historia de España na que non houbese corrupción. En que época a houbo menos mala que esta? No franquismo? Na transición, cos seus golpes de estado e cainismos? Na República? Que rematou nun desastre absoluto. Isto non quere dicir que a que temos agora sexa boa e que non mereza reprobación en moitos casos. Só hai que por as cousas en perspectiva histórica. Tamén pode acontecer que antes a clase política era máis reducida e estaba composta por elites moi ben formadas, e agora coa extensión do tamaño do estado ampliouse e en promedio parece de peor calidade.

E aquí en Galicia? Como valora a actuación de Núñez Feijoo?

Feijoo fixo unha xestión da crise valente nos seus primeiros anos e non subiu impostos, a lo menos en comparación con outras autonomías. Creo que debería abordar reformas máis profundas no ámbito económico. Debería ser valente e facer uso dos poderes que a autonomía ten conferidos neste ámbito e iniciar procesos ambiciosos de competencia fiscal por exemplo, baixando impostos e eliminando regulacións como as autonomías de máis éxito emprenderon. Os avances no autogoberno e na descentralización, na medida en que introducen competencia entre autonomías, só poden ser benvidos por un liberal. E neste aspecto, como no do autogoberno en xeral, creo que lle falta algo de ambición.

Miguel Anxo Bastos con Cristina Novoa, Francisco Fernández del Riego e Roberto Ameneiro Bravo.E a actuación da oposición?

Durante un tempo parecía que AGE ía eclipsar ás outras forzas da oposición, cada unha centrada nos seus problemas. Pero o proceso de loita interna dentro de AGE parece que pode pasarlle factura. As primeiras decisións de López Besteiro en relacións a crises como as de Ourense non me pareceron moi axeitadas, pero supoño que levará certo tempo asentarse e coñecer ben as dinámicas internas do partido. O que si vexo difícil son actuacións conxuntas da oposición, pois súas posturas parecen de difícil conciliación.

Defende vostede un modelo descentralizado ante todo, e asegura que as duplicidades non teñen por que ser necesariamente negativas, non?

Así é. É unha vella disputa no ámbito das ciencias administrativas. Normalmente cando hai unha administración soa non existe ningún elemento de comparación de prezos e custes e tenden a funcionar peor. Non importa o número de administracións senón o custe global das mesmas. Lembro unha vez a un profesor danés asombrado de que nunha rúa coma a do Franco houbese tantos bares, e preguntaba se non sería mellor un só bar máis grande. Eu digo que radicalmente non. O dinamismo desa rúa está precisamente en que hai moitos bares en competencia, en calidades e prezos, e ningún sobra. Nas administracións é o mesmo. Lembremos unha cousa, os países intervidos da UE; Irlanda, Portugal e Grecia son todos eles países centralizados, sen autonomías nin pluralidade de administracións, e aínda así entraron en quebra. Non tiñan forma de comparar custos de forma interna. Aínda que este é un debate demasiado complexo para resumilo aquí.

Bueno, non me parece mala maneira de resumir esta (risas). E que me di do galego? É vostede un defensor da lingua galega?

Si, deféndoa co exemplo, tentando falala o maior número de veces posibles e en todos os ámbitos nos que poida.

Miguel Anxo Bastos con algúns dos seus alumnosQue tipo de política lingüística cree vostede que é precisa?

Non creo en xeral nas políticas lingüísticas. Creo que unha política lingüística, de existir, debería ser a que promovese o uso cotián e que convencera con bos modos á xente que non o fala de que o fixera algunha vez. Pero non hai mellor política co exemplo. Dito isto, hai que lembrar que a maior parte das políticas lingüísticas son imitación das que fai o goberno central en defensa do castelán, e que non son percibidas como tales. Critico en especial ás políticas españolizadoras que se refiren á obriga de coñecer o castelán, o cal parece establecer xerarquías entre as linguas e por tanto, sempre me pareceu radicalmente inxusto.  Fai mais pola lingua, ao meu entender, quen se opón ó seu uso utilizando o galego que quen a defende usando o castelán.

Se podemos dicir que algunhas das súas ideas políticas son impopulares, no que se refire á súa labor docente de impopular pouco, non si? Como valora a súa traxectoria neste senso? Séntese querido polos seus alumnos?

Si síntome moi querido polos meus alumnos, o cal me sorprende porque non tendo a defender posturas populares. Supoño que será porque, a pesar das lexítimas diferenzas, tento sempre de respectalos nas súas posturas, e ademais porque tiven a sorte de ter alumnos excelentes. En xeral estou moi satisfeito con eles e creo que se nota. Tamén supoño porque dedico toda a miña vida á docencia. Non sei se son bo profesor, pero si que sei que intento dedicarlles todo o tempo posible e sacar deles, na parte que me toca, excelentes profesionais.

Cantos anos leva dando clase e como os valora? Gústalle ensinar ás novas xeracións?

Levo 19 anos de docente, e gústame moito tratar coas novas xeracións, aínda que o cambio cultural xa é grande con respecto á miña. As novas xeracións son excelentes en moitos aspectos e só lles critico a concepción cortopracista da vida que agora teñen, froito en boa parte do cambio cultural.       

Miguel Anxo Bastos con Eduardo Fernandez Luiña e Hans-Hermann Hoppe Que é o máis importante, transmitir coñecemento ou invitar á reflexión? O que se chama ensinar a pensar…

As dúas cousas. Para reflexionar hai que ter información e nos nosos ámbitos moitos coñecementos son contraintuitivos. Non se reflexiona no baleiro, fai falta tamén información e coñecemento elaborado. Eu son moi partidario de recomendar libros gordos e duros como aprendizaxe. E a partir de aí que reflexionen. Unha persoa ten que estudar para responder preguntas que el mesmo se fai e para elo ten que implicarse. Nas clases, pretendo que a xente debata sobre as grandes cuestións da política, e tente resolvelas pola súa conta.

Nestes momentos atópase vostede en Guatemala como profesor invitado na Universidade, como é isto? Cal está a ser a súa labor alá e como está a ser a experiencia?

Pois viña coa intención de asistir a un congreso e a un encontro, pero me me invitaron na Universidade Francisco Marroquín a participar nalgúns seminarios aproveitando a estancia. De paso reúnome e aprendo cos colegas e infórmome das liñas de investigación que están a seguir. A experiencia é moi boa, pero non gusto de estar moito tempo fora da casa.

Nesta liña, vostede tamén se encargase do relacionado cos alumnos que marchan estudar fora a través dos convenios que ten a Universidade de Santiago. Cal é a súa labor neste senso?

Si, fun coordinador Erasmus e agora bilateral e Sicue. A miña experiencia é que por unha banda os Erasmus aprenden relativamente ben idiomas e novas experiencias. Fanse maduros e máis hábiles á hora de moverse noutros países.  Academicamente en cambio non creo que en xeral a formación que adquiren sexa moi boa, porque non entenden ben as clases nin dominan completamente os idiomas, e o seu nivel en xeral, con moitas excepcións, rebaixase algo.

E nesta liña, que opina da emigración entre os máis mozos ó rematar as súas carreiras? Debería preocuparnos esa fuga de cerebros da que tamén se está a falar tanto?

O normal sería que a maioría dos nosos estudantes quedaran aquí e contribuíran a dinamizar a nosa sociedade. Tamén é normal que unha porcentaxe deles traballe fora, dado que determinados traballos non existen na nosa terra ou por circunstancias vitais propias de cada un. O que non me parece ben é que teñan que emigrar tantos e iso é culpa da regulación do mercado laboral español. Moitos dos traballos que fan fora, que non son hiperespecializados poderían facelos aquí. Os nosos mozos emigran a países con regulacións laborais que aquí curiosamente non aceptan. E este marco laboral está furtando o futuro ao mellor da nosa mocidade. Por iso son tan crítico con el.

Para rematar, quere enviarlle unha mensaxe a alguén? A mocidade? Ós políticos? Ós mestres?

Sempre me gustou o vello motto que usaba Von Mises: Non cedas diante do mal. Oponte a el cada vez con máis forza.

Grazas por conversar connosco Profesor. Un pracer.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 23 de Maio do 2014 | 10:30 a.m.

Outros temas de Entre Nós