publicidade hoxe
Bagullas na aldea - Cabecera

Bagullas na aldea

Nunha orografía tan especial e única como a galega existe unha identidade de poboación reducida cun grande arraigamento co medio e tamén con potencial en diferentes ámbitos.

As aldeas de Galicia son especiais, exclusivas, non por ser diferentes, senón por estaren inmersas nunha auréola de exclusividade. Cada unha posúe unha identidade de seu, única en xeral, aínda que comparten diferentes características coas demais.

Estes pequenos e reducidos asentamentos teñen o seu propio encanto, un engado que atrae e achega esa hospitalidade difícil de encontrar noutros lares. Aquí a contorna é unha parte intrínseca da propia aldea.

Vivir nun enclave destas características debe reconfortar aos sentidos, estes inconscientemente, sen decatárense rematan formando parte do propio medio. Ambos, natureza e sentidos, deben achegarse e procurar acubillo baixo a gran boina do respecto herdada de xeracións precedentes.

Un contacto do ser humano tan directo coa nai natura evoluciona ata acadar unha relación familiar. Seres vivos e inertes da contorna son imprescindibles e de grande importancia para non alterar o equilibrio ecolóxico destes núcleos de vivacidade. Normalmente é o ser humano que mora nestes enclaves unha persoa que valora e respecta ao mundo natural, tamén o ama e percibe como propio.

En tempos pretéritos, moitas das aldeas foron quedando despoboadas, son as que actualmente coñecemos como aldeas pantasmas, mais cando as visitamos seguen a transmitir a súa hospitalidade e un ar de vida que se mantén intacto por calquera curruncho. Conservan a memoria dos seus habitantes, os seus costumes, a súa fala, os seus hábitos e o profundo latexo dun medio natural que devece por volver a ser aloumiñado pola man do home.

Semellan permanecer na soidade, mais alí seguen o souto, a carballeira, a devesa, a veiga, a pontella, o rego e tamén o moucho que ilumina as noites de parda escuridade.

As aldeas de Galicia son un bo antídoto para a crise do sistema capitalista. O conxunto aldeán nunca lle vai fallar a un dos seus membros, posiblemente nestes pequenos núcleos está a grande alternativa para o capitalismo. Non deixemos desfalecer ata morrer unha despensa inesgotable para entregarnos no soño da gran multinacional.

Non abandonemos a esa terra, ese curruncho onde estamos, moramos, observamos e latexamos… Por iso, as novas xeracións deben saber que non hai moito tempo os nenos medraban dentro dun cesto de vimbio mastigando mancheas de terra.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 25 de Marzo do 2015 | 6:21 p.m.