publicidade hoxe
Avelino Martínez: “Descubrín que o judo tiña o que eu necesitaba: disciplina, respecto e esforzo” - Cabecera

Avelino Martínez: “Descubrín que o judo tiña o que eu necesitaba: disciplina, respecto e esforzo”

avelino-martinez-quimono
Avelino Martínez, tudense de 51 anos, é policía, marido, pai e Campión Europeo de Judo na categoría Gran Master. A pesar das moitas obrigacións ás que ten que atender no seu día a día, saca tempo para adestrar no Club Valença, desconectar durante unhas horas de todo e dedicarse ó que lle apaixona.

Como comezou todo? Por que de todos os deportes posibles elixiches o judo?

Hai 27 anos necesitaba un cambio na miña vida, un punto e a parte, un reseteo e empezar de cero. Despois de probar en varios sitios, descubrín que o judo tiña o que eu necesitaba: disciplina, respecto e esforzo. Podo afirmar que o judo salvoume a vida. A maioría das miñas amizades de antes xa non están, eu dinme conta a tempo.

Por que decidiches demostrar as túas habilidades no Campionato Europeo para Policías e Bombeiros? Foi unha elección propia ou foi por motivos profesionais?

O acudir a dito campionato foi decisión propia. Uns compañeiros acudirían noutras disciplinas polo que eu retomei os meus adestramentos de judo para acudir ó que foi meu primeiro campionato (aproveitando a proximidade de que se celebraba en Pontevedra). Deixárao durante dez anos por motivos familiares (casei e tiven dous fillos) e falta de tempo. Impulsoume un pouco o feito de que a competición se celebra por categorías de idade, coma nos campionatos de veteráns.

Un total de 9 medallas, logros moi importantes e, sobre todo, unha continua superación. Qué buscabas cando iniciaches este camiño? Cantos anos levas presentándote? 

Realmente non buscaba nada, só participar nunha competición que cada ano estaba conseguindo maior popularidade entre os policías e bombeiros. Fun por probar se coa miña idade aínda tería nivel para a competición, o bo é que o ser por categorías de idade e peso é máis levadeiro.

Nesa primeira competición, tras máis de medio ano de adestramento duro, conseguín dous ouros e proclamarme Campión de Europa de Judo na Categoría Master. Dous anos despois acudín a Valencia, alí conseguín subir ó pódium no terceiro lugar. Ese ano tamén participei en natación acadando, tamén, un terceiro posto, ambos na Categoría Master. No 2012 celebráronse en Tenerife, lugar do que regresei a casa co título de Campión de Europa de Judo e Loita Sambo (disciplina que practicaba como complemento do judo). E, por fin, este ano en Bruselas logrei ouro e prata en judo e bronce en jiujitsu. Resumindo, 9 medallas en catro participacións.

Medalla de ouro na categoría Gran Master e prata na Liga Open pero, tamén, medalla de bronce en jiujitsu, tres premios nunha mesma competición, qué se sinte?

Que sinto? Pois unha enorme satisfacción de ver que o esforzo de todo o ano no meu club, o Judo Club Valença, paga a pena. Satisfacción que vai acompañada coa da miña familia, amigos, compañeiros de adestramento e co profesor Rui á cabeza. Isto faime moi feliz.

Cóntanos un pouco acerca do jiujitsu. Sabemos que é un arte marcial xaponés que se basa na defensa pero, cómo xurdiu a curiosidade de descubrilo? É moi similar ó judo ou non?

É un arte marcial que combina varias artes e que practiquei como complemento do judo xa que ten moitas similitudes pero, tamén, existen as patadas e golpes. A primeira fase consiste en golpes e, as dúas restantes, teñen máis judo propiamente dito. Para que non te penalicen tes que facer as tres fases. As proxeccións non supoñen un Hipon ou k.o. coma no judo, senón que van sumando puntos.

Levas moito tempo practicándoo (o jiujitsu)? Esperábaste acadar un resultado tan bo?

O jiujutsu practiqueino hai anos, porén, este ano, con vistas ós xogos, adestreino un pouco máis en serio e o resultado está á vista, bronce.

avelino-tras-ganar-medallas-na-europolybÓ igual que xurdiu a intriga polo jiujitsu, pensas que che podería volver picar a curiosidade por outra modalidade?

Non creo que me poña a practicar outras modalidades de artes marciais pero si probarei outros deportes dos Xogos, xa que ademais de xogos propios de policías e bombeiros (escada, tiro, detención, muster, etc.) compítese en case 50 deportes, entre eles atletismo, natación, fútbol 7, balonmán, pádel, tenis, press banca, piragüismo, remo, etc.

Ademais do campionato anterior, sabemos que consegues importantes vitorias no Campionato de Portugal de Veteráns, non si? Feliz coa medalla de bronce na categoría M5 (50-54 anos e menos de 81kg)?

Ó estar federado e adestrando nun club portugués teño a oportunidade de competir no Nacional Portugués de Veteráns, onde as dúas veces que me presentei conseguín subir ó pódium, este ano cun bronce e o anterior cunha prata. É unha experiencia moi positiva por reencontrarme con vellos amigos cos que competía fai moitos anos e lles perdera a pista como, por exemplo, meu amigo Guerreiro do Juviana.

Gustaríache presentarte a outros campionatos? 

Para presentarme ó Nacional de Veteráns de España necesitaría estar federado nun club español e, polo de agora, é algo que non me plantexo. Estou moi a gusto co meu club.

recibimento-a-avelino-martinez-no-concello-de-tuiO pasado xoves 24 de xullo, o Concello de Tui organizou unha recepción na que estiveron presentes, entre outros, o Alcalde, o Concelleiro de Deportes, familiares e amigos. Foi unha sorpresa ou xa o sabías Avelino?

Algo me comentaran, o Concello de Tui ten por norma recibir ós seus competidores polo que esperaba que o fixeran pero, aínda así, resultou unha bonita sorpresa.

Como viviches este día? É en cousas coma esta cando te das conta de que tanto esforzo paga a pena?

A todos nos gusta que se nos recoñeza o traballo e o esforzo, a pesar de que sempre hai voces críticas que lle sacan importancia ó que os deportistas tudenses conseguimos. Eu adestro, traballo e teño familia, compaxinar todo iso é complicado pero loito por un obxectivo e poño todo o meu esforzo niso. Non obstante, ás veces, dan ganas de tirar a toalla pero poste a adestrar e, ó ver que estás ben, volve o gusaniño.

Volvendo ás competicións, que esperas acadar nos próximos Xogos Europeos de Policías e Bombeiros que se celebrarán en Huelva no 2016?

En dous anos o EUROPOLYB celébrase en Huelva, cidade que lle gañou a Drubrovnik ou Santiago e, por suposto, agardo ir e participar en judo e nalgunha proba máis. Son competitivo e apúntome a todo o que me propoñan.

Inflúe que volvan a celebrarse no noso país? Sénteste máis cómodo e apoiado?

A influencia dunha cidade ou outra é unicamente a nivel de buscar os patrocinios e cubrir o presuposto de participación. Hai cidades máis baratas que outras e, a pesar de que eu conto con patrocinios de amigos, cada vez está más difícil.

E para rematar, como curiosidade, consideraches algunha vez presentarte nos Xogos Mundiais de Policías e Bombeiros?

Realmente é unha competición á que me gustaría asistir pero o ano próximo celébrase en Fair Fax (Washington) e dentro de tres anos en Canadá. Como comprenderás, o presuposto é o máis importante e, se xa sae caro desprazarse por Europa, saíndo o prezo dispárase. Por iso, por agora, non o plantexo.

avelino-martinez-nunha-competicion

Por: Celeste Sánchez
Publicado o 30 de Xullo do 2014 | 12:03 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada