publicidade hoxe
As máis deliciosas, as de A Bandeira - Cabecera

As máis deliciosas, as de A Bandeira

festa-empanada-bandeira-1

A menos dunha semana para que chegue o “gran día”, a revolución invade a Carballeira de Silva e Valladares. Nada pode fallar na localidade para a celebración dunha das citas máis importantes do ano, a Festa da Empanada. Unha xornada que comezará xa pola tarde co concurso das empanadas e prolongarase ata altas horas da madrugada tras unha marabillosa cea acompañada da mellor música.

festa-empanada-bandeira-8A pesar de que os preparativos para a celebración desta destacada festa gastronómica comezaron fai unhas semanas, é agora, uns días antes, cando máis atarefada está a comisión, o Concello e os veciños da localidade pontevedresa de A Bandeira. O próximo sábado, 23 de agosto, a vila recibirá miles de visitantes e non se pode esquecer ningún detalle, polo que varias carpas xunto con centos de mesas e bancos estanse distribuíndo de xeito estratéxico para conseguir a comodidade dunhas 9000 persoas que se achegarán esa noite.

Pero isto non é todo, xa que dende o xoves día 21 o Concello ofrece unha variada programación dirixida a todos os públicos e moi divertida. Polo tanto, o primeiro día comezará forte coa XIV edición do Bandeirock; o venres 22 contará cunha tarde cargada de actividades: xogos infantís (ás 16:00h), IV Ruta da Empanadilla (ás 18:00h), actuación do grupo Fortín da Pomba (ás 20:00h), IV Campionato Interparroquial de Tiro e Corda e, para rematar a xornada, o Esmorga Folk.

O sábado 23, día principal desta festividade, gozaremos dende pola mañá de pasarrúas, charangas, da Banda de Veteranos de A Bandeira… pola tarde, o concurso e puxa de empanadas e, á noite, a tradicional cea e as orquestras Ismael e Arámio.

O derradeiro día, o domingo 24, comezará co Campionato Internacional de Petanca, continuará con diversos pasarrúas e concertos da Banda Recreativa e Cultural de Bandeira e coa Banda Artística de Merza e, finalmente, a orquestra Troco amenizará a velada.

Unha longa tradición

festa-empanada-bandeira-4Cada ano, dende 1974, o terceiro fin de semana de agosto (agás os anos nos que o mes ten cinco fins de semana, que se celebraría no cuarto) lévase a cabo dito evento. Exactamente son 40 os anos de tradición que acompañan a esta festa, unha longa traxectoria da que se aprende ano tras ano e que sirve para mellorar e continuar aumentando o seu éxito.

Todo comezou grazas a uns veciños da vila que decidiron organizar unha comida campestre tendo coma prato principal a empanada. A finalidade desta xantar veciñal era o de recadar fondos para pagar as atraccións das festas patronais.

A idea destes veciños gustou e foi acollida con moito entusiasmo, xa que á vez que gozaban dunhas saborosas empanadas e dunha entretida velada, contribuían coa vila. Co paso do tempo, foi calando pouco a pouco ata converterse no que coñecemos a día de hoxe como a Festa da Empanada.

Ademais, ende xuño de 1999 é declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Isto foi grazas á perseveranza do por aquel entonces alcalde Xoán Xosé Salgueiro Montouto ademais doutras persoas implicadas en dita festa que, tras considerar que este evento reunía as características sinaladas no Decreto 203/1998, propuxérona buscando a súa aceptación como festa recoñecida.

Voces pregoeiras

festa-empanada-bandeira-5Outro dos atractivos de cada ano, que se celebra antes de comezar a entrega de premios do Concurso das Empanadas, e que conta con destacadas personalidades para levalo a cabo é o pregón. Este ten a finalidade de enxalzar o manxar gastronómico que é protagonista deste evento, a empanada, e na maioría das ocasións faino recorrendo ó humor.

Ó igual que a traxectoria da festa é longa, o é a dos pregoeiros. Pois xa dende o 1987 tense constancia dos ilustres personaxes que contribuíron coas súas verbas, así é o caso de Camilo José Cela que foi pregoeiro neste ano, cando aínda non era Premio Nobel de Literatura, ó que se lle dedicou unha rúa co seu nome.

Sucedéronse tamén persoas do mundo da cultura, a comunicación, a política… entre eles, Otero Besteiro (escultor de Lugo), Gerardo Fernández Albor, Manuel Fraga Iribarne, Xesús Palmou, Fernando Ónega, Jose María Carrascal, Pilar Cernuda, María Rey, Miguel Durán (antigo director da ONCE e de Tele5), Alfredo Conde ou Carlos Blanco, Mela Casal e Gloria Ferreiro(actores de “Mareas Vivas”).

festa-empanada-bandeira-2Como última pregoeira estivo a actriz, cantante e presentadora ferrolá Teté Delgado. E, este ano, será o actor santiagués José Luís Castro Zahera (representando a Petróleo en Mareas Vivas e actor en películas como O Lapis do Carpinteiro, El año de la garrapata, etc.).

Outro aspecto que tamén require especial atención é o deseño do cartel anunciador da festa. Cada ano é elaborado por algún artista reputado que colabora desinteresadamente, este é o caso de Saavedra Pita, dos pintores Fondevila e Marisa Miguelez, Adrián Penido, Sara Arias… Este ano, os autores son Xosé lago e Andrea Zúñiga Díaz Casal.

Bo aspecto e delicioso sabor

festa-empanada-bandeira-3Como non podía ser doutro xeito, un dos actos máis importantes desta festa é o Concurso das Empanadas. Este ocupa a maior parte da tarde da xornada festiva, xa que consta de varias fases para asegurarse de que as empanadas ganadoras son verdadeiramente as mellores de todas.

Empanadas ganadoras si, dúas, porque existe unha categoría para os restaurantes (entre os que gañaron: Casa Cuíña, Casa Vilas de Santiago, Restaurante Cambados…), e outra para as amas de casa (sendo coñecidas Mª Carme Pillado de Cochón ou Dolores Sanguiau). Ambas as dúas modalidades son avaliadas da seguinte forma: primeiro preséntase o produto e faise unha selección de finalistas, a continuación pásase á degustación e, finalmente, un experto xurado, valóraas.

festa-empanada-bandeira-7Acto seguido procédese a poxar as premiadas. Anos atrás chegouse a pagar preto dos 3000€ por unha empanada (e falando en moeda doutro tempo, recórdanse desmesuradas cantidades que roldan as 400.000 ou 300.000 pesetas abonadas por un construtor de Andorra), actualmente estas cifras descenderon considerablemente, polo que a Comisión de Festas ten que empregar ben os cartos para garantir unha satisfactoria edición da festa.

O que comezou como unha acción desinteresada por parte das amas de casa e os restaurantes de A Bandeira, converteuse nun concurso que traspasou as fronteiras locais, conseguindo participantes doutros concellos de Galicia e, incluso, de España.

esmorga-folkEsmorga Folk

A música tamén está presente nesta celebración, xa que durante toda a xornada actuarán tanto bandas musicais ou grupos tradicionais como charangas, foliadas e, pola noite, gozaremos coas actuacións de importantes orquestras.

Pero isto non é todo, xa que o venres, o día anterior á Festa da Empanada, terá lugar o Festival Esmorga Folk. Alí, varios grupos de ámbito nacional e internacional tocarán a mellor música celta e tradicional que poidamos escoitar. Dende o 1989, os mellores grupos regálannos cada ano as súas mellores creacións. Entre todos eles podemos destacar a Carlos Núñez, Leilía, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, A Roda, Os Cempés, The Chieftains, Shooglenifty, John McSherry, Mairtin O’Connor & The Canterbox Band, etc. E este ano, na XXVI edición, gozaremos das actuacións de Tanxedoras, Folieiros, Os D’Abaixo e Xistra.

Por: Celeste Sánchez
Publicado o 12 de Agosto do 2014 | 12:34 p.m.