publicidade hoxe
As conxuncións e locucións conxuntivas - Cabecera

As conxuncións e locucións conxuntivas

As conxuncións son aquelas palabras invariábeis que serven como nexo de unión entre palabras, frases, oracións… O mesmo ca nos temas anteriores, poderemos encontrar formas simples, dunha soa palabra, que serán as conxuncións (porque) e tamén nexos formados por máis dunha palabra, que serán as locucións conxuntivas (xa que). Dependendo do tipo de relación que exista entre os os elementos nos que a conxunción, ou locución, serve de nexo teremos dous tipos de conxuncións: coordinantes e subordinantes. Na coordinación os elementos desempeñan a mesma función no mesmo nivel. Nas subordinantes unha oración vai funcionar dentro da outra, polo que non están ao mesmo nivel.

Clases

Na seguinte clasificación incluiremos todos os tipos de conxuncións sen termos en conta se son coordinantes ou subordinantes.

Conxuncións copulativas

Serán aquelas que sumen dous o máis elementos presentados nunha orde determinada.

Formas:

a mais

e mais

nin

e

mais

Exemplo:

-Para probar o vestido faltábamos ganduxar a lapela e (mais, e mais…) os ollais

Conxuncións disxuntivas e distributivas

Serán aquelas que funcionen como nexo entre diferentes opcións… A conxunción disxuntiva, ou distributiva, pode ir soamente entre os dous últimos elementos, de haber varios, e moitas das veces incluso reforzada por “ben” (tes que te aclarar sobre que carreira estudares: Medicina, Bioloxía ou (ben) Matemáticas).

Formas:

ben… ben

cal… cal

nin… nin

ora… ora

ou

ou… ou

(que)… que

quer… quer

volta… volta

xa… xa

Exemplos:

-(que) sexa un leitón que sexa un chino, ti mércao e xa está

-Aquela bica -quer por non levedar, quer por falta de cocedura- non estaba nada boa

Conxuncións adversativas

Son aquelas que contrapoñen dúas oracións ou termos sintácticos, unha contraposición que poderá ser total ou parcial.

Formas:

a menos que

aga que

agás que

agora ben

agora que

así e todo

bardante que

con todo

e iso que

emporiso

excepto que

fóra de que

inda / aínda que

mais

menos que

no entanto

non obstante

ora ben / que

en troques

pero

porén

por iso

quitado /quitando que

mentres (que)

sacado / sacando que

senón (que)

só que

 

 Exemplos:

-Non lle fixera un limiar ao libro, emporiso quedara contento coa edición

-Non lle puxera o loro ao xugo, no entanto as vacas tiraron igual

-A lupanda fora boa, porén non tivera queimuras no estómago

Conxuncións concesivas

Serán aquelas que precedan a unha oración que indique obxección, dificultade, problemas…

Formas:

a pesar de que

a pouco que

aínda / inda que

así

ben que

máis que

mal que

malia que

mesmo que

nin que

por (+adx.) que

por máis que

por moito que

por pouco que

   

Exemplos:

-Malia que tiña todo o pelo enguedellado, o peiteado quedoulle ben

-Por difícil que fose tallar aquel escano, ela ía intentalo

Conxuncións condicionais

Fan referencia á condición ou necesidade de que se verifique algunha situación, contexto, circunstancia…

Formas:

a menos que

a nada que

a non ser se

a pouco que

aga se / que

agás que / se

a non ser que

bardante que

cando

caso de que

catar se

con que

con tal (de) que

de non ser que / se

en caso de que

excepto que / se

onda non

quitado que / se

quitando que / se

sacado que / se

sacando que / se

salvo que / se

se

sempre que

senón que

     

Exemplos:

-Sempre que despois non te vaias de esmorga, conta comigo

-Con que lle deas unha esmola, por cativa que sexa, xa está ledo

Conxuncións causais

Serán aquelas que indiquen unha causa, motivo ou razón.

Formas:

como

como queira que

dado que

pois (que)

por causa de que

por cousa de que

por culpa de que

por mor de que

porque

posto que

que

visto que

xa que

     

Exemplo:

-Non seguiron andando como queira que se pararon naquela espenuca

Conxuncións consecutivas

Serán aquelas que unan oracións segundo unha consecución lóxica.

Formas:

(así) pois / que

conque

daquela

de aí que

de forma que

de maneira que

de modo que

de xeito que

entón

logo

polo tanto

por conseguinte

por tanto

tan(to)… que

xa que logo

 

Exemplo:

-Rompeulle o manlle e daquela tiveron que parar a malla

Conxuncións finais

Son as que establecen relación de finalidade entre as oracións nas que exercen como nexo.

Formas:

a fin de que

a que

en favor de que

para que

porque

que

Exemplo:

-A fin de que amolecese, mollaron o miolo do pan con leite

Conxuncións locativas

Serán aquelas que introducen oracións que indican o lugar onde se realiza o indicado na oración principal.

Formas:

onde

onde queira que

Exemplo:

-Onde queira que te morda unha avespa, sempre che dará reacción

Conxuncións temporais

Son as que introducen oracións que sinalan a idea de tempo.

Formas:

antes (de) que

ao / ó que

apenas

asemade

así que

ata / até que

axiña que

cada vez que

cando

cando queira que

decontado que

deica que

dende que

des que

deseguida que

despois (de) que

en canto

en tanto

entre tanto

entrementres

inda ben non

logo que

mal

mentres

mentres tanto

namentres

non ben

(por) en canto

sempre que

tan presto

tan pronto

 

Exemplos:

-Non se pode capar e asemade asubiar

-Non ben levou o golpe no nortello xa lle comezou a inchar

-Entrementres ides preparando o orzamento, nós imos estudando o proxecto

Conxuncións modais

Introducirán oracións onde se indique a maneira de como se realiza o sinalado na principal.

Formas:

(así) como

ben como

coma /como se

como queira que

conforme

consonte

de forma que

de maneira que

de modo que

de xeito que

mal como

segundo

sen que

(tal) cal

(tal) como

tal e como

Exemplos:

-Consonte (conforme…) foron chegando os invitados o patrón sentíase máis oufano

-Segundo meteu os aveños na pallota, pechou ben a porta

Conxuncións comparativas

Indican a idea de comparación.

Formas:

ca

coma

como

que

Exemplos:

-Aquel diadema tiña tantas perlas coma o anterior

-Tiña máis eguas ca o veciño

Conxuncións completivas

Serven para introducir oracións substantivas ou completivas.

Formas:

que

se

Exemplos:

-Dixéronme que foras enfeitada con moitas alfaias

-Non che sei se o enfeitizaría con aquel meigallo

Fraseoloxía:

*”Ser buliqueiro coma un axóuxere” (ser moi inquieto/-a ou ter moita actividade)

*”Levar unha cousa coma quen leva un santo” (facer ou levar algo con agrado)

*”Ser coma unha ortiga” (ser unha persoa bruta, agresiva, esquiva…)

*”Ser coma un arado de ferro” (ser moi bruto/-a)

*”Agardar coma o gato ao rato” (estar á espreita de algo)

*”Non haber máis ca un camiño” (non haber ou ter outra posibilidade)

Refraneiro:

*”A xeada de febreiro mata a vaca e tamén o leiro”

*”Alzar sen vento e parir sen tempo non pode ser”

*”O que de mozo non tolea, de vello perde a cabeza”

*”Os nabos e os señores, canto máis raros, mellores”

*”Quen ben ten e mal escolle, por mal que lle veña non se anoxe”

*”Unha filla é unha marabilla; dúas, boas son; e tres e a nai, volven tolo ao pai”

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 15 de Maio do 2015 | 7:37 p.m.