publicidade hoxe
As Cíes - Cabecera

As Cíes

Coa arela de que As Cíes, as illas dos bicos de vento e sal, sexan declaradas Patrimonio da Humanidade, abro a artesa da memoria. Arrivan do mar versos que vogaban no limbo do esquecemento. E é que en deixando Cíes, todo, absolutamente todo fica distante. 

Baixo o ceo azul da Terra Nosa. Outro ceo azul de fortes batentes, enfeitizado cun engaiolante colgante de mar e pedra (Peito, Bufardo, Figueiras, Muxiero, Príncipe, Chancelos, Cabalo, Escodelo…).

Baixo o ceo azul da Terra Nosa. Un lugar alegre (léase feliz) onde o vento mareiro xoga cantareiro a rubir cantís de esperanza e liberdade. E o mar argalleiro do “Lago dos Nenos” ensoña lenzos de salgadas rochas de ilusión e fantasía (Rodas, Visitantes, Vellas, Viños, Nosa Señora, Carracido, Porta, Canabal, Faro, Ruzo, Pedra da Campá…). 

Baixo o ceo azul da Terra Nosa. Un lugar sabedeiro coma o doce no limiar dos beizos. Onde sentir na faciana da alma a ledicia morniña dun tempo que voa e voa e voa… até ao amañecer (Pau da Bandeira, Xesteira, Monte de bicos, Faro de bicos, Cabo de Bicos, Concela, Cabaliño, Gabatos, Galeira…). 

Baixo o ceo azul da Terra Nosa. Unha miudeza pequena, máxica, irmandiña, inesquecible, arrebatada ao uni(verso). Un arquipélago paradisíaco onde as ondas oceánicas do Atlántico fican maxestosas entre soños de cores. 

Baixo o ceo azul da Terra Nosa (Monteagudo, Faro, San Martiño Agoeira, Penela dos viños, Carabelos, Ruzo). Todo un galano para os sentidos merecedora de ser declarada Patrimonio da Humanidade. As Illas dos bicos de vento e sal. As Cíes.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 30 de Maio do 2014 | 8:56 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"