publicidade hoxe
Álvaro Fiuza: “Quen dixo que o crowdfunding só vale para as películas?” - Cabecera

Álvaro Fiuza: “Quen dixo que o crowdfunding só vale para as películas?”

Álvaro Fiuza

O termo ‘crowdfunding’ está cada vez máis presente a día de hoxe, pero empregalo no mundo do deporte aínda resulta pouco habitual. Para o que non o coñeza, trátase dunha especie de micromecenado no que cada persoa (ou empresa) pode colaborar cunha achega económica máis ben pequena para financiar un proxecto máis ben grande. Unha película, unha obra,… Ou, por que non? Un proxecto deportivo. O de Álvaro Fiuza comeza cunha canoa e o leva por nome o que ben podería ser o título dunha película “Tres obxectivos, un soño”.

Álvaro FiuzaNome e apelidos: Álvaro Fernández Fiuza 

Un lugar: Pontevedra (Santa María de Sacos)

Un hobby: Facer surf

Unha comida: A tortilla de pataca da miña nai.  E o cocido tamén!

Unha virtude: Son moi constante 

Un defecto: Son moi impulsivo 

Un soño: Que os meus fillos sexan surfistas profesionais

Bueno Álvaro, contigo temos diferentes disciplinas das que falar… Empecemos polo principio, como empezas no mundo piragua? Cando e en que modalidade?

Comecei porque o facía miña prima Marta. Foi no 93 e a primeira modalidade na que me metín foi a de augas tranquilas. 

Naquel momento supoño que non sería un deporte típico entre os rapaces, por que che gustou o piragüismo?

A verdade é que naquel momento por estar a carón da miña prima, tería feito calquera deporte… (Risas)

 Os primeiros anos da túa carreira desenvólvense no Club Naval de Pontevedra, alí comezas a acadar títulos e a ver que isto era máis que un hobby, non?

Pois si, despois deses primeiros pasos e adestramentos, chegaron as probas e as primeiras medallas, e con elas ese momento o no que ves que pode deixar de ser un hobby e converterse en algo máis serio. 

 Como recordas aquela etapa? Que che ofreceu o Naval?

O certo é que a lembro con moita morriña, porque foron uns anos moi bonitos. No persoal, o Naval permitiume coñecer ao meu mellor amigo, e a nivel deportivo permitiume recibir unha preparación técnica moi boa. 

 Foi xa neses momentos xa te orientas cara o maratón? Empezaches preparando esta disciplina ou pasaches por outras?

No maratón levo dende o ano 2007, polo que a maior parte da miña carreira deportiva a pasei facendo as distancias olímpicas (1000 y 500 metros).  O maratón é a distancia que mellor se adapta as miñas calidades físicas pero non empecei con ela, pasei por outras ata que xa me metín de cheo na que creo que podo dar máis de min.

Álvaro FiuzaNo maratón tes tres ouros mundiais e dúas pratas… Máximo nivel! Hai a algún destes títulos ó que lle teñas especial cariño, ou que gardes de maneira especial?

Si, ao primeiro mundial. Foi en Crestuma (Portugal), alí estaba toda a miña familia e amigos, foi un momento moi especial, deses que che queda gravado para sempre e que recordas co paso do tempo. 

E despois disto, como foi a evolución? Como te decides a probar outras modalidades? Cal foi a seguinte?

Despois foi todo relacionado coa longa distancia. Primeiro os ríos e despois o surfski. Partindo desa preparación de distancias longas e de resistencia, fun probando outras disciplinas e xa non deixei ningunha.

Álvaro Fiuza conta no seu haber con tres ouros mundiais e dúas pratas, na modalidade de maratón.

A túa última aposta deportiva foi o Club Feve Oviedo Kayak, supoño que a isto, a esta situación xeográfica, se debe o reto de enfrontarse ó Sella…

Pois si, e tamén a que o grupo de adestramento está en Aviles (Trasona). Bueno, a isto, e ao máis importante de todo, que a miña muller é de Oviedo, así que como para non enfrontarse ó Sella (Risas)

Formas parella con Walter Bouzán e acadades a vitoria, non en unha, senón nas catro últimas edicións. Tempadas inmellorables. Que supuxeron para ti estas vitorias?

Pois unha satisfacción inmensa como te imaxinarás. Cando ves este resultados, cando fas balance, daste conta de que ás veces o traballo duro vese recompensado. 

AÁlvaro Fiuzademais do aspecto deportivo, o Descenso Internacional do Sella é unha proba moi bonita para os padexeiros, adoitas dicir que por un día te sentes como un futbolista nun gran estadio…

Pois si, é a proba máis seguida do mundo da piragua, incluso máis que as Olimpíadas de Piragüismo, así que imaxínate o que significa participar nela. Con todo o público que hai e o ambiente que se crea, a sensación é incrible.  

E por último, a derradeira peza deste trío deportivo que conforma Álvaro Fiuza; o surfski. Para os menos entendidos, cóntanos primeiro en que consiste esta modalidade?

Son probas tamén de longa distancia, pero neste caso en mar aberto. As canoas están feitas para navegar entre grandes ondas e nas condicións especiais que ten o mar.  É unha modalidade moi espectacular para ver, a verdade é que é moi bonita. E para competir nela nin che conto… 

“Despois de ver como foi o ano pasado, creo que podo acadar bos resultados e facer algo interesante no surfsky”

E como acabas ti metido nela? Como decides probar co surfski?

Pois coñecina a través dun bo amigo portugués, Rui. El era o comercial dunha marca sur africana, que foi a creadora e o berce desta modalidade. Por el tiven os primeiros contactos e así acabei nesta aventura. 

Os teus resultados o último ano foron moi bos, chegando a colocarte no campionato do ano pasado en Asturias en segunda posición, só por detrás do mellor de Europa…

Si, iso foi o que fixo que este ano faga unha aposta máis sería. Despois de ver como foi o ano pasado, creo que podo acadar bos resultados e facer algo interesante nesta modalidade, por iso non quero desaproveitar a oportunidade de intentalo.  

Álvaro FiuzaBueno Álvaro, e agora, despois de ver un pouquiño de todas as túas facetas e de falar dos teus títulos, a ver se somos capaces de entender por que con estes resultados non hai apoio económico para afrontar esta tempada. Que pasa? Non se lle da a este deporte a importancia que merece?

Hai que ser realista, se non hai televisións ou prensa que estean aí detrás e dean a cobertura necesaria, non hai diñeiro. É así de duro pero é así. Ademais esta crise está facendo moito dano nestes deportes que chamamos minoritarios. Fai oito ou nove anos, cos resultados que estou a acadar nestes momentos, viviría ben, pero agora non vale… A cousa está moi difícil.  

E como se adoita dicir, se Mahoma non vai á montaña… Fálanos dese proxecto de crowdfunding que estás a levar a cabo, en que consiste?

Pois consiste en tratar de aliviar os gastos do día a día, que son os que me están a dar máis problemas. Tratar de acadar o diñeiro suficiente para sacar adiante os proxectos deportivos desta tempada e poder pelexar por acadar os mellores resultados nestas tres modalidades das que falamos. Atopar un único patrocinador que se faga cargo é practicamente imposible, e agardar polas subvencións máis aínda, así que hai que buscar alternativas.

E como vai a cousa? Cres que se acadará o obxectivo? Tedes unha data límite, non?

Neste momento está difícil acabalo, pero non desisto. A data límite é o 29 de Maio, e xa sabíamos que non ía a ser sinxelo. Seguimos pelexando duro e non perdemos a esperanza. 

Ou sexa que mentres tanto ti continúas adestrando, como están os ánimos? En conxunto como te atopas?

Eu sigo adestrando duramente. De deito nestes momentos os meus ánimos non podían ser mellores. Pódoche dicir que fai dous anos ou máis que non estaba tan motivado. 

Moita sorte Álvaro, dende Noticieiro Galego os nosos mellores desexos!

Moitas grazas a vos polo interese.

Álvaro Fiuza

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 19 de Marzo do 2014 | 6:03 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada