publicidade hoxe
Alfonso Vázquez: “Nunca me conformo cos resultados obtidos, o que me da pé para seguir loitando” - Cabecera

Alfonso Vázquez: “Nunca me conformo cos resultados obtidos, o que me da pé para seguir loitando”

Alfonso Vazquez

Alfonso Vazquez preparando a súa moto no tallerApenas levantaba dous palmos do chan e xa estaba subido na moto, (e coa moto subida a canto sitio atopaba, todo hai que dicilo!). Alfonso Vázquez é deses deportistas que non teñen grandes patrocinadores detrás, polo que resulta máis difícil escoitar falar deles. Agora ben, quedar ás portas da primeira posición en varias das probas que correu no seu primeiro ano de competición, dende logo, non é pouca cousa. Aínda así, para el, todo o que non sexa cruzar a liña de meta no primeiro posto é mellorable, e nesas está no que será o seu segundo ano competindo. Ano no que pretende facerse co campionato. 

Como comezaches no mundo das motos?

Inicieime no mundo das motos con tan so dous anos, nunha moto a batería que me regalou a miña avoa. Despois cando tiña cinco anos, os meus pais xa me compraron unha moto a gasolina de 49 cc. E dende esas xa non baixei delas… (Risas)

Había tradición de motos na túa casa? Había alguén ó que xa lle gustaran?

Ó meu pai sempre lle gustaron as motos e el xa andaba con elas dende sempre. Máis coma un hobby que pensando en facerse profesional, porque a verdade é que tampouco coñecía a ninguén para que puidera levalo fora de Galicia nin nada. Non sei si iso tivo algo que ver ou non, pero eu xa dende pequeniño me empeñei nas motos. De feito sempre dicía: “eu quero ir facer as probas de moto a Madrid”, non sei por que se me meteu na cabeza iso de Madrid, pero tíñao moi claro (Risas).

E non había o típico medo de nai ou de avoa con iso das motos? Non che quixeron quitar a idea de cabeza?

Alfonso VazquezNo! Que va! A verdade é que non. Berraban comigo, iso si, porque me subía coa moto por todo canto sitio había na casa! Escaleiras arriba ou o que fixera falta… Así que broucas si que me caeron unhas cantas… Pero medo non…

Habitualmente o campionato galego de velocidade córrese nos circuítos portugueses, ou un pouco onde se poida. Non existen suficientes oportunidades en Galicia para os que se dedican ao motociclismo?

Non, para nada. Non contamos con instalacións preto de onde residimos e temos que desprazarnos a Portugal ou a distintos circuítos de España, tanto para correr o campionato como para adestrar. Xa ves, o campionato galego córrese en todos os sitios menos en Galicia. Xa de por si é un deporte caro, para canto máis se lle sumamos o tema dos desprazamentos… A verdade é que é moi complicado.

O maior problema entón xa non é so o propio campionato, senón os adestramentos…

“O campionato galego córrese en todos os sitios menos en Galicia”

Claro, non nos facilitan o poder adestrar e dese xeito é moi difícil chegar a conseguir algo. De feito cada vez somos menos corredores en Galicia porque resulta moi difícil manterse. E se falamos de atopar unha oportunidade para saír de aquí xa nin che conto… Imposible nestas circunstancias! O circuíto mundialista más próximo que tiñamos era o de Estoril, que ademais xa non o é dende o ano pasado. Agora a opción que nos queda é Braga e son 200 quilómetros…

Para quen non o saiba, o campionato galego e o nacional-portugués córrense xuntos. Ou sexa, estades todos os corredores na pista ao mesmo tempo e mídense as puntuacións para as dúas probas por separado. Para ti, o ano pasado foi a primeira vez que competiches nestas carreiras, como foi?

Alfonso VazquezNon corrín todo o campionato, son en total seis probas e eu fixen catro. Ó principio a verdade é que foi bastante mal, porque a moto estaba practicamente de fábrica e había xente con moita experiencia e coa moto mellor preparada para a competición. Pouco a pouco fomos axustando, e na terceira proba fixemos cambios na moto e moito mellor. Nos primeiros adestramentos libres acadamos a pole e en carreira lideramos durante bastante tempo. O meu obxectivo era o primeiro posto pero adiantáronme sobre a liña de meta e ó final perdín.

Bueno, perdiches non! Quedaches segundo nesta proba, no que era o teu primeiro ano de competición, eu diría que está moi ben… (Risas)

O meu obxectivo era a primeira posición nesta proba e no campionato así que para min mal… Pero bueno, supoño que si… (Risas) Se tiveramos a moto ben dende o principio poderíamos ter feito máis, no campionato en xeral. Despois na última proba, logo dunha moi boa carreira, e levando catro segundos de vantaxe sobre os segundo, funme ó chan… Así que nada…

Tamén hai que coller experiencia e por suposto, hai que ter en conta o orzamento co que conta cada un, que haberá moitas diferenzas tamén…

Si, no meu caso falta moito orzamento. Temos patrocinadores pero son pequenos, de todos os xeitos por suposto, lles estou moi agradecido, pero claro faise difícil. Celebramos eventos, tipo ceas e así, para recadar fondos, pero sempre tirando de amigos e familiares porque o que son axudas… Ningunha. Aínda así temos que acabar poñendo a metade máis ou menos do noso peto e así a cousa dificultase moito.

Alfonso VazquezCal é o modelo da moto coa que corres? Cales son as súas virtudes e os seus defectos no asfalto?

Corro cunha Honda CBR 600 RR. A súa maior virtude é que é moi lixeira e fácil de pilotar. O seu maior defecto é que é unha das motos con menor potencia comparada con outros modelos, o que viñamos falando, falta de orzamento… Podería mellorarse moito pero é moi caro.

Que características debe ter o piloto para correr nunha determinada cilindrada?

Estar moi ben física e psicoloxicamente, xa que nas carreiras son moitas as voltas que hai que dar e as veces corremos a temperaturas moi, moi altas. Tanto que nalgún casos chegaron a alcanzar os 37º ambientais e 50º en pista. Esta é unha das maiores dificultades físicas, unida por suposto ó cansazo. Saes de traballar ás oito da tarde, chegas á casas, preparas todo, colles o coche e méteste igual seis ou sete horas de coche para chegar ó circuíto. Despois alí, adestramentos dende a mañá cedo, comer rapidamente, e xa á carreira. Ó rematar colles o coche de novo, outras seis ou sete horas e volta para a casa. É moito tute para o corpo… E isto loxicamente faite perder concentración. Ademais, tes que estar pendente dos temas mecánicos, de arranxar isto ou aquilo, de adestrar con rodas gastadas para non gastar as da carreira, porque non hai cartos… Unha loucura!

E que así ten que ser moito máis difícil claro…

Un piloto debería chegar, descansado, subir á moto e correr. Simplemente iso, sen preocuparse por nada máis. Pero nestas circunstancias é imposible.

Entón, cal dirías qAlfonso Vazquezue é a maior dificultade á que se enfrontan os pilotos ao participar nun campionato desta envergadura?

O maior problema é o económico, sen dúbida, e o pouco tempo que temos para adestrarnos, por mor do traballo e a distancia dos circuítos.

Cantas persoas precisa un equipo para que sexa competitivo? De cantas persoas consta o teu?

Non hai un número determinado de persoas para que un equipo sexa competitivo. A min persoalmente gústame que haxa pouca xente, e a que haxa sexa de confianza. No meu equipo somos tres persoas. Eu como piloto, Mato como mecánico e Uxía como asistente persoal e axudante de mecánico.

Cres que este deporte conta con suficiente recoñecemento social? Hai suficientes seguidores na comunidade?

Creo que a nivel nacional e mundial si, pero a nivel autonómico non. Sería moi bo para nos que se lle dera maior importancia a este nivel. Iso si, os seguidores que temos na comunidade son poucos pero moi bos. O problema, para fomentar o seguimento deste deporte é que os desprazamentos son longos, o público tense que desprazar moitos quilómetros para ver as carreiras, e isto dificulta as cousas. A min persoalmente gustaríame que tivera máis seguidores e máis cobertura, pero pouco a pouco.

“Vou tres a catro días por semana ao ximnasio, un ou dous días a andar en bicicleta e cando podo fago Enduro. O estado físico é moi importante”

No día a día, como é a preparación para participar no campionato? Segues algún adestramento ou dieta especial?

A preparación é bastante dura xa que o adestramento é individual. No meu caso non conto cun adestrador profesional especializado no motociclismo, co cal todo é máis complicado. O adestramento que sigo é ir de tres a catro días por semana ao ximnasio, un ou dous días vou a andar en bicicleta e cando podo fago Enduro. O estado físico é moi importante polo que intento coidalo o máximo posible. Tamén, sempre que o tempo acompaña, intento adestrar no circuíto de velocidade. En canto a dieta non sigo ningunha en especial.

Trátase dun deporte caro. Cal é o gasto que supón a participación no campionato? Cal é o presuposto co que contas?

O custo que supón correr o campionato rolda os 19000 €. Isto varía dependendo das caídas, avarías, ect. De momento non conto con ningún presuposto.

Se tiveses que venderte ante un patrocinador, cales serían esas virtudes que te diferencian do resto de pilotos?

Nunca me conformo cos resultados obtidos, cousa que me da pé para seguir loitando en non tirar a toalla. Son inconformista por natureza creo que sempre hai marxe de mellora.

A pregunta que se lle fai ós rapaces, que é o importante? Gañar ou participar?

Alfonso VazquezO importante é gañar sempre. Para min, persoalmente, o segundo e terceiro posto son unha derrota. Salgo en cada carreira pensando en gañar. Xa cho dicía antes, inconformista por natureza… (Risas).

Cal é a relación cos demais corredores, créanse lazos de amizade ou a competencia implica rivalidade?

A relación cos pilotos en xeral é boa, pero cando sales a pista ten que haber rivalidade. Poden ser amigos fora, pero dentro do circuíto non podes pensar niso. Unha cousa non quita a outra, agora ben, deportividade sempre.

De todo o vivido, que momento non esquecerás xamais? Cal te marcou máis?

Para min o momento que nunca esquecerei foi a vez que perdín o primeiro posto na mesma liña de meta, quedando así segundo. Foi un trago moi duro.

O motociclismo para ti é un hobby ou un traballo?

“A familia e os amigos teñen que soportar todo tipo de esforzos, dende económicos ata aturarme cando estou de mal humor, que non sei que será peor…”

Para min é un hobby, pero gustaríame que fose o meu traballo.

Cal sería o teu soño deportivo?

Correr o Campionato do Mundo de Velocidade.

A nivel persoal, a quen deportista admiras? A quen consideras o mellor deportista da historia do motociclismo?

A Valentino Rossi.

O apoio da familia e amigos é primordial, cales son os esforzos aos que se teñen que enfrontar para axudarte a chegar á túa meta?

A todo tipo de esforzos, dende económicos ata aturarme cando estou de mal humor, que as veces non sei que será peor…

Cada piloto ten a súa personalidade e cada moto tamén. Cal sería esa moto coa que te enfrontarías a calquera Alfonso Vazquezcircuíto?

Tendo en conta que non tiven oportunidade de correr con varias motos, aposto pola miña Honda CBR. Porque é a que máis coñezo.

Cales son os obxectivos que te marcas para o próximo campionato?

Poder facer ambos campionatos completos e conseguir os mellores resultados posibles para optar o título. O meu obxectivo continúa sendo o de seguir mellorando e tratando de escalar os máximos postos para chegar ó final con opcións de estar aí.

Cales foron as críticas que máis te marcaron?

Negativas polo de agora non tiven ningunha… A crítica positiva que máis me gustou foi a que me fixeron na primeira carreira, cando quedaron abraiados dos meus resultados a pesares dos medios cos que contaba, que eran ben precarios…

Sentídesvos apoiados pola Federación?

Votamos en falta incentivos económicos proporcionais os resultados deportivos, cousa que xa se fixo noutros anos. O nivel dos corredores galegos está a ser moi bo é sería moi importante fomentalo para que no futuro puidésemos seguir acadando éxitos. Como xa falamos, é un deporte moi caro e sen axuda é moi difícil manterse. O máis importante sen dúbida sería contar un circuíto galego.

Alfonso Vazquez

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 10 de Marzo do 2014 | 12:08 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada