publicidade hoxe
Álex Bergantiños: “A tempada foi espectacular, agora a disfrutar do verán e de Primeira” - Cabecera

Álex Bergantiños: “A tempada foi espectacular, agora a disfrutar do verán e de Primeira”

Álex Bergantiños

Non foi dende logo o mellor peche para a tempada, pero o Deportivo non se xogaba nada en Xirona e cos ollos postos xa na Primeira División resultaba difícil manter a tensión. Pola contra o Xirona tiña unha permanencia que acadar, e non é de estrañar que esta diferenza de motivación se reflectira no marcador (3-1).

“A verdade é que non foi o mellor partido que quixéramos para terminar, pero era un partido de importancia relativa”, recoñecía Álex Bergantiños nada máis aterrar en Galicia despois de voar dende Barcelona. É o terceiro ascenso que vive o centrocampista, todo un experto nestas lides, acadara o primeiro co Xerez, e o segundo co Deportivo de Oltra, e quen sabe, igual á terceira vai a vencida…

Álex Bergantiños“Quizais se nos fixo un pouco longo”

“Estivemos ben na primeira parte, ata o gol deles tiñamos o balón e eles estaban un pouco nerviosos”. Pero a superioridade duroulle pouco ós de Fernando Vázquez, e unha vez que o Xirona abriu a lata pouco houbo que facerlle. “Quizais se nos fixo un pouco longo o partido”, asegurou Álex.

O partido e mesmo a tempada, recoñeceu tamén o xogador, consciente do esforzo mental e físico que tivo que facer o equipo, “creo que o equipo estivo sempre competindo e adaptándose ás necesidades da plantilla durante todo o ano, ata final de tempada”. Recordando a pretempada, Bergantiños asegurou que “eramos moi poucos profesionais e soubemos sacarlle rendemento, merecíamos chegar ata aquí”. Máis aínda tendo en conta que “foi unha competición máis igualada ca nunca”. Así é que, segundo el mesmo dixo, “a tempada foi espectacular” e agora toca disfrutar “do verán e de Primeira”.

A título persoal, foi tamén unha tempada complicada para Bergantiños, consciente de que trala lesión non se volveu a atopar como antes “son o primeiro que sabe que é unha lesión muscular e agora hai que traballar ben no verán para recuperar e volver a ter o ton muscular de antes xa de cara ó ano que ven”.

Álex BergantiñosFernando Vázquez: “fixémolo o mellor que puidemos sinceramente”

O técnico deportivista pola súa banda, ademais de aproveitar o momento para felicitar ó Xirona pola súa permanencia e facer o propio co Lugo (“que é o equipo da miña terra”), coincidiu en que se trataba dun encontro difícil, “viñamos de dalo todo contra o Xaén e despois de subir ó pico máis alto de tensión… Neste partido non había razóns emocionais ás que agarrarse e tes que apelar á profesionalidade, ó respecto á competición e ó propio Xirona, iso foi o que intentamos”.

Malia todo para Vázquez foron moitas as facilidades defensivas concedidas e a explicación só pode estar na falta de concentración e tensión. “Bueno, fixémolo o mellor que puidemos sinceramente”, concluiu.

E pode que neste partido isto non significara demasiado, pero se falamos da tempada, a cousa cambia.

Fotos: Redes Sociais Deportivo

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 9 de Xuño do 2014 | 2:08 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada