publicidade hoxe
Alberto Martínez: “O artesán ten a posibilidade de crear xoias únicas, como pequenas esculturas” - Cabecera

Alberto Martínez: “O artesán ten a posibilidade de crear xoias únicas, como pequenas esculturas”

Alberto Martínez e o seu compañeiro Juan Bautista recibindo o premio en Grecia

Unha xoia pode ser o símbolo dun matrimonio, un recordo dun antepasado, un regalo desa persoa especial… Unha xoia pode marcar ese momento especial da nosa vida ou, no caso de Alberto, pode marcalos todos. Ós seus 20 anos, este xoieiro pontevedrés, ven de representar a España no prestixioso certame P.L.E. de Xoiaría Artística, que se celebrou en Grecia. E non só iso, senón que ademais fíxose co primeiro premio do certame cun anel inspirado no comercio marítimo da cidade de Volos. Toda unha xoia. Tanto o anel como esta nova promesa da ourivería galega.

Alberto Martínez

Nome: Alberto Martínez Teijeira (Mos, 1993)

Para comezar darche os parabéns Alberto por ese premio que ves de gañar en Grecia. Cóntanos en que consiste este certame.

O Parlement Lyceen Europeen é unha organización europea que aglutina escolas de artes plásticas coa especialidade de xoiaría. Unha vez ao ano, todos os centros escolares fan unha reunión onde se presentan os avances educativos e tecnolóxicos na nosa especialidade. Ó mesmo tempo, paralelamente a este encontro, realízanse varias actividades, como por exemplo, exposicións itinerantes dos estudantes das escolas europeas por diferentes países, e un certame de deseño e peza de xoiaría contemporánea.

Pero a ese certame preséntanse só os escollidos, non?

Cada país pode aportar catro escolas. España presentou dúas de Madrid, unha de Andalucía e unha de Galicia. Esas escolas fan unha selección interna de alumnos e dende ese momento, entre dous alumnos da escola, temos que facer cinco deseños de xoias e cinco pezas de xoiaría contemporánea. O tema do certame era a historia grega.

E ti en concreto que presentaches?

Eu presentei dúas pezas de xoiaría artística e tres deseños pola escola de xoiaría de Vigo. O meu compañeiro, Juan Bautista Garcíapresentou tres pezas e dous deseños. Todas as escolas presentan cinco xoias e cinco deseños, e durante o evento son expostas para ser valoradas por máis dun centenar de persoas da Unión Europea, profesionais da xoiaría, docentes e estudantes das escolas, de xeito anónimo.

É o primeiro concurso no que participas?

Xa tiven a oportunidade de presentarme a outros concursos, porque no ciclo de xoiaría que estudo é unha actividade habitual. Así tamén podes ver ós demais participantes e os seus traballos, e vas facendo melloras nos teus. Tamén fixen outras colaboracións con institucións, por exemplo os trofeos da escola de imaxe e son de Vigo, a coroa da Raíña da Beleza de Málaga 2013, entre outras cousiñas.

E cal foi a xoia que che deu a vitoria neste caso? Descríbenola.

A Xoia de Autor que presentei foi un anel inspirado na importancia do comercio marítimo da cidade grega de Volos, cidade onde se fixo este ano o encontro europeo. Representa un Barco Argonauta abríndose paso entre as olas do Mar Mediterráneo cando están embravecidas. Creo que o importante tamén é a utilización de materiais como a madeira que non tan usuais na xoiaría.

Que supón para ti acadar este recoñecemento Alberto? Supoño que a nivel persoal é un impulso importante, non?

Por suposto. Como sensación, acadar este galardón é incrible, sobre todo para seguir traballando e mellorando. É un recoñecemento ós meus deseños, un recoñecemento por parte de xente que non me coñece e que conta con moito prestixio noutros seus países.

Non sei se ademais ten algún tipo de beneficio engadido, xa sexa económico, a nivel exposición, ou oportunidades futuras…

O Premio P.L.E. de Xoiaría Artística é recoñecido internacionalmente e isto supón un importante dato a resaltar no meu currículo, de cara a poder traballar en empresas de recoñecido prestixio en Europa ou tamén para especializarme noutras áreas en grandes centros de formación. Ó mesmo tempo tamén ten moito valor de cara a expor as miñas xoias en galerías ou feiras de arte.

Anel premiado no certame  Anel premiado no certame Anel premiado no certame

Por que ti agora estás estudando. Exactamente en que te estás formando?

Nestes intres estou na Escola Técnica de Xoiaría do Atlántico, rematando o Ciclo de Grao Medio de Procedementos de Xoiaría artística, quédanme as prácticas en empresa. Ademais, a escola ten un acordo de colaboración coa Asociación Española de Deseñadores e Creativos de Xoiaría e ourivaría “ Xoias de Autor”, onde estou a facer formación intensiva nas áreas de deseño de xoias por ordenador, gravado a buril, xoiaría clásica e contemporánea dentro dun formato experimental de formación que se integra baixo o nome de Curso Integral de Xoiaría. Estou a piques de rematar todo isto e a miña intención é seguir formándome para medrar a nivel profesional.

Como é que te decidiches a estudar xoiería Alberto? Venche de familia ou é unha vocación persoal?

No meu caso a “ casualidade” levoume a esta escola e a estes estudos. Pouco a pouco conseguín adaptarme aos requisitos da disciplina artística e síntome moi ben nesta profesión.

Por que che gusta este oficio? Como o definirías?

Como se adoita dicir, isto é máis ca un oficio, xa que é moi extenso. Parece que todo é moi sinxelo, pero en realidade temos que ter coñecemos de xemas naturais e sintéticas, coñecer os metais, as ferramentas, a industria, as tendencias da moda. E ademais, coñecer os materiais e as tecnoloxías 3D, que nos dan a oportunidade de crear outros obxectos como; trofeos, esculturas, regalos de empresa, accesorios para o automóbil,….

E en concreto a ti que é o que che gusta? O deseño, a elaboración…?

Pois todo! Dende a idea orixinal, plasmada a través de bosquexos que fago de xeito manual. Se é preciso fago o deseño en 3D para ver como quedaría o deseño final e posteriormente busco o material máis acorde co traballo. Despois fago a xoia de xeito artesanal e finalmente remato con acabados diferentes, ou co engastado das pedras fermosas se as ten.

Alberto Martínez, amosando os premios recibidosE que che di a xente cando dis a que te dedicas? Non chama atención na era esta das novas tecnoloxías?

A verdade é que cando a xente me pregunta non coñecen o oficio, pero realmente ten moitas posibilidades reais de promoción. E por outra parte hai que ter en conta que aínda que poida non parecelo, ten moito de novas tecnoloxías, dende o prototipado en 3D ata as presentacións que facemos dos nosos traballos en Youtube.

Cambiaron moito os procesos con respecto a anos atrás?

Co tempo, os procesos artesanais dos xoieiros foron cambiando, seguimos facendo moitos deles de maneira artesanal pero tamén temos en conta as ferramentas actuais que nos axudan a innovar. En canto á estética da xoiaría, vai moi ligada á moda no que se refire ás cores, ás formas, ós volumes,… Pero tamén o artesán ten a posibilidade de crear xoias únicas, coma se se tratara de pequenas esculturas.

Que aptitudes dirías que ten que ter unha persoa para dedicarse á xoiería? Supoño que é algo que hai que facer con moito coidado e mimo…

Dentro da xoiaría cabemos todos os que estean interesados nestes procesos, porque é un campo profesional moi grande e precísanse moitos profesionais con diferentes especialidades: xoieiros, xemólogos, deseñadores, fundidores, engastadores, gravadores, comerciais,… O importante é descubrir este mundo e pouco a pouco chega todo o demais, hai que ir mellorando a cada pasiño, para superarnos e que cada traballo sexa mellor que o anterior.

Cal é a túa xoia favorita Alberto?

Todas as xoias que vou facendo son as miñas favoritas, xa que vou aprendendo, vou mellorando e resúltame satisfactorio persoalmente cando as remato.

Unha xoia pode ter un gran significado, pode ser o símbolo dun matrimonio ou o recordo que temos dun antepasado, as xoias son algo especial?

As xoias son algo moi especial, é verdade que en moitos casos son como recordos de momentos especiais no percorrido das vidas das persoas. Unha xoia para cada momento.

Pois moitas grazas por conversar connosco Alberto. E moita sorte!

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 25 de Xuño do 2014 | 11:47 a.m.

Outros temas de Entre Nós