publicidade hoxe
Alberto Corbacho: “Quédannos dez finais e mañá comeza a primeira” - Cabecera

Alberto Corbacho: “Quédannos dez finais e mañá comeza a primeira”

Corbacho

Ademais de ser unha peza clave do Río Natura Monbus, Alberto Corbacho é tamén un dos xogadores que máis está a dar que falar esta tempada. Con sete triplas no seu último encontro, é o máximo triplista da Liga Endesa e leva dende a a xornada 24 da tempada 2012/2013 anotando de 3 a lo menos unha vez por partido. Xa dende Valencia falamos con el para saber con que ánimos enfronta o vestiario o encontro de mañá. Para o adestrador trátase do equipo máis duro da liga pero os composteláns non baixan os brazos e van a por todas.

Partido complicado o desta fin de semana Alberto, rival difícil o Valencia. Como está o equipo?

O equipo coa mentalidade de cada partido. Sabemos que é un partido que vai ser difícil pero temos que estar ó cen por cen e confiar en nós e no noso traballo. Sabemos que é complicado pero o marcador comeza 0 – 0 así que hai que saír á pista pensando niso e en tratar de non cometer erros.

A derrota da semana pasada foi dura, perder dun punto e sobre a bucina como se soe dicir… Fíxose difícil dixerila?

A derrota sen dúbida foi dura claro que si, pero temos a sorte de continuar na mesma posición na que estabamos que é moi importante. Isto non acabou e temos que levantarnos e seguir pelexando. Traballamos moi ben esta semana e está superada.

A nivel físico como vos atopades? Contra o Fuenlabrada fixestes un esforzo importante tamén, pasaravos factura?

CorbachoSi que é certo que foi un partido moi físico e moi duro, ademais nós tiñamos rotacións máis curtas e algúns xogadores acumulamos moitos minutos, pero os que estamos en pista sabemos que temos que dalo todo e aportar o mellor de nós.

Porque de feito o Valencia fisicamente tamén é un equipo potente, xa o dicía Moncho Vázquez esta semana, “hai que poñerse ó seu nivel”…

Si, teñen unha plantilla máis longa e nós sabemos que imos a estar máis xustos e que non teremos tantas rotacións, así que temos que facer un doble esforzo físico e sobre todo, ter concentración.

A clave é máis mental se cabe…

A concentración é un factor moi a ter en conta. Ademais de xogar ó seu mesmo nivel temos que estar concentrados para non perder balóns e non permitirlles facer canastras fáciles. Estar centrados no xogo e seguir o plan marcado. Temos que xogar corenta minutos dándoo todo.

CorbachoE empezar concentrados xa dende o comezo, que non pasen factura despois os erros iniciais, como foi ese primeiro cuarto contra o Fuenlabrada que parece que custou un pouco máis…

Si si, saír a por todas dende o comezo. Ser capaces de estar fortes e serios en ataque e iso tamén axudará a que a defensa estea mellor e máis sólida.

Polo de agora seguides aí na metade da táboa, mirades xa de reollo cara os play offs ou tal e como están as cousas… Mellor non pensar demasiado?

Máis que pensar agora nos play offs, nestes momentos o que estamos é tratando de volver a esa dinámica positiva na que nos atopabamos e sobre todo, tratar de integrar o mellor posible ás últimas incorporacións. Facer grupo e estar unidos que é o máis importante. Unha vez que creemos ben o grupo os resultados mellorarán, e se chega a vitoria despois todo é máis sinxelo. O importante é recuperar a dinámica. Hai que pensar en mellorar e medrar, non pensar xa no play off.

Porque o tema das baixas estavos a facer moito dano… Como van os tocados?

Os que estamos aí loitando temos que facer un gran esforzo, iso témolo claro. Temos baixas moi importantes, a situación de Durand e de Pavel e Oriol é unha faena para nós, pero o que temos que facer é non pensar niso e pensar que na pista somos cinco contra cinco. Agardar que nos acompañe un pouco a sorte e sobre todo saír a buscala. 

CorbachoE de ánimos? Como vos atopades de ánimos? 

De ánimos estamos moi motivados. Pensando no que nos queda e en ir a por todas. Sabemos que de agora en diante nos quedan dez finais, nin máis nin menos. Mañá temos a primeira e temos que ir a por todas.

O que tamén é verdade é que a título persoal, levas un ano de competición anotando polo menos un triple en cada partido, despois hai xornadas como esta pasada na que caen sete…

Si, por sorte estiven bastante acertado no tiro, pero bueno, coma o resto dos meus compañeiros que tamén están a facer ben as cousas. Esta é a miña maneira máis coñecida de axudar ó equipo e espero poder seguir facéndoo.  

Pois moita sorte Alberto.

 Fotos: Páxina web ObradoiroCab

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 28 de Marzo do 2014 | 5:24 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada