publicidade hoxe
Aida Mosquera: “Estivemos horas retidas no aeroporto por non renegar da nosa profesión” - Cabecera

Aida Mosquera: “Estivemos horas retidas no aeroporto por non renegar da nosa profesión”

Aida Mosquera

Aida MosqueraDe pouco lles valeu repetir que a súa era unha viaxe de cooperación. O único que sabían en Marrocos era que se trataba de xornalistas, suficiente para que te miren con lupa (non só en Marrocos).  Aida Mosquera ten 28 anos e moitas historias vividas. Historias dunha viaxe ‘De Nador a Tánxer’ na que coñeceu, de primeira man, como sobrevive unha nai solteira repudiada pola súa familia, ou unha muller que se deixa as mans pelando gambas por cincuenta céntimos á hora. Si, esas que temos no conxelador. 

En que consistiu a iniciativa “De Nador a Tánxer”, Aida. Foi unha viaxe que realizastes catro mozas, catro xornalistas do III Seminario Xornalismo Social e Cooperación Internacional, con que finalidade?

A expedición ao norte do Rif foi o colofón do seminario que fixemos na facultade de Ciencias da Comunicación, na USC, da man da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e da Asamblea de Cooperación pola Paz (ACPP). Tras dez semanas aprendendo de profesionais dos medios e de responsables de comunicación de diferentes entidades do terceiro sector, Noelia Antelo, Diana Mandiá, Ángela Muñiz e máis eu viaxamos, xunto con Carmen Novas, que coordina o seminario Aida Mosqueradende Agareso, a Marrocos. A finalidade era clara: coñecer dende o terreo os proxectos que ambas ONG desenvolven xunto con organizacións locais marroquís e compartilos coa sociedade civil a través de reportaxes, entrevistas e imaxes. Para iso está a comunicación, para amosar o que acontece aquí e alá, para contribuír ao desenvolvemento.

Foi un percorrido de 500 quilómetros, ducias de pobos, centros de persoas, e non quero nin imaxinar cantas emocións… Como foi a experiencia?

Coido que dicir inesquecible é un tópico, pero tamén o é pensar en cambiar o mundo, ou polo menos facelo un pouco mellor, e persoalmente estou convencida de que é posible. Pero bueno, dado que inesquecibles poden ser moitas cousas, direi que coñecer a persoas que loitan polos seus dereitos -e os dos seus veciños- máis aló de prexuízos ou dificultades é, como pouco, envexable. Foi claramente unha experiencia para recargar forzas, para falar do que acontece con argumentos e para emocionarnos con inxustizas reais e problemas de peso. Un xeito de espertar.

“Dicir inesquecible é un tópico, pero tamén o é pensar en cambiar o mundo, ou polo menos facelo un pouco mellor, e persoalmente estou convencida de que é posible”

Típica pregunta de xornalista (xa me entendes), con que te quedas? Que foi o mellor e que foi o peor desta experiencia?

Non sei se típica, pero si difícil de responder… (Risas) Impactoume moito Jamila, unha muller que coñecemos nas inmediacións de Nador, na comuna rural de Tafoghalt. Ela pertence á asociación Wafae, unha entidade que avoga pola autonomía produtiva das mulleres mediante a Aida Mosqueraelaboración e venda de aceites, alfombras… O caso é que estivemos falando con ela e preguntámoslle, ante a realidade do cuestionamento do velo e do seu xeito de vestir dende España, que que pensaba ela sobre os hábitos de vestimenta das mulleres occidentais. Jamila dixo “a muller é o que leva dentro”. Toma lección! Deixou claro a que lado da fronteira están os estereotipos. O mellor e o peor? Pois o que puidemos ver, coñecer, cando abrimos os ollos. Non sei se me explico… O mellor foi poder coñecer a realidade marroquí de primeira man, e o peor foron precisamente os porqués de parte desa realidade.

Aida MosqueraTivestes a oportunidade de coñecer historias incribles de primeira man, algunha que che quedara especialmente marcada? Algunha persoa na que sigas pensando?

Eu sigo pensando en Fattouma Nouiar, unha muller de sesenta anos que vive nunha comunidade preto de Tánxer. E penso en ela porque déixase a vida traballando en algo que, pese a cotián, endexamais imaxinara. É peladora de gambas. Fattouma pela gambas coas súas mans, a diario, por uns cinco dirhams á hora, que veñen sendo preto de cincuenta céntimos de euro. Como as mulleres do téxtil, as peladoras de gambas traballan para empresas de fóra, para multinacionais que, no caso desta muller, non as aseguran por ter reclamado os seus dereitos. Un xeito máis de chantaxe que, dende Tanxer, denuncia a ONG Attawasoul. Penso nela pola súa historia, polo seu día a día e porque, hipocritamente, no meu conxelador continúa habendo gambas peladas.

“Fattouma pela gambas coas súas mans, a diario, por cincuenta céntimos de euro, e non as aseguran por ter reclamado os seus dereitos”

Ademais tamén tivestes ocasión de entrevistarvos con persoeiros da talla da feminista Nadia Naïr, como foi ese encontro?

Brutal, con perdón. En Marrocos todas valorabamos moitísimo saír a terreo e coñecer os proxectos que Agareso e ACPP fan realidade xunto as contrapartes locais, pero sentarnos nunha mesa xunto a Nadia Naïr Aida Mosquerafoi, sen dúbida, outra das mellores experiencias deses días entre Nador e Tánxer. Persoalmente, aprendín moito. Convencida defensora dos dereitos da muller, Naïr púxonos en contexto. Falounos da Constitución de 2011, dos avances en igualdade, das incoherencias que permanecen pese ó progreso… Botou a vista atrás e tamén cara ó futuro. Un exemplo foi o caso do velo que, sumado á lección de Jamila, ata acabamos por entender por que en moitos casos as mulleres tapan o seu cabelo. Dende unha decisión persoal, por estética -sí, aquí a moda pode estar nun piercing ou en sumar dúas tallas de peito, mentres alí a cousa está nas cores e os tipos de suxeición dos velos-, por tradición, por imitar ás presentadoras de televisión… Ou, si, tamén porque un irmán ou un pai así o dita. Hai de todo.

E se falamos das organizacións coas que tivestes contacto? Como valoras o traballo que están a realizar asociacións como “Ahlam”? Como o definirías?

Pois realizan un traballo que xa quixeramos moitas veces aquí. Teñen un compromiso total na defensa dos dereitos humanos. Algunhas entidades loitan -sen armas- pola educación de nenos e nenas, polo acceso á sanidade, pola defensa do medio ambiente, pola emigración legal, pola non vulneración dos dereitos dos emigrantes, pola defensa das nais solteiras, polos dereitos laborais de homes e mulleres… Ahlam, en concreto, é unha palabra árabe que, en galego, significa “soños”. Penso que iso o di todo. Dende Ahlam loitan por un mundo mellor porque un día soñaron que era posible.

“En Marrocos hai unha censura impresionante, pero aquí non é diferente. Ultimamente vemos, por fin, o que acontece nos muros de ferro de Ceuta e Melilla”

Cales dirías que son os proxectos máis necesarios? En que ámbitos hai máis traballo por facer?

Non hai un proxecto máis necesario ca outro. Cada iniciativa, no seu ámbito, é imprescindible. Non hai máis que ver os informativos, e o que amosan non é nada, empezando tal vez porque en Marrocos existe unha censura impresionante nos medios de comunicación. No noso caso, estivemos horas retidas no aeroporto por non renegar da nosa profesión. Por que as autoridades temen a entrada de cinco xornalistas pese a asegurar que van coñecer proxectos de cooperación?  Pero España non é moi diferente, ultimamente vemos, por fin, o que acontece nos muros de ferro de Ceuta e Melilla. Algo que non é de onte, pero que semella novo. Por que será?

En liñas xerais, sorprendeute o que atopaches ou era o que agardabas?

Sorprendeume a facilidade e amabilidade das persoas para falar da súa situación, incluso cando o idioma complicaba o asunto. Agardaba coñecer situacións duras e coñecinas moi duras, pero tamén aspectos que resultaron ter menos peso cando forman parte dunha realidade totalmente diferente á nosa. Din que pobre non é quen ten pouco, senón quen precisa moito, e en Marrocos atopamos máis sorrisos pola rúa que aquí, en España, a diario.Aida Mosquera

A vosa viaxe comezou preto dese lugar do que tanto escoitamos falar ultimamente, a valla de Melilla, que sentes cando escoitas as noticias dos últimos días?

Penso que a ver se espabilamos, ou espabila quen ten que facelo. O problema non está na valla, o problema está na realidade duns países que leva a miles de persoas a arriscar as súas vidas a deixalo todo atrás. A solución non está en impedir o acceso ou dificultalo ata o punto de vulnerar os dereitos de quen tenta cruzar, a solución está en que a emigración non sexa unha saída para a subsistencia. Ninguén debería sentirse obrigado a deixar o seu.

Que falta dende a nosa perspectiva? Conciencia? Solidariedade? Empatía?

Dende a sociedade civil? Supoño que empatía, a capacidade de poñernos no lugar dos demais. É moi sinxelo xulgar ás persoas mentres cambiamos de canal. As cousas suceden por algo e a solución, igual que non está nas pelotas de goma nin nas concertinas, tampouco está en domiciliar un puñado de euros mes a mes, con destino a “quen os precise”, para respirar un pouco máis tranquilos.

“As cousas suceden por algo e a solución non está nas pelotas de goma nin nas concertinas”

Durante a vosa experiencia tamén escribistes un blog, algo que tamén vos viría moi ben a modo de diario persoal, porque debestes traer a mochila repleta de historias…

Si, en “De Nador a Tánger”cada noite -cando a wifi nolo permitía- publicabamos reportaxes, entrevistas, fotografías… Diferentes pezas xornalísticas coas que pretendiamos contar o traballo de organizacións e persoas que colaboraron por un día a día máis xusto. Ao longo do seminario, que por certo a cuarta edición está xa en marcha, escribimos temas relacionados co xornalismo social e a cooperación, e en Marrocos fixemos o mesmo, dende o terreo. As impresións persoais é ben certo que se colaban entre as liñas dalgunhas crónicas, pero máis que un diario persoal tratamos de poñer sobre a mesa a realidade que puidemos palpar e que todo o mundo debería coñecer. Para iso está o xornalismo, non?

Aida MosqueraEn canto a aprendizaxe? Dirías que esta viaxe che serviu para aprender? En que senso? Máis a nivel persoal ou profesional?

Aprendín moito, si, e máis que me falta. Persoal ou profesionalmente? Eu penso que é a persoa a que fai ó profesional. Un xornalista pode ser máis ou menos obxectivo (se é que existe unha obxectividade plena), pero non posúe departamentos estancos dentro de si. Aprendín que a historia é moi difícil coñecela a distancia e, por tanto, tamén contala.

Pode calquera facer unha viaxe deste tipo? Ou hai que prepararse e ser conscientes do que imos atopar?

Eu son “calquera”, e puiden. Hai que ter respecto polas persoas, polas súas tradicións e, sobre todo, pola súa situación. Pero non só en Marrocos.

Ti como decidiches facela? Que te levou a orientar a túa carreira no senso do xornalismo social e a cooperación?

Supoño que precisamente porque penso que non se pode desligar totalmente á persoa do profesional. Gustaríame que a vida fose un pouquiño máis sinxela, ou polo menos xusta, para todos. Penso que o poder da comunicación está na educación, na súa capacidade para sensibilizar ás persoas. Pero temos que ser críticos, para ben e para mal. É unha pena que unha cámara teña que amosar a miles de persoas tentando cruzar quilómetros de ferro para que as cousas cambien, pero se é a forma de conseguilo eu voto por un xornalismo que conte a realidade e denuncie o que toque. Se temos que mellorar o mundo entre todos, a ferramenta dos xornalistas é o lapis e son os ollos.

“Eu voto por un xornalismo que conte a realidade e denuncie o que toque. Se temos que mellorar o mundo entre todos, a ferramenta dos xornalistas é o lapis e son os ollos”

Que papel debe desempeñar o xornalismo neste senso? Cres que é importante a labor dos medios?

Penso que a labor dos medios é moi importante, moito. Precisamente porque todos os beneficios que ten o xornalismo no senso de chegar á cidadanía, sensibilizala sobre certos temas, educala a fin de contas, pode xogar en contra se as cousas se fan mal. Un tratamento arrevesado da realidade, a manipulación por parte de quen pon os cartos ou quen toma decisións politizadas… Pode facer moito dano. Tanto coma quen xeneraliza cando acusa a todos os medios e todos os xornalistas de pouco profesionais.

A que te dedicas nestes momentos?

Pois levo temas de comunicación na Fundación Lonxanet para la Pesca Sostenible (pódese visitar a súa web para coñecer mellor a súa labor) onde traballamos con pescadores artesanais na procura da xestión compartida dos recursos mariños como garante da súa sostibilidade social, económica e ambiental, e dende que volvemos de Marrocos estudo Traballo Social na Uned. Non sei se por impulso trala experiencia ou porque considero que é unha ferramenta máis para mudar as cousas. Penso que un pouco das dúas cousas, unido á dificultade actual de facer Xornalismo (si, con maiúscula).

E se miras cara o futuro, que proxectos che gustaría poñer en marcha?

Uff… Diso mellor falamos mañá, cando o teña todo un pouco máis claro.

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 25 de Febreiro do 2014 | 11:22 a.m.

Outros temas de Entre Nós