publicidade hoxe
A paixón polos libros - Cabecera

A paixón polos libros

Sempre dixen que a literatura, a paixón polos libros fainos máis libres, mellor persoas. Pero ollo, ser malvado non significa ser inculto. Coñecida é a historia da bibliotecaria máis sanguinaria da historia. A malvada, sádica e cruel, Ilse Koch, a muller de Karl Koch, coronel do campo de concentración Buchenwald. A señora Ilse, a bruxa de Buchenwal, encadernaba os seus libros con pel, moitas veces tatuada, que lles arrincaba ás súas vítimas.

Eu sempre sosteño -como escribiu coa súa prosa deslumbrante Albert Camus na súa famosa (á vez que excepcional) novela La Peste– que, “nos homes hai máis cousas dignas de admiración que de desprezo”.

E para contrapor á barbarie infinda da sanguinaria Ilse Koch e ao drama do holocausto nazi podemos ilustrar como foi a edición do libro que Pablo Neruda dedicou á guerra civil, España en el corazón.  

O poeta chileno totalmente identificado coa Segunda República ensoñou un poemario cheo de paixón e dor, “por las calles la sangre rota del hombre se juntaba/ con el agua que sale del corazón destruido de las casas:  los huesos de los niños deshechos, el desgarrador/ enlutado de las madres, los ojos/ cerrados para siempre de los indefensos”. 

A primeira edición do libro en España, realizada no taller tipográfico do Mosteiro de Montserrat, imprimiuse de xeito artesanal, cunha curta tirada. O papel fixérono os soldados nunha fábrica de papel abandoada (en Orpi), para a pasta utilizáronse trapos que os mesmos soldados aportaron, vendaxes das feridas, camisas, gorros, ata bandeiras. Todo un poema humano e solidario. Toda unha lección de Vida que merece ser lida para non esquecer xamais.

En definitiva entre as “cousiñas” que aprendemos nos libros é que existen diferenzas abismais entre os corazóns dos seres humanos. Entre o corazón podre e irreverente dos que fan chorar e o corazón ardente e admirable dos que choran. Exactamente as mesmas diferenzas que existen entre a bruxa de Buchenwal e os soldados que fixeron a edición do poemario de Neruda.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 25 de Xuño do 2013 | 10:35 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"