publicidade hoxe
A nostalxia de Woody - Cabecera

A nostalxia de Woody

Woody Allen

Creo que xa o comentei algunha vez neste espazo, e non me da vergoña volver recoñelo: hai directores cos que son incapaz de ser obxectiva. Cando se fala de que van sacar unha nova película, agardo por ela como auga de maio, e sempre vou ser moito máis receptiva que con outros. Éche o que hai.

Un destes realizadores que me fai mirar con esperanza a carteleira é, sen lugar a dúbidas, Woody Allen. Moitos dirán que xa non está en estado de gracia, pero eu continúo gozando dos seus filmes. Que por que digo isto? Porque hoxe lin críticas da súa nova película, “Magic in the moonlight”, esa pola que teremos que agardar ata finais de ano, e falan dun filme menor de Allen. Non digo que non, pero poñédeme en bucle películas menores deste director, por favor.

Dacordo que as súas últimas producións non son “Manhattan” nin “Annie Hall”, pero é que eses dous filmes son palabras maiores. “Blue Jasmine”, a súa última película, pareceume máis que digna, cunha tremenda Cate Blanchett. Máis frouxa é “A Roma con amor”, dende logo. Pero se nos remontamos ao 2011, atopamos un dos filmes que máis disfrutei de Allen dos últimos anos: “Midnight in Paris”.

Woody AllenNela atopei con gusto esa maxia que xa me transmitira o director con “A rosa púrpura do Cairo”, unha das miñas películas favoritas das que levan a súa sinatura. A historia parisina fálanos dun escritor norteamericano que chega á cidade coa súa prometida e os seus pais. El camiña polos barrios soñando cos anos 20, tanto, tantísimo, que sen saber como, remata sendo transportado ao barrio Latino e ao París desa época, no que se codeará con algunhas das personaxes máis importantes da cultura do momento.

Para definila, podemos dicir que transmite “bo rollo”. É unha película moi sinxela, pero que o que presenta o fai dun xeito case perfecto na forma e no fondo. Tecnicamente temos unha cámara que non recorre a artificios, que está ao servizo de contar unha historia. Os movementos son os xustos, nin máis nin menos, e os planos fixos ocupan case toda a metraxe.

Sobre o guión, nun principio temos algo moi semellante ao xa visto noutras películas do director: musiquiña jazz, catálogo turístico (un trazo que se repite na serie de filmes que Woody Allen ven grabando por Europa nos últimos anos, que parecen máis ben unha lista de lugares que visitar) e unha cidade europea de fondo. Pero todo muda cando, unha medianoite, o protagonista viaxa décadas atrás no tempo subido nun Peugeot anónimo.

Ese automóbil levará ao protagonista a alternar con personaxes como Dalí, Picasso, Hemingway, Zelda Fitzgerald o Gertrude Stein, unha viaxe que serve a Woody Allen para renderlles unha sentida homenaxe, cargada de respecto e admiración. Un periplo nostálxico, que nos deixa a sensación de que calquera tempo pasado foi mellor, pero gozando dun sentimento de alegría. Incluso muda o seu humor, deixando seu sarcasmo tan típico e optando por bromas feitas cun maior agarimo.

Todos os actores están perfectos nos seus papeis, e dan forma a este encargo de Allen: unha película chea de imaxinación, que vai máis aló do simple encadenamento de gags para pór sobre a nosa mesa unha historia que é case un conto.

Woody Allen

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 24 de Xullo do 2014 | 7:58 a.m.