publicidade hoxe

A memoria das árbores

O sol ferve alá arriba no ceo. Vai moito bochorno. Decido ensoñar o artigo para o noticieirogalego.com no xardín da miña casa, baixo a sombra protectora do limoeiro. Ao meu carón repousa o Nadal, o noso fiel can labrador, como quen di, un máis da casa.  

Se hai na literatura (e na natureza) un elemento simbólico inaugural que sexa quen de sintetizar ao ser humano en calquera mitoloxía é, sen dúbida, a árbore.

Sábeo ben, por exemplo, o Octavio Paz de Arbol adentro que representa o labirinto da soidade interior. Ou o Lezama Lima das Eras imaginarias que recrea a orixe da humanidade nunha árbore fecundada por un río. Ou a viaxe intimista que propón Alicia Aza, El libro de los árboles, na que a vida (arbórea) amosásenos coma un espello no camiño, para reflectir a insoportable levedade do ser. Ou a metamorfose do protagonista de Madeira de gañador da boa dramaturga Teresa González Costa, que fica -como lle acontecera a Dafne na fuxida de Apolo-, convertida en árbore.

E non digamos, nesa novela intensa e suxerente coa que Marina Mayoral principiou a súa andaina na literatura galega, Unha árbore, un adeus, onde a voz narradora de Laura fainos reflexionar sobre a volta ás raíces, a vontade de ter unha vida propia, entrementres planta un magnolio.

O binomio, árbore – home, aparece, tamén, con forza no lenzo de Castelao “O neno das piñas” e é que como lle dixera o rianxeiro ao paisano que regresaba á terra, “chegando, procuras un pino e dáslle por min unha aperta e un bico”.

Por certo, o noso limoeiro está inzado de limóns e pasmádevos, amigo lector, de laranxas, todo un prodixio da natureza (léase convivencia), pois non me digades que non é un pequeno (e infindo) tesouro, unha fermosa metáfora (botánica existencial), que amosa dous elementos claves da comunicación, a pluralidade e a diversidade, laranxas e limóns en perfecta harmonía.

Case me esquezo, hai un excelente libro de Xosé A. Neira Cruz -que eu sempre recomendo aos meus alumnos e amigos- que leva por título, A Memoria das árbores, que nos fai ver o fráxil que pode chegar a ser a memoria dos seres humanos e o duradeira que é a memoria das árbores.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 28 de Setembro do 2013 | 11:57 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"