publicidade hoxe
A liberdade perigosa - Cabecera

A liberdade perigosa

Onte fun falar de A Liberdade perigosa (Ed. Punto Rojo Libros) do amigo e veciño, Mario Franco. Trátase dunha novela historicista, documentalista, gráfica. Unha crónica da memoria de noso, da emigración galega en Venezuela.

Tiven a sorte de achegarme a esta novela cando aínda era un manuscrito. Unha historia que engancha á primeira. Que atrapa ao lector dende a primeira páxina. E sabedes por que?

Pois non é por que estea maxistralmente escrita, que o está; senón que é porque as historias, os sucesos, os acontecementos narrados, son historias, sucesos, acontecementos, vividos. Velaí a autenticidade desta novela, velaí o seu infindo valor.

A novela posúe unha linguaxe sinxela, moi cinematográfica; semella que o autor anda cunha cámara no ombreiro, recollendo as distintas esceas da vida de Diego, o protagonista. Unha linguaxe inzada de palabras, de expresións tipicamente venezolanas que o autor recolle coa súa correspondente acepción en galego, vaina, No joda!, carro, bolo (a forma abreviada do bolívar que equivalía a 20 pesetas), Malandro (delicuente)…

Mario Franco Rodríguez sempre di que principiou a escribir de xubilado, pero diso nada. Principiou cando trocou os lares patrios polos eidos alleos e decidiu percorrer o mundo coma un nómada compañeiro do vento e estrelas, como diría Celso Emilio Ferreiro (que traballaba na emisión radial da Irmandade Galega).

Principiou a escribir no momento que chega ao porto de La Guaira e entrando a noite, lembras…? Dedicácheste a observar todo aquilo con interese, os galegos, os venezolanos… Todo un mundo, un universo por descubrir ante os ollos dun mozo de 22 anos que levaba un queixo e uns libros na maleta.

En Caracas existía “O Lar galego”, dirixido por Pepe Velo, de Celanova, (o que sería un dos ideólogos do secuestro do Santa María), onde había unha peña de xadrez que levaba o nome de Alexandre Bóveda.

E exiliado tamén estivo o intelectual galeguista, folklorista, debuxante e escritor Xosé Sesto Novás e o seu fillo, Farruco Sesto, recoñecido poeta que foi ministro con Chaves e arestora está no governo de Nicolás Maduro.

Venezuela foi un país tardío como receptor de emigración galega (primeiro foi Cuba e logo Arxentina). Na década dos 50 e 60 do século XX, ten lugar a emigración masiva a Caracas. Os canarios (os isleños) son un 40 por cento dos emigrantes e os galegos un 30 ou 35 por cento.

Tiñan un obxectivo económico moi claro, gañar cartos. Facer fortuna e regresar á terra. O galego, axiña se adapta ás triquiñuelas, en pagar por calquera cousa, con tal de non meterse na burocracia. Ata paga para acadar o carnet de conducir, primeiro era o carro (o coche), e logo o carnet, que se quitaba, por suposto, sen saber nada de nada e máis tarde aprendíase a manexar, é dicir, a conducir a coñazos.

O auxe petrolífero e a política de “Puertas abiertas” de Marcos Pérez Jiménez favoreceu a emigración (logo virían as primeiras eleccións democráticas gañadas por Rómulo Betancourt, primeiro presidente electo).

Os galegos fan todo tipo de traballo, e cando teñen uns aforros, o que queren é establecer un negocio (o que retarda o proceso de retorno) comercios, zapaterías, tintorerías, no sector dos tecidos (almacéns Cortes, Pepe gangas de Carballiño), restaurantes.

Os italianos dedicábanse máis á restauración e á construción, e os portugueses aos abastos.

En definitiva, Mario móvese moi ben nos espazos curtos, coma nun cuadrilátero de boxeo, no manexo do ritmo e do tempo. É autor de libros, Terranova, Memorias dun mariñeiro, A derradeira campaña do Capitán Samuel, A capela Maldita (con estas dúas últimas gañou o Certame Avilés de Taramancos de Relatos de Aventura), e algunha outra que rebule no seu caletre.

E Mario móvese moi ben na Liberdade Perigosa, hai que ter en conta que a novela dedícalla á súa dona e nai dos seus fillos, Pruden, que compartiu con el aqueles días e moi ben puidese ter sido a Evelyn desta historia.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 20 de Xuño do 2014 | 5:06 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"