publicidade hoxe
A formación do plural - Cabecera

A formación do plural

A continuación veremos como se pode indicar o plural en galego, aínda que as regras que imos ver van convivir con casos particulares como poden ser o de ser palabras invariábeis en singular ou en plural así como a adaptación dos estranxeirismos.

Palabras que rematan en vogal, ditongo ou en -N

trespesEstas palabras van formar o plural engadindo un -S.

Exemplos:

-aba / abas; arró/ arrós; amalló / amallós…

-bocoi / bocois; chapeu / chapeus; trepia / trepias…

-bambán / bambáns; batán / batáns…

NOTA: non esquezamos que as palabras que rematan en singular por -N a nivel falado presentan no espazo galego tamén as terminacións -S e -IS, pero á hora de escribirmos sempre empregaremos -NS. Tamén existe unha tendencia moi pronunciada de facer o plural das rematadas en ditongo en -*IES ou -*ISES, algo que temos que descartar na escrita (p. ex. *bocoies ou tamén *reises, leises…)

Palabras rematadas en -L

Neste tipo de palabras teremos que contemplar tres posibilidades:

1. Palabras monosílabas:

Estas palabras engadirán para formar o plural -ES, incluso se estes monosílabos forman parte dunha palabra composta (ollo porque aínda que aparenten compostas, tanto caracol como aerosol son palabras simples e guiaranse pola regra b.2.)

Chuchamel

Exemplos:

-sol / soles; mel / meles…

-chuchamel / chuchameles; cartafol / cartafoles; parasol / parasoles…

2. Palabras polisílabas agudas:

Neste caso substituiremos o -L por -IS.

Exemplos:

-cicel / ciceis; curral / currais; dedal / dedais; fiel / fieis…

3. Palabras graves:

Estas palabras engadirán o morfema -ES. Con todo, teremos que ter en conta que as palabras que rematen en singular por -BEL farán o plural en -BEIS (amábel / amábeis…) tal como se viu no Tema VII.

Exemplos:

-fósil / fósiles; mísil / mísiles; réptil / réptiles…

Palabras que rematan en -R ou -Z
arroaz
chafariz

Estas palabras engaden o morfema -ES sobre a palabras en singular.

Exemplos:

-alfoz / alfoces; arroaz / arroaces…

-amencer / amenceres; chafariz / chafarices…

Polo que respecta aos estranxeirismos, soen adecuarse á regra anterior, aínda que hai algúns casos pouco integrados no noso idioma nos que tamén se admite o plural en -S.

Exemplos:

-dólar / dólares; somier / somieres…

-gángster / gángsteres ou gángsters…

Palabras rematadas en -S ou en -X [ks]

As agudas rematadas en -S forman o plural engadindo -ES, a non ser aquelas que o fagan nun grupo consonántico.

Exemplos:

-compás / compases; burgués / burgueses…

-un luns / varios luns…

Aquelas graves ou esdrúxulas rematadas en -S van aparecer no plural como invariábeis.

Exemplos:

-un lapis / varios lapis; un oasis / varios oasis; un mércores / varios mércores…

Polo que respecta a aquelas rematadas en -X [ks] van aparecer como invariábeis tanto que sexan agudas, graves ou esdrúxulas.

Exemplos:

-un tórax / varios tórax; un fax / varios fax; un clímax / varios clímax…

Palabras rematadas noutras consoantes

A maior parte destas palabras soen ser estranxeirismos e forman o plural engadindo un -S.

Exemplos:

-club / clubs; fagot / fagots; test / tests…

Formación do plural nas palabras compostas

vacaloura1. Se a palabra composta está formada por dous substantivos ou por un substantivo e un adxectivo o normal é engadir o plural ao segundo elemento da composición.

Exemplos:

-vacaloura / vacalouras; paporrubio / paporrubios; cartafol / cartafoles…

2. Cando o grao de cohesión non é total entre os dous elementos da palabra e que incluso se escriben separados o morfema de plural engádese a cada un deles.

Exemplos:

paporrubio-garda civil / gardas civís; porco teixo / porcos teixos…

3. Se a palabra composta está formada por un verbo como primeiro elemento e outro elemento calquera, daquela soamente irá o plural no segundo elemento.

Exemplos:

-bulebule / bulebules; vichelocrego / vichelocregos…

4. Naquelas palabras compostas que levan preposición de enlace o plural soamente irá no primeiro elemento.

Exemplos:

-Pata de cabra / patas de cabra; cabalo do demo / cabalos do demo; arco da vella / arcos da vella…

Fraseoloxía:

*”Ser un can vello” (que unha persoa é difícil de enganar)

*”Facerlle o conto a alguén” (intentar caer ben a alguén para sacar un proveito)

*”Ser feo/-a coma un corno” (ser moi feo/-a)

*”Abanearlle as costelas a alguén” (baterlle a alguén)

*”Dar que falar” (ser obxecto de murmuracións)

*”Armarlle ao merlo (andar a meterse en problemas)

Refraneiro:

*”A cabalo regalado non se lle mira o dente”

*”Con castañas asadas e sardiñas saladas non hai viño ruín”

*”Desde que a moza se casa todos son pretendentes”

*”O que ós vinte non é home, ós trinta non ten forza, os corenta non é rico e ós cincuenta non casou, este paxaro xa voou”

*”Padriño de voda e alcaide de aldea, quen queira ser que o sea”

*”Vale máis o vello non olvidado que o novo non recordado”

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 7 de Xaneiro do 2015 | 6:59 p.m.