publicidade hoxe
A dous centímetros e medio - Cabecera

A dous centímetros e medio

Fondeo as nasas no mar da vida e fico só co necesario, co preciso, co imprescindible para vivir. As pequenas “cousiñas”. As que non se mercan con cartos. As mesmas que nos achegan (sen sabelo, moitas veces) a dous centímetros e medio da felicidade.

Necesitamos da voz, das miradas oceánicas, das palabras agarimosas que ondean batendo no fráxil faro de cristal que é a nosa vida. Precisamos do sol interior, da luzada dos teus beizos, das caricias na pel. Precisamos da auga e do pan. Da sal e da pementa. Pero tamén da lembranza, da ilusión, do entusiasmo, do riso, dos soños, da paixón, do amor. Dun promenade polo malecón dos sentimentos facendo escala técnica na area vermella do coraçao.

Necesitamos saber que o éxito que realmente importa é o da vida íntima. Que ter un millón de euros é sinónimo de ser rico, non de ser feliz. Que fracasar ou perder forma parte da aprendizaxe vital. Que se aprendemos dos erros, xa temos moito gañado. Que sempre hai que deixar unha ventá aberta. Precisamos ás para voar coa imaxinación. Que os versos de chuvia poden ser un magnifico GPS. Precisamos saber que a parella coa que decidimos compartir o camiño, a estrada (da vida), a mesma que te chama preocupada cando chegas tarde ou non estás na casa, “es linda (lindo) desde los piés hasta el alma” que diría Benedetti.

Necesitamos recoñecer os seres imprescindibles. Os que sempre están ao teu carón cando os precisas. Os que te fan rir ou chorar ou cavilar. Ou todo ao mesmo tempo. Precisamos (insisto) das pequenas “cousiñas” da vida, as que non se poden mercar cos cartos. As mesmas que nos achegan a dous centímetros e medio da felicidade.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 7 de Febreiro do 2014 | 7:57 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"