publicidade hoxe

A chuvia vende

Abres a ventá do noso país e xa ves chegar a chaparrada toda leda do atlántico. A Chuvia é vida. É arte. Que siii. Que tes razón, molla, e non vai mollar. Quen o discute? E pode ser que aburra a un santo (ou a dous, se son pequenos). O que digo é que a choiva é todo un verso xenuíno que forma parte natural do noso infindo patrimonio inmaterial. Seica temos ata setenta vocábulos para designar a chuvia. Que marabilla. Chove ou non chove? Isa é cuestión que diría –sir William.

Dende Meteogalicia cóntannos que temos de todos os tipos. Que a máis común son as persistentes e de carácter débil, borraxeira, chuviscada, fuscallo, lapiñeira… Aínda que tamén as temos fortes, arroiada, ballón, Ciobra, chubascada… Ás veces (Deus a mande maina) vén na compaña de tronos e raios, torbón, trebón, torboada, treboada… E outras chega (moi fotoxénica) coa neve e co xeo, nevarada, nevarisca, auganeve, sarabiada… Cando vai condensación dicimos, borraxeira, borraxoia, zarrazina, nebra… Se escampa falamos de, amizar, delampar, escambrar, estrelampar…

E isto, digo eu, témolo que aproveitar. A chuvia vende. E debía de estar máis explotada no eido turístico. Xa estou vendo o cartel publicitario nas axencias de viaxe de París, New York, ou de Madrid. “Fin de Semana en Galicia. Hostal dos Reis Católicos. Chuvia incluída. De agasallo un paraugas sete parroquias”. O inglés exclamaría nada máis baixar do avión (en calquera dos tres aeroportos que posúe o noso prolífico país), It´s raining cats and dogs (ou sexa, chove de carallo). E todos os turistas, móbil en man, tirando retratos a toda plana á chuvia, aos charcos, ao ceo, aos peregrinos, ás fontes, aos ríos e ao señor abade que entra todo empapadiño pola Quintana. “Y mire señor guía” –preguntaría unha señora que leva xa tres meses (como pasa o tempo) vivindo na capital de España. “Como le llaman en el gallego, entonces, a cuando llueve miudiño”. “Pois chamámoslle orballo, señora”. “Ah, el orballo, mira que bien, nosotros allá en los madriles le llamamos calabobos. “Pero é que aquí bobos non temos, señora. Mandámolos todos para Madrid”, contestaría (léase pensaría) moi profesional, o guía, entrementres lles amosaría, ao resto do grupo, uns fermosos nubarróns negros.

Si señor. Se algo sabemos os galegos é que nesta nosa terra, a chuvia non cae, que vai caer, póusase, póusase solermiñamente sobre as nosas lembranzas. E para rematar esta viaxe pola chuvia galega –diría con voz radiofónica o noso guía profesional- voulles recitar un poema dun escritor galego que non é moi coñecido pero gusta moito da chuvia.

Houbo un tempo de chuvia. Un tempo de palabras de lume que sobreviviron ao esquecemento. Nubes cantareiras no ceo gris. Gotas a coriscar na xanela. Roupa enchoupada a secar na lareira, pingueiras na palleira, lameira na eira, regueiros na herbeira, fochancas de auga preto da carballeira e a Pinguela desbordada a anegar a aldea. Houbo un tempo de chuvia. Un tempo de palabras de lume que sobreviviron ao esquecemento. Abroiaban daquela escarabanas no corazón, regatos, sentimentos e tamén trebóns. Prados, afogados e laídos. Fontes, fontenlas e amoríos. E cando, inevitablemente, saía o Sol implacable, sentíamos nostalxia deste tempo fuxidío, e abríamos os brazos e mirábamos ao ceo, agardando que as nubes cantareiras retornasen, coa súa música, un tempo de chuvia, un tempo de palabras de lume que sobreviviron ao esquecemento.

E habería moitos aplausos. E a señora que xa leva tres meses na capital falaría (e moi ben, por certo), “pues sabes que te digo, que a este señor que tengo aquí a mi lado, que para mi es inglés o francés, tanto me tiene, pues también le gustó mucho el poema”. “Moitas grazas señora”–contestaría o guía (sempre moi profesional) mirando cara ao ceo. E, coa súa voz radiofónica, despediríase, “antes de baixar do autobús recollan cadanseu paraugas (sete parroquias). Agasallo de Galicia. Que gocen desta fermosa fin de semana chuviosa”.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 1 de Febreiro do 2014 | 10:54 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"