A acentuación (I)
Unhas regras de acentuación deben permitir que recoñezamos a sílaba tónica en todos os casos, e por outra banda seren unhas regras facilmente memorizábeis e cun uso mínimo de acentos gráficos. En galego soamente se empregará como acento gráfico o agudo ( ‘ ).
a.- Palabras agudas: levarán acento gráfico aquelas palabras polisílabas que rematen en vogal, en vogal + N, en vogal + S ou en vogal + NS.
Exemplos:
Campá |
Alá |
Mazá |
Ananás |
Paspallás |
Corricán |
Roxón |
Batán |
Parchís |
Corricáns |
Roxóns |
Batáns |
Consecuentemente non levarán acento gráfico monosílabos (a non ser que o leven diacrítico, do que se falará no tema seguinte) nin aquelas palabras que rematen en consoante diferente de -N ou -S ou aquelas que, aínda sendo polisílabas, a súa última sílaba sexa un ditongo decrecente (aínda que vaia seguido de S).
Exemplos:
La |
Sen |
Fol |
Bancal |
Silveiral |
Culler |
Ademais |
Andou |
Tremeu |
b.- Palabras graves: levarán acento gráfico aquelas palabras que rematen en consoante distinta de -N ou de -S. Tamén levarán acento gráfico aquelas que rematen nun grupo de dúas consoantes diferentes de -NS. Ademais levarán acento gráfico aquelas palabras graves que a última sílaba sexa un ditongo decrecente.
Exemplos:
Móbil |
Hábil |
Símil |
Bíceps |
Clímax |
Fórceps |
Xustificábeis |
Admirábeis |
Consecuentemente non levarán acento gráfico aquelas palabras graves que rematen por vogal, vogal+N, vogal+S ou vogal+NS
Exemplos:
Tallo |
Bubela |
Escaravello |
Canon |
Colon |
Dolmen |
Laiaras |
Fabas |
Falas |
Canons |
Dolmens |
Colons |
c.- Palabras esdrúxulas: Todas as palabras esdrúxulas levan acento gráfico.
Exemplos:
Brétema |
Apóutega |
Mágoa |
d.- O acento gráfico de I e de U cando van en hiato: Cando as vogais I ou U van en contacto con outra vogal e son tónicas sempre levarán acento gráfico para indicarmos que esas dúas vogais pertencen a sílabas diferentes e que non forman ditongo.
Exemplos:
Lúa |
Viúvo |
Decrúa |
e.- O acento gráfico nos estranxeirismos: Canto aos estranxeirismos normalmente seguen as regras xerais anteriores
Exemplos:
Xampú |
Iceberg |
Iglú |
Quórum |
Mitin |
Pícnic |
Déficit |
Bádminton |
Hándicap |
Fraseoloxía:
*“Oír campás e non saber onde tocan” (Non entender ou non se decatar de algo)
*“Ser máis duro ca un batán” (Ser moi dura unha persoa ou cousa)
*“Estar quente coma un rixón” (Ter moita calor ou estar moi quente)
*“(Non) ser un paspallás” ((Non) ser parvo)
*“Feder/cheirar coma unha bubela” (Cheirar moi mal)
*“Ser pequeno coma unha apóutega” (Ser unha persoa moi pequena)
Refraneiro: *“Quen escaravello manda, merda lle carrexa” *”En maio aínda a vella queima o tallo” *”Brétema no monte, mellor que pola mañá é pola noite” *”Mágoas alleas matan aos burros” *”Lúa, a de xaneiro; e amor, o primeiro” *”Viúva rica, cun ollo chora e con outro repenica” |