publicidade hoxe

A Xunta licita as obras da senda entre Bagüín e Seixo e remata o itinerario entre Coirados e Pardavila, en Marín, cun investimento total de case 1,4 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPontevedraPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ás obras da senda entre Coirados e Pardavila

Ethel Vázquez na visita ás obras da senda entre Coirados e Pardavila

A Xunta licita as obras dunha nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-551, entre Bagüín e Seixo, no concello de Marín, e remata os traballos do itinerario da estrada PO-313, entre Coirados e Pardavila, que supoñen un investimento conxunto da Xunta de case 1,4 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa alcaldesa, María Ramallo, e a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, supervisou esta mañá a finalización da senda entre Coirados e Pardavila, na estrada PO-313, que supuxo un investimento autonómico de 715.000 euros.

Vázquez Mourelle asegurou que o Goberno galego está a transformar a comarca do Morrazo en termos de mobilidade e seguridade viaria a través do conxunto de actuacións que esá a impulsar nas estradas autonómicas.

A titular de Infraestruturas avanzou que os traballos do itinerario peonil e ciclista na PO-551 entre Bagüín e Seixo se licitan hoxe por preto de 675.000 euros, coa fin de iniciar as obras no segundo trimestre do ano e telas rematadas xa a finais de 2021 ou comezos de 2022. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 22 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

Segundo detallou Ethel Vázquez, construirase unha nova senda de case 1 quilómetro pola marxe dereita da estrada, en formigón coloreado, cun ancho mínimo de 1,80 metros, cunha pequena estrutura en voladizo na zona onde existe unha obra de paso. Ademais, para facilitar o cruce entre a senda existente pola marxe esquerda da estrada, disporase un paso de peóns con semáforo con pulsador, antes da parda de autobús.

No marco deste proxecto tamén se mellorará o acceso á praia de Aguete, ampliando a plataforma da estrada coa fin de facilitar as manobras, mellorar a mobilidade na zona e reforzar a seguridade viaria.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que, desde hai practicamente un ano, os veciños de Marín teñen á súa disposición a senda entre Vilaseca e Lapamán, executada nesta mesma estrada autonómica, na PO-551.

Finalización dos traballos na senda Coirados-Pardavila

En canto á senda executada na estrada autonómica PO-313 entre Coirados e Pardavila, Ethel Vázquez salientou que os traballos están practicamente finalizados, á falta de pintura e pequenos remates, logo dun investimento da Xunta de 715.000 euros.

Segundo detallou, a senda de preto de 2 quilómetros executada pola marxe esquerda da estrada, comeza á saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín.

Nos primeiros metros, a senda construíuse en voladizo, para salvar o rego existente. A partir dese punto, o itinerario descorre en formigón coloreado cun ancho mínimo de 1,8 metros. Os traballos incluíron, ademais, a renovación da rede de drenaxe e a mellora da intersección existente no punto quilométrico 2, coa ampliación da calzada para favorecer a realización de cambios de sentido, dispoñéndose un carril central e carrís de cambio de velocidade na marxe, para reforzar a seguridade viaria nese punto.

Vázquez Mourelle destacou que se está a traballar para dar continuidade a esta senda coa execución dun novo treito, entre Pardavila e Cadro, ata a intersección que dá acceso ao lago de Castiñeiras. Con eses 800 novos metros de senda poderase completar un itinerario peonil continuo de máis de 4 quilómetros na estrada PO-313, desde Marín ata Cadro, cun investimento autonómico superior aos 600.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas lembrou que, cunha achega da Xunta de 2,8 millóns de euros, os veciños de Marín disporán de catro itinerarios máis seguros, cómodos e funcionais para os seus desprazamentos cotiáns, a pé ou en bici. Estes itinerarios enmárcanse no Plan de sendas da comarca do Morrazo que recolle a execución de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros. As actuacións son cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.

18 de decembro de 2020 | 13:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.