publicidade hoxe

Un total de 5 empresas presentan ofertas para redactar a Estratexia Loxística de Galicia 2020-2028 e definir as infraestruturas prioritarias para a competitividade do Corredor Atlántico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Un total de 5 empresas veñen de presentar as súa ofertas para redactar a Estratexia Loxística de Galicia 2020-2028 para definir o conxunto de infraestruturas prioritarias para a competitividade do Corredor Atlántico de Mercadorías.

Este contrato, licitado por un importe de máis de 161.000 euros, conta cun prazo de execución de 15 meses. O obxectivo é iniciar aos traballos a comezos do vindeiro ano.

Esta iniciativa da Xunta enmárcase no obxectivo xeral de potenciar as infraestruturas e o transporte como factores de calidade de vida e de competitividade, e responde á defensa conxunta dos intereses do noroeste no Corredor Atlántico europeo.

Para a planificación axeitada das infraestruturas de mobilidade, o contrato detallará aquelas actuacións que garantan o transporte de mercadorías en tempos e condicións competitivas, nun contexto de economía globalizada.

Trátase de aproveitar unha oportunidade única da incorporación da liña ferroviaria Monforte-Ourense-Vigo-A Coruña ao trazado do Corredor Atlántico de Mercadorías é dicir, a un dos nove corredores prioritarios para a Unión Europea. Neste sentido, a Estratexia ten como obxectivo preparar o terreo para que a ampliación definitiva do Corredor Atlántico, entre 2023 e 2027, recolla as reivindicacións da comunidade galega.

A Estratexia tamén será a ferramenta esencial da participación de Galicia no Plan Director do Corredor Atlántico de Mercadorías, cuxa elaboración corresponde o Ministerio de Transportes.

Trátase de contribuír a definir proxectos para que o Goberno central solicite fondos do Mecanismo Conectar Europa ou dos recentemente creados fondos de reconstrución da UE, Next Generation, cos que modernizar o trazado do noroeste do Corredor Atlántico.

A Xunta xa ten claros cales son os proxectos máis importantes, como a Saída Sur de Vigo e a conexión ferroviaria do Porto de Langosteira. Co impulso deste contrato, trátase de definir o conxunto de actuacións precisas para garantir a competitividade da rede ferroviaria de mercadorías e para estender ao conxunto de Galicia as potencialidades do Corredor Atlántico a través dunha acción intermodal e capilar.

Complemento da Estratexia Galega de Mobilidade

A Estratexia Loxística de Galicia é un proxecto orientado ás mercadorías que complementa outro traballo impulsado recentemente pola Xunta para facilitar os desprazamentos das persoas e a competitividade do territorio. Trátase da Estratexia Galega de Mobilidade, en fase de adxudicación, e que conta cun orzamento de case 1 millón de euros e un prazo de 2 anos para definir unha rede coordinada de servizos e infraestruturas de transporte moderna, sostible e eficiente.

Neste caso, a Estratexia Galega de Mobilidade dará respostas ás necesidades de mobilidade nun contexto marcado pola loita contra o cambio climático, a chegada do AVE e o cambio de hábitos pola covid-19.

2 de novembro de 2020 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.